miércoles, 3 de junio de 2015

Caderno de bitácora. Semana 22(2015): do 25 ao 31 de maio

A semana pasada puxemos fin ao mes de maio, e con el tamén ás celebracións relacionadas coas Letras Galegas. E que mellor maneira de facelo que participando o xoves 28 de maio na II Quedada Literaria, unha actividade organizada polas bibliotecas escolares e o Concello de Vigo na que parte do alumnado dos centros CEIP Frian Teis, O Chouzo, Ría de Vigo, O Pombal, Carrasqueira e IES O Castro quedaron no parque de Castrelos para pasar unha mañá mergullados na lectura. O evento contou tamén conta coa colaboración Servizo de Normalización Lingüística, a Concellería de Educación, a BPM Valle-Inclán de Redondela e por suposto coa da Biblioteca Neira Vilas: Andrea Bayer e o noso Roque Roquiño foron os encargados de clausurar por todo o alto esta fantástica xornada que esperamos repetir o ano que ven! Mentres chega, deixámosvos que desfrutedes coas fotos desta edición: II Quedada literaria

Ao día seguinte, venres 29 de maio, tivemos o privilexio de participar no I Seminário Norte de Portugal – Galiza sobre Bibliotecas "Bibliotecas de Fronteira na Fronteira do Futuro". Unha maravillosa xornada na que puidemos ver o traballo realizado polas bibliotecas públicas nas dúas beiras do Miño e que xirou en torno a catro eixos: a labor da biblioteca pública,  as bibliotecas na era dixital, as bibliotecas en rede e na rede, e o papel social das bibliotecas. Este último apartado, moderado por Luis Alvim,  foi no que participou a biblioteca Neira Vilas co programa "Achegando Culturas", xunto con Gorete Afonso da Biblioteca Municipal de Montalegre que presentou o seu proxecto “As bibliotecas instituições promotoras de empreendedorismo social: itinerâncias sociais e culturais com seniores barrosões”.
Anxo Alberte e Mar García presentaron este proxecto que realizamos en colaboración co Secretariado Xitano e polo que fomos finalistas no I Premio Biblioteca Pública y Compromiso Social convocado pola Fundación Biblioteca Social. Este programa ten como obxectivo a promoción lectora como  fonte de información, de aprendizaxe e enriquecemento, e dá a  coñecer outras culturas e realidades diferentes entre o colectivo xitano. 
Neste enlace podedes botarlle unha ollada a todas as imaxes do Seminario Norte Portugal - Galiza

E mentres a metade do equipo andaba por terras portuguesas, o resto quedamos na biblioteca para recibir a visitia de Yoshi Hioki, que nos deleitou cos seus marabillosos contos tradicionais do Xapón dentro do ciclo Contos Dakí. Da man das súas historias adentrámonos no imaxinario popular nipón: soubemos da existencia da auga da vida e da morte, fomos testemuñas dos terribles actos dun pai asfixiado pola pobreza, averiguamos como chegou o tabaco a Xapón e coñecimos a historia dunha muller moi leeentaaaa e moi torpeeee... Un verdadeiro regalo para o público que se achegou a compartir con nós esta última sesión dos Contos Dakí, dos que nos despedimos ata o mes de outbro. Aquí vos deixamos as fotos de Yoshi: Contos Dakí. Yoshi Hioki


No hay comentarios:

Publicar un comentario