sábado, 18 de julio de 2015

Fotogramas por segundo, Xosé Holgado


Dende o pasado 15 de xullo, podedes gozar na biblioteca coa exposición F.P.S. (Fotogramas por Segundo), de Xosé Holgado, unha serie fotográfica que homenaxea á sétima arte cun traballo baseado na reconstrución dos fotogramas dalgunhas das películas máis representativas da historia do cine. E para completar a mostra, ofrecémosvos unha escolma dos mellores libros de cine da nosa colección, cos que vos poderedes mergullar nos segredos que se agochan tras a gran pantalla.

Voltando ás imaxes de Xosé Holgado, o protagonismo do proceso recae na iluminación, que se integra á perfección con todos os elementos da posta en escena (maquillaxe, peiteado, atrezzo) para dotar ás imaxes da atmosfera das películas que as inspiran: unha selección de filmes dos máis diversos xéneros e épocas, pero cuxos fotogramas se teñen gravado xa para sempre nas nosas retinas.

Se facemos un percorrido cronolóxico polas mesmas non temos máis remedio que comezar co temible Nosferatu, eine Symphonie des Grauens, de F.W. Murnau (1922), obra clave do expresionismo alemán que nos presenta esta terrofífica figura esquelética, de dentes e uñas afiadas. Trátase dunha interpretación libre do Drácula de Bram Stocker(1897), a quen Murnau cambiou o nome para evitar ter que pagar os dereitos de autor...

Non temos que andar moitos anos no tempo para atoparnos coa surrealisa Un chien andalou (1929), de Luis Buñuel, na que participou Salvador Dalí. Unha verdadeira obra de arte e ensaio de 17 minutos que naceu da confluencia dun soño de Buñuel (o do ollo diseccionado por unnha navalla) con outro de Dalí (o da man e as formigas). O nome da película foi escollido por non ter ningunha relación cos temas tratados na mesma, algo moi en consonancia co Surrealismo no que se enmarca.

Se avanzamos ata os anos 60 atopámonos coa inquietante Psycho (1960), do mestre do terror e o suspense Alfred Hitchcock. Baséase na novela homónima de 1959 escrita por Robert Bloch, que á súa vez foi inspirada polos crimes de Ed Gein, asasino en serie de Wisconsin. Trátase de todo un clásico da historia do cine, unha das mellores películas do seu director, tan popular que ten sido versionada - e parodiada - en infinidade de ocasións. E é que Marion Crane e Norman Bates forman xa parte do noso imaxinario colectivo!

Un ano máis tarde estreábase Breakfast at Tiffany's (1961), de Blake Edwards, coa grandísima Audrey Hepburn no papel de Holly Golightly, unha guapa neoiorquina de vida fácil e extravagante. Trátase de novo dunha adaptación, esta vez bastante libre, dunha novela co mesmo título escrita por Truman Capote. Ao igual que a imaxe elegante de Hepburn é xa un icono da cultura moderna, a música de Henry Mancini e a canción Moon River forman parte tamén da banda sonora das vidas de moitos de nós.

Xa nos 70, atopámonos coa película Cabaret (1972) de Bob Fosse, coa magnífica interpretación de Liza Minelli, que se ten convertido nun dos mellores musicais da historia, cando parecía que este xénero estaba xa desaparecido. Como nos casos anteriores, a literatura está nas orixes da película, xa que se basea nun musical de Broadway que á vez se inspira na novela Goodbye to Berlin de Christopher Isherwood (1939). Imborrable a imaxe de Sally Bowles (Liza Minelli) cantándonos aquilo de "Life is a cabaret, old chum! Come to the cabaret!".

Chegamos á década dos 80 da man doutra desas pelis que te deixa os pelos de punta: The shining (1980) de Stanley Kubrick. Quen non recorda ese inquietante paseo en triciclo polos pasillos do hotel Overlook ou a terrible mirada de Jack Torrance (Jack Nicholson)? Baseada na novela do bestseller do xénero de terror Stephen King, este non quedou moi satisfeito co resultado da película, pois introducía cambios substanciais con respecto ao libro. Pola súa parte Kubrick modificou tamén en varias ocasións a montaxe final da cinta, suprimindo varias escenas que ofrecían novas miradas sobre o acontecido no hotel.

A nosa seguinte parada é Basic Instinct (1992), de Paul Verhoeven, todo un taquillazo mundial que mesturaba a intriga detestivesca (había que resolver un asasinato) con grandes doses de sexo. A película escandalizou aos sectores máis puritanos a comezos dos 90 polas súas escenas subidas de tono... E é que o director tivo que cortar a montaxe en innumerables ocasións para que a película non fose clasificada como pornográfica. Nunca un punzón de xeo e un cruce de pernas deron tanto que falar!

A finais desta década dos 90, un filme revolucionou a ciencia ficción pola súa acción trepidante, o seu orixinal guión e uns efectos especiais revolucionarios. Non podemos estar falando doutra peli que non sexa The Matrix (1999), dos irmáns Wachowski, que xunto con The Matrix Reloaded e The Matrix Revolutions forman unha triloxía de culto para calquera amante do xénero. Despois de Matrix, os déjà vu son máis inquietantes que nunca...

Nese mesmo ano estreábase tamén American Beauty (1999), opera prima do director teatral Sam Mendes que nos ofrece unha mordaz crítica do estilo de vida norteamericano, porque que ter a típica familia ideal e vivir nun estupendo barrio residencial non é tan marabilloso como parece... Na película aparecen constantemente alusións ás rosas como elemento simbólico: son cultivadas de forma obsesiva por Carolyn (Annette Bening), Lester (kevin Spacey) fantasea con elas cada vez que pensa en Jane (Mena Suvari), decoran o comedor familiar... precisamente a "American Beauty" é unha variedade de rosa cultivada artificialmente para ter unha apariencia perfecta, e para conseguilo hai que sacrificar en moitas ocasións xermolos que medran ao seu redor: toda unha metáfora da sociedade americana que satiriza a película.

Estreamos o século XXI con Le fabuleux destin d'Amélie Poulain (2001), de Jean-Pierre Jeune, unha fermosísima historia, case como un conto, no que a protagonista decide que o seu obxectivo na vida vai ser mellorar a vida dos demais. Cunha estética deliciosa, uns escenarios fabulosos (Monmartre) e un argumento cheo de dozura, esta película foi ata 2012 o filme francés máis taquillero da historia.

E rematamos este percorrido con Sin City (2005), de Robert Rodríguez, Quentin Tarantino e Frank Miller, baseada nos cómics deste último:  a película recrea á perfección a estética, a atmosfera opriminte e violenta e o ritmo narrativo creados por Miller, case parece que as viñetas cobrasen vida... Acción e cine negro en estado puro!

Consulta todas as imaxes no álbum Xosé Holgado. Fotogramas por segundo


viernes, 10 de julio de 2015

A robótica educativa. O uso de novas tecnoloxías dentro do ensino

Esta semana levamos a cabo na biblioteca un obradoiro de robótica, que consistiu na construción e programación de pequenos autómatas de Lego Robotix, que ao conectalos a un ordenador eran quen de realizar pequenas accións.

A raíz desta interesantísima experiencia, na que comprobamos a habilidade das xeracións máis novas no manexo destas tecnoloxías, gustaríanos reflexionar sobre o papel deste tipo de iniciativas no ensino formal.

Actualmente, as novas tecnoloxías xogan un papel importante no proceso de ensino-aprendizaxe, con novos modelos educativos que fomentan, por exemplo, a promoción da creatividade mediante o uso da robótica. Así, a chamada robótica educativa, ou robótica pedagóxica, é unha actividade transdisciplinar que de forma paralela aos métodos xa establecidos, dende a perspectiva instrumental e mediante o desenvolvemento de sistemas robóticos con fins didácticos, favorece a aprendizaxe colaborativa non só de áreas específicas de coñecemento, senón que tamén axudan a desenvolver habibilidades e competencias no alumnado.

Se ben é certo dentro dos actuais currículos escolares, especialmente de secundaria, aparecen contemplados xa contidos relacionados coa robótica, sobre todo da man das materias de tecnoloxía e informática, cando falamos de robótica educativa non só nos referimos á robótica como obxecto ou medio de aprendizaxe, senón que a entendemos como unha ferramenta de apoio á aprendizaxe, tal e como apunta Koldo Olaskoaga en Lrobotikas. É dicir, non se trata de centrarse exclusivamente na construción e programación dun robot, senón que este tipo de actividade facilita a aprendizaxe por indagación e experimentación de conceptos fundamentais de física, electricidade, electrónica, bioloxía... Bioloxía? estaredes a preguntarvos. Pois si, a partir dun robot podemos por exemplo facer comparativas ente un sensor e os sentidos do corpo humano, entre un mecanismo e un músculo, etc. E isto é só un exemplo das moitas posibilidades e recursos educativos que nos poden ofrecer este tipo de iniciativas.

Pero é que ademais de estimular o interese polas ciencias e a investigación, a robótica educativa favorece tamén o desenvolvemento de habilidades e competencias nos alumnos: poténciase a súa creatividade e imaxinación, a responsabilidade, a autoestima (equivocarse é parte do proceso) ou a proactividade, fomentando así mesmo a cooperación, o traballo en equipo e a toma de decisións de forma conxunta.

Todos estes aspectos puidemos traballalos durante esta semana a pequena escala, e podemos afirmar que os resultados foron magníficos. Podedes xuzgalo cos vosos propios ollos no álbum de fotos do obradoiro de robótica.

sábado, 4 de julio de 2015

Feira do Libro 2015



 
Un ano máis coa chegada do verán chega de novo á cidade a Feira do Libro. Unha gran oportunidade para coñecer as novidades editoriais, atoparse cos nosos autores preferidos, escoitalos ou levarnos a casa un libro asinado por eles e tamén, como non, para falar cos nosos libreiros que nos aconsellen novas lecturas para gozar nas vacacións.


Ledicia Costas foi a encargada de dar o pregón desta Feira, nel fixo un fermoso paseo polo Vigo da súa infancia e o Vigo actual, unha cidade chea de letras, ata nas paredes, na que viven entre as súas rúas grandes dos escritores galegos actuais e tamén grandes editoriais. Tamén fixo mención ao traballo das bibliotecas. Unhas fermosas palabras que podedes ler aquí, no blog de Xerais.

Este ano as dúas bibliotecas públicas de Vigo tamén de novo presentes, e como comentou Patiño, o presindente dos libreiros, formamos parte xunto coas librarías do proxecto de "achegar o libro ao lector".  A caseta da Biblioteca Nodal Juan Campañel é a primeira pegada á carpa de actividades, e a nosa caseta é a última, a nº 15.

Nesta edición temos unha caseta con moito colorido, onde quixemos homenaxear as obras que máis se prestaron este ano e tamén amosar algunhas das novidades que chegaron á biblioteca.

E este é Juan, o noso compañeiro que estará na caseta descubrindo a todo o público que se achegue os segredos da biblioteca, os nosos fondos, os servicios que ofrecemos e tamén presentando as actividades que realizamos neste verán.


Lembrámosvos aos máis despistados que este ano a Feira mudou de ubicación e que agora se atopa na Rúa Progreso, detrás do MARCO, e que está aberta todos os días dende o 3 ata o 12 de xullo de 11.00 a 14.00 (sábados e domingos ata ás 14.30h) en horario de maña e de 17.30 a 22.00h pola tarde. Ademais a Feira conta cun programa de actividades moi completo para todas as idades que podedes ver aquí .