martes, 19 de enero de 2016

2015. Un ano en cifras

Hai unha semana celebrábamos o Día do Usuario e na Neira Vilas quixemos aproveitar a ocasión para darvos as grazas por facer da(s) biblioteca(s) o que somos, un servizo público de todos e para todos no que agardamos que cada un atope o seu lugar.

Agora queremos compartir con vós o resultado deste último ano de traballo, e aínda que o que vos ofrecemos aquí son cifras, sabemos que detrás das mesmas estades os usuarios, así que de novo grazas pola vosa implicación en todo o que facemos. 

Entrando en materia, ao longo do pasado 2015 un total de 85.735 persoas fixeron uso dos distintos servizos que ofrece a biblioteca, ben fose levando documentos en préstamo, consultándoos en sala, facendo uso dos equipos informáticos, participando no programa de actividades, etc. Así mesmo, inscribíronse 1.823 novos socios, cos que o total ascende xa a 12.790.

Se botamos un ollo ás cifras do servizo de préstamo comprobamos que ao longo do 2015 leváronse prestados 38.676 documentos... Como non podía ser doutra forma a maior parte destes préstamos correspóndense con libros (71,5%), sendo a novela o xénero preferido dos nosos lectores. Séguenlle por orde de preferencia o cine/documental (23%), a música (2%), as revistas (2%) e os arquivos de ordenador (1,5%). Tamén se afianza a nosa plataforma de libro electrónico Ebookvigo,  que neste ano incrementou os seus socios en 129 e na que se rexistraron un total de 1.085 préstamos.

Un completo programa de actividades para todos os públicos

 

Pero ademais, na Biblioteca Xosé Neira Vilas temos como un dos nosos obxectivos primordiais deseñar e executar programas e actividades que pretenden proporcionar oportunidades de formación para todos, promover a lectura e fomentar o uso da biblioteca. Así, durante o ano 2015 realizáronse un total de 189 actividades, dirixidas a todo tipo de públicos (adulto, infantil e familiar), nas que participaron 7.057 persoas, ás que queremos agradecer o seu entusiasmo e a súa fidelidade no caso das actividades de tipo permanente: A hora dos Contos, Entre arrolos e contiños ou As tardes do Roque para nenos, e os Contos Dakí e o Club de lectura para adultos téñense convertido en citas indispensables para moitos de vós. Tampouco esquecemos as actividades formativas, como os cursos de alfabetización dixital Achégate a internet, nin outro tipo de iniciativas como os obradoiros, presentacións, recitais, mostras bibliográficas, etc.

Moi contentos estamos tamén coa boa acollida que os programas para escolares  Descubrindo os Clásicos (curso 2014/2015)  e Xogando cos sentidos (Curso 2015/2016) tiveron entre a comunidade escolar: ao longo dos meses lectivos pasaron un total de 59 grupos de diferentes centros de ensino, tanto públicos como concertados, cun total de 1.470 participantes.

Por último, as accións programadas en colaboración con outras entidades, como a Fundación do Secretariado Xitano ou a Asociación Alborada, seguen a afianzar o papel da biblioteca como centro integrador das distintas realidades e sensibilidades presentes na nosa  área de influencia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario