miércoles, 24 de junio de 2015

Caderno de bitácora. Semana 25 (2015): do 15 ao 21 de xuño

A semana pasada despedimos definitivamente a primavera (quen diría que non estabamos en pleno mes de agosto!) e con ela tamén as últimas actividades do curso escolar.

Comezamos a semana coa visita dos nenos e nenas da EI Rúa Aragón, que se achegaron á biblioteca para  gozar con algúns dos nosos contos preferidos! Cantamos e contamos historias novas e tradicionais coas que o pasamos xenial, e ata fixemos un mural co conto de Garavanciño. 
Pero ademais, aprenderon como están organizados os libros para os cativos de menos de 5 anos:  descubriron que poden mergullarse eles soíños nas páxinas dos Contos para Contar, Libros para ver, Libros con Sorpresa, Libros con música ou libros de O mundo que me rodea... e despois deixalos outra vez no seu caixón! Temos unha boa canteira de futuros bibliotecarios ;)


O xoves pola tarde os participantes do club de lectura tiveron tamén a súa última reunión: remataron o curso coa lectura de Tierras de Cristal, do italiano Alessandro Baricco, sobre o que publicaremos un post nos próximos días. Resultou como todos os anos unha experiencia moi enriquecedora a de compartir reflexións e puntos de vista sobra as lecturas propostas, e cónstanos que as reunións da biblioteca teñen a súa continuación despois nas terraciñas da zona!! Non queremos deixar de agradecer a Marila Ruiz a súa labor como coordinadora nin por suposto esquecernos das persoas que participan no mesmo e que colaboran con nós en todas aquelas iniciativas que lles propoñemos... Bravo!


Chegado o venres, un grupo do IES Castelao celebrou o fin de curso visitando a biblioteca: coñeceron o espazo e os servizos que ofrecemos, e aprenderon a facer buscas de información utilizando o catálogo en liña da biblioteca.


E como guinda á semana, despedímonos tamén de Bea Campos e Davide González, e dos seus Entre Arrolos e contiños. Unha sesión como sempre estupenda na que gozamos cos Versos vegetales de Antonio Rubio, o baño do oso Chispa, o gran Polo Pepe ou a Ratiña Fachendosa... e coas fantásticas cancións e melodías coas que amenizamos esta fantástica tarde de contos! Galería de imaxes
 
Ata a  próxima!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario