lunes, 26 de enero de 2015

Entre arrolos e contiños

O venres pasado gozamos cunha nova sesión de Entre arrolos e contiños con Bea Campos e Davide González.

Nesta ocasión, tivemos o pracer de recordar un dos nosos clásicos favoritos, o de Garavanciño, que de tan pequerrecho acaba por accidente na barriga dun boi que se move, onde non trona nin chove... Despois foi hora de ir poñer a mesa para cear co pequeno Jorge, que non deixaba de facer trasnadas! Tamén fomos testemuñas de como unha ra se transformaba en crocodilo, e de como un crocodilo verde verde verde acabou na cima dun baúl azul azul azul...

Rematamos como sempre con música tradicional, desta vez do Brasil, coa canción do mercado:

Fun ó mercado a comprar café,
veu a formiguiña e picoume nun pé.
Eu sacudín, sacudín, sacudín,
pero a formiguiña non deixaba de subir...

Non deixedes de visitar a nosa galería de fotos con todas as imaxes da tarde!

Entre arrolos e contiños
Próxima sesión: 20 de febreiro ás 18.00h
*Inscrición a partir do 2 de febreiro ás 17.00h

lunes, 12 de enero de 2015

Celebramos o Día do Usuario das Bibliotecas


Onte, 11 de xaneiro, conmemorouse o Día do Usuario das Bibliotecas, e dende a Neira Vilas queremos celebrar esta data con todas aquelas persoas que acudides á biblioteca e facedes uso dos nosos servizos. 

Así, ao longo de toda esta semana ampliamos o servizo de préstamo e todos aqueles que o desexedes poderedes levar para casa ata 5 documentos! Non o dubidedes e achegádevos a festexar con nós esta semana do usuario!


A hora dos contos e as tardes do Roque

A semana pasada, rematadas as festas de Nadal, comezamos as actividades do ano con dúas das citas máis agardadas polos nosos cativos, a Hora dos Contos e as Tardes do Roque.

O xoves visitounos Trini Puentes, que nos trouxo unha sesión cargadiña de mentiras... e é que na maior parte dos contos existen pequenas ou grandes mentiras... Deste xeito coñecimos a historia de Carmela, que por lambona tivo que mentirlle ao seu tío Antonio cando lle foi levar un encargo, ou a do pobre Pedro, que era tan despistado que o facía todo ao revés. E acabamos coas andanzas do crocodilo que quería comer ao mono e que tratando de enganalo acaba sendo el o enganado. Ao fío desta historia fixemos entre todos un crocodilo-pinza, co que poder prender as cousas que máis nos gusten!

Para rematar a semana fantasticamente visitounos Roque, ao que facía tempo que non víamos porque polo Nadal estivo con Papá Noel alá no Polo Norte, e trouxo como recordo uns graciosos cornos de Rudolf cos que apareceu na biblioteca... estaba casi irrecoñecible! Veu como sempre con Andrea e Óscar, que nos trouxeron tamén fantásticos contos, como o da ra que quería quedar soa e foi sorteando aos distintos animais que atopaba no seu camiño. Tamén teatralizamos entre todos o conto da Ratiña fachendosa, e é que hai moito talento entre os nosos usuarios máis novos! Tampouco faltou a carta do avó Agustín, que desta volta anda pola China, nin a despedida ata a próxima sesión felicitando a todos os nenos que estiveran no último mes de aniversario.

Animámosvos como sempre a visitar a Galería de imaxes da biblioteca e deleitarvos con todas as fotos das sesións.

A hora dos contos
Próxima sesión: xoves 12 de febreiro ás 18.00h

As tardes de Roque
Próxima sesión: venres 13 de febreiro ás 18.00h
*Inscrición: a partir do 15 de xaneiro  ás 10.30h