miércoles, 27 de mayo de 2015

Caderno de bitácora. Semana 21(2015): do 18 ao 24 de maio

Engadimos hoxe unha nova páxina ao noso Caderno de Bitácora, no que vos imos contando como  transcorreu a semana.

Comezamos poñéndolle o broche ás celebracións das Letras Galegas co espectáculo de Cinta Adhesiva, no que os textos de Silvia Penas e a música de Jesús Tejada se fusionaron nunha deliciosa velada de poesía que sen dúbida emocionou a todos os que viñeron a gozar con nós desta festa da palabra. (Pincha aquí para ver as fotos)

Despois de dous días de relativa calma (na biblio nunca hai descanso!) o xoves os membros do club de lectura tiveron a súa reunión quincenal para valorar a obra Mi familia y otros animales, de Gerald Durrell, primeira parte da súa divertida triloxía autobiográfica de Corfú, na que nos presenta unha áxil e graciosa galería de personaxes xunto cunha serie de animais retratados con intelixencia e tenrura e na que por suposto non falta o insuperable sentido do humor que caracteriza ao autor.


E finalizamos a semana coa nosa cita mensual coas Tardes do Roque. Andrea Bayer, Óscar Ferreira e como non Roque, fixéronnos gozar dunha tarde chea de contos e poesía! Como estamos no mes das Letras Galegas Roque quixo recitarnos uns versos da súa "autoría" pero que nos recordaron moito a Rosalía, Pondal...  Tamén os nosos pequenos participantes se animaron a recitarnos os seus poemas, e axudáronnos a averiguar por onde anda o avó Agustín este mes... nada máis e nada menos que por Exipto! (Tedes todas as imaxes neste enlace)


Ata a próxima semana!

No hay comentarios:

Publicar un comentario