viernes, 15 de mayo de 2015

Día das Letras Galegas 2015


O vindeiro domingo 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas, unha data consagrada á promoción da nosa literatura e a nosa lingua e dende a biblioteca sumámonos a esta festa da cultura galega co espectáculo literario-musical Cinta adhesiva, de Silvia Penas e Jesús Tejada, no que sobre o fío condutor da música, os textos van dotando de significados ás melodías, ritmos e cadencias. Cando? O luns 18 ás 19.30h.


Pero ademais, durante todo o mes temos escollida unha escolma bibliográfica con algúns dos autores e  obras máis relevantes das nosas letras, na que vos convidamos a mergullarvos e gozar do pracer de deixarse levar polos versos, as palabras, as historias... onde non faltan por suposto os libros adicados ao homenaxeado este ano 2015: Xosé Filgueira Valverde.

E xa de paso tampouco deixedes de botarlle un ollo aos carteis que con motivo do 50 Aniversario das Letras Galegas elaborou a Real Academia Galega en 2012 e que dende a biblioteca fomos completando nestes últimos tres anos.  

As Letras Galegas. Un pouco de historia


Como xurdiu a celebración das Letras Galegas? O 20 de marzo de 1963, con motivo da celebración do centenario da 1ª edición de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, os académicos Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron a celebración do Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, iniciativa que foi aprobada por unanimidade en xunta ordinaria o 28 de abril dese mesmo ano.

Na súa proposta, consideraban que "o libro rosalián editado en 1863, ten sido a primeira obra maestra con que contóu a Literatura Galega Contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria". Por este motivo propoñían á Academia establecer unha data na celebrar anualmente unha homenaxe á literatura e cultura galegas.

Pero por que escolleron o 17 de maio? Ao descoñecer a data exacta da publicación dos Cantares, tomouse como referencia a data que figuraba na dedicatoria do libro que Rosalía de Castro lle enviou á tamén escritora Fernán Caballero (pseudónimo de Cecilia Böhl de Faber).

Así,  dende 1963 a Academia escolle cada ano unha figura á que lle adicar o Día das Letras Galegas, que tal e como recollen os seus estatutos "deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. En calquera caso deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día". O listado de homenaxeados pódese consultar na páxina da RAG: Figuras homenaxeadas

Letras Galegas 2015. Xosé Filgueira Valverde

Este 2015 a figura homenaxeada é a de Xosé Filgueira Valverde, polo seu traballo divulgativo a prol da lingua e da cultura galega, impulsor de institucións como o Seminario de Estudos Galegos, o Instituto Padre Sarmiento ou o Museo de Pontevedra, entre outros. Trátase dun persoeiro cun peso importante na historia da cultura galega no século XX, en palabras de Xesús Alonso Montero (presidente da RAG) "o último gran polígrafo que deu Galiza xunto a Otero Pedrayo", pero ao mesmo tempo unha  figura que suscitou certa controversia e polémica pola súa labor política.

Deixámosvos a reseña que sobre Filgueira Valverde podedes atopar na Biblioteca Virtual Galega:
Xosé Fernando Filgueira Valverde naceu en Pontevedra en 1906. Realizou estudos de Dereito, Filosofía e Letras (alcanzando o título de doutor) e Psicoloxía nas Universidades de Santiago de Compostela e Zaragoza. En 1923 formou parte do grupo de fundadores do Seminario de Estudos Galegos, onde dirixiu a sección de Historia da Literatura. Desde ese momento e até a súa morte, acontecida en Pontevedra en 1996, o erudito pontevedrés mantería unha gran actividade na promoción de iniciativas culturais.

Filgueira Valverde iniciou o seu amplo labor docente en 1927 no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra. En 1935 gañou unha cátedra no Instituto Balmes de Barcelona e posteriormente exerceu en Lugo e na cidade do Lérez, da que foi alcalde. Pola súa dedicación ao ensino recibiría o alcume do "vello profesor".

Membro numerario da Real Academia Galega desde 1942 e correspondente das Reais Academias de Historia, de Lingua e de Belas Artes de San Fernando, en 1972 foi nomeado vocal do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixiu ademais o Museo "Rosalía de Castro", o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e o Museo de Pontevedra. No bienio 1982-83 exerceu o cargo de Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia.

Na década de trinta foi colaborador habitual de El Pueblo Gallego e Logos, publicación esta última en que mantería unha sección de comentarios bibliográficos asinados co pseudónimo J. A. Para alén destes artigos, a súa obra literaria atinxe a narrativa, a poesía, o ensaio e o teatro. Así, na súa producción figuran o libro de relatos Os nenos (1925) e a semblanza O vigairo (1927); o texto teatral Agromar. Farsa pra rapaces (1936) —estreado en 1932—, de novo asinada por J. Acuña; as antoloxías Cancioneiriño de Compostela (1932) e Cancioneiriño novo de Compostela (1969), en que recolle composicións do medioevo e etapas posteriores que fan referencia á capital galega, ou o volume de prosas literarias Quintana viva (1971).

Porén, a maior aportación de Filgueira Valverde constitúena os seus traballos no campo da investigación. Moitas destas prosas, espalladas pola imprensa diaria, foron recollidas polo autor nos nove volumes editados baixo o título xenérico de Adral entre os anos 1979 e 1996. As súas aportacións ao coñecemento da lírica medieval verían a luz en 1992 no libro Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1927-1987).

 

Máis información


Sobre as Letras Galegas
Real Academia Galega - Letras Galegas
Día das Letras Galegas (Galicia Dixital)
Sobre a dedicatoria de Rosalía a Fernán Caballero

Sobre Xosé Filgueira Valverde
Real Academia Galega - Filgueira Valverde
Fundación Filgueira Valverde
Consello da Cultura Galega
Biblioteca Virtual Galega
Filgueira Valverde no Museo de Pontevedra
Día das Letras Galegas - Filgueira Valverde (Galicia Dixital)
Documental "Contextualizando a Filgueira Valverde"
Xosé Filgueira Valverde na Galipedia

Sobre a polémica
Praza Pública
Sermos Galiza
Xosé Fernando Filgueira Iglesias no Diario de Pontevedra

No hay comentarios:

Publicar un comentario