viernes, 2 de octubre de 2015

Non lembro o título pero...


Comeza o mes de outubro, e tras o período estival, na biblioteca voltamos de novo á rutina do curso escolar... e que mellor que facelo cun chisco de humor!! Por iso, neste mes de outubro adicado ás bibliotecas (o día 24 celébrase o Día da Biblioteca) comezamos propoñéndovos a mostra Non lembro o título pero... Todo un clásico do anecdotario bibliotecario!! Se buceades por internet atoparedes unha chea de páxinas e imaxes do famoso "non lembro o título pero a portada era azul", que nos serviu de inspiración para a mostra e para este primeiro post do novo curso.

Fai uns meses líamos no blog de Julián Marquina o artigo Cuando preguntar a la biblioteca era como buscar en Google e non deixábamos de sorprendernos das preguntas recollidas pola Biblioteca Pública de Nova York alá a mediados do século pasado. Cuestións como canto pesaba o cerebro de Napoleón ou a porcentaxe de bañeiras do mundo ubicadas nos Estados Unidos son só algúns exemplos. Sen chegar a eses extremos, si é certo que son moitas as consultas que cada día recibimos no mostrador: persoas que buscan un título concreto, a bibliografía dun autor, obras que falen dunha determinada temática... pero sempre hai quen nos deixa descolocados e fai que teñamos que poñer a andar o noso sentido arácnido, digo bibliotecario! Consultas como as que vos propoñemos nesta mostra, nas que nos preguntan por libros de portadas azuis, novelas con libros na portada, nomes de cidades ou parellas, son só unha pequena mostra dos retos aos que ás veces nos enfrentamos... Buscar libros cadrados (?!), títulos como A praia dos *avogados (afogados) ou os Cincuenta *sombreros de Grey (sombras) forma parte do noso día a día! ;)

Por certo, que ao longo da historia son moitas as personaxes ilustres que nalgún momento da súa vida exerceron como bibliotecarios: Benjamin Franklin participou na  fundación de la primeira biblioteca pública de Filadelfia, os irmáns Grimm traballaron como bibliotecarios na Universidade de Marburgo, onde escribiron as súas primeiras coleccións de libros infantís. Outros grandes nomes da literatura exerceron tamén esta profesión, dende Ghoete ou Lewis Carroll ata Stephen King, sen esquecer autores das letras españolas e hispanoamericanas como Gloria Fuertes, Rubén Darío, Vargas Llosa ou Jorge Luis Borges (de feito Borges chegaría a ser director da Biblioteca Nacional de Arxentina). Se tedes curiosidade non deixedes de visitar este post de Biblogtecarios!

E neste afán noso de presentarvos a nosa realidade, ofrecémosvos tamén un rinconciño no que podedes atopar unha fantástica selección de libros, tanto novelas ou contos como obras de non ficcción, nas que as bibliotecas e os seus bibliotecarios teñen un peso importante na trama... Non deixedes de pasarvos por aquí a botarlle un ollo e mergullarvos nestas apaixonantes historias!!

Para rematar, e retomando aquilo de que antes as bibliotecas eran como google, despedímonos con esta frase do gran Neil Gaiman: "Google pode devolverche 100.000 respostas, un bibliotecario pode devolverche a resposta correcta". Bravo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario