sábado, 20 de junio de 2015

Parellas de baile. Libros con música para toda a familia

Mañá celébrase o Día Europeo da Música e por iso ao longo deste mes de xuño organizamos na biblioteca a mostra bibliográfica Parellas de baile, na que vos ofrecemos unha escolma de libros con música cos que amenizar os moitos momentos de ocio que imos ter neste verán a puntiño de comezar... Na casa ou no coche, á hora da merenda ou antes de durmir, calquera lugar e momento son bos para cantar e sacar a relucir a nosa parte máis bailonga!!

A música é unha ferramenta estupenda para fomentar xa nos máis pequenos o seu desenvolvemento intelectual, auditivo, sensorial, da fala e motriz. Dálles seguridade e confianza, axúdaos a aprender e concentrarse, estimula a súa expresión corporal... pero é que por riba a música lles encanta!! Unha canción, unha melodía, ofrécenos a excusa ideal para pasar cos nosos cativos un estupendo momento de lecer no que estreitar os nosos lazos afectivos e sobre todo xogar e divertirnos xuntos:  a musicalidade, a repetición de termos, os movementos rítmicos... son especialmente agradables para os cativos.

Neste sentido, a cultura popular e as cancións tradicionais posúen unha serie de valores innatos, xa que motivan e estimulan a súa creatividade, orixinalidade e espontaneidade. Ao fin e ao cabo estas cacións están íntimamente relacionadas co xogo infantil (cancións de roda, pandas, retaílas....). Por outro lado, tamén a chamada música culta (a clásica, por exemplo) é unha boa aliada para o desenvolvemento da súa sensibilidade, e hoxe en día son moitos os xoguetes e recursos que podemos atopar nos que se fai uso deste tipo de ritmos e melodías.

Na mostra Parellas de baile podedes atopar unha escolma de distintos materiais cos que traballar todos estes aspectos: hai libros que ofrecen indicacións e xogos cos que acompañar as cancións, outros aos que lles podedes inventar vós a música, podedes atopar versións cantadas de grandes poetas da literatura, gozar coas mellores óperas, aprendelo todo sobre a historia da música ou simplemente disfrutar do pracer de escoitar boas cancións...

Parellas de baile. Lista de recursos

No hay comentarios:

Publicar un comentario