viernes, 10 de julio de 2015

A robótica educativa. O uso de novas tecnoloxías dentro do ensino

Esta semana levamos a cabo na biblioteca un obradoiro de robótica, que consistiu na construción e programación de pequenos autómatas de Lego Robotix, que ao conectalos a un ordenador eran quen de realizar pequenas accións.

A raíz desta interesantísima experiencia, na que comprobamos a habilidade das xeracións máis novas no manexo destas tecnoloxías, gustaríanos reflexionar sobre o papel deste tipo de iniciativas no ensino formal.

Actualmente, as novas tecnoloxías xogan un papel importante no proceso de ensino-aprendizaxe, con novos modelos educativos que fomentan, por exemplo, a promoción da creatividade mediante o uso da robótica. Así, a chamada robótica educativa, ou robótica pedagóxica, é unha actividade transdisciplinar que de forma paralela aos métodos xa establecidos, dende a perspectiva instrumental e mediante o desenvolvemento de sistemas robóticos con fins didácticos, favorece a aprendizaxe colaborativa non só de áreas específicas de coñecemento, senón que tamén axudan a desenvolver habibilidades e competencias no alumnado.

Se ben é certo dentro dos actuais currículos escolares, especialmente de secundaria, aparecen contemplados xa contidos relacionados coa robótica, sobre todo da man das materias de tecnoloxía e informática, cando falamos de robótica educativa non só nos referimos á robótica como obxecto ou medio de aprendizaxe, senón que a entendemos como unha ferramenta de apoio á aprendizaxe, tal e como apunta Koldo Olaskoaga en Lrobotikas. É dicir, non se trata de centrarse exclusivamente na construción e programación dun robot, senón que este tipo de actividade facilita a aprendizaxe por indagación e experimentación de conceptos fundamentais de física, electricidade, electrónica, bioloxía... Bioloxía? estaredes a preguntarvos. Pois si, a partir dun robot podemos por exemplo facer comparativas ente un sensor e os sentidos do corpo humano, entre un mecanismo e un músculo, etc. E isto é só un exemplo das moitas posibilidades e recursos educativos que nos poden ofrecer este tipo de iniciativas.

Pero é que ademais de estimular o interese polas ciencias e a investigación, a robótica educativa favorece tamén o desenvolvemento de habilidades e competencias nos alumnos: poténciase a súa creatividade e imaxinación, a responsabilidade, a autoestima (equivocarse é parte do proceso) ou a proactividade, fomentando así mesmo a cooperación, o traballo en equipo e a toma de decisións de forma conxunta.

Todos estes aspectos puidemos traballalos durante esta semana a pequena escala, e podemos afirmar que os resultados foron magníficos. Podedes xuzgalo cos vosos propios ollos no álbum de fotos do obradoiro de robótica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario