miércoles, 20 de mayo de 2015

Caderno de bitácora. Semana 20(2015): do 11 ao 17 de maio


Comezamos unha nova andaina no blog da biblioteca. Neste caderno de bitácora que hoxe poñemos en marcha contarémosvos como nos foi a semana, as actividades que realizamos e as novidades acontecidas. Será o noso particular diario no que compartir con vós as nosas experiencias. Pero ademais, continuaremos a ofrecervos no blog novas e artigos que de seguro atoparedes de interese, como agardamos fose o caso do post que publicamos sobre as Letras Galegas.

Arrincamos!! 

Empezamos a semana con moitas ganas, pois tiñamos por diante días de moita actividade coas Letras Galegas xa á vista. Así, o martes visitounos un grupo da Asociación de Dano Cerebral Alento que quería coñecer máis de perto a biblioteca e xa de paso achegarse á historia desta celebración. Con eles indagamos sobre a súa orixe e mergullámonos nalgúns dos textos máis coñecidos da nosa literatura, as súas versións musicadas, teatrais, cinematográficas... E é que as nosas Letras dan para moito!!

Collido xa o impulso, o mércores organizamos unha nova xuntanza cos amigos da Oficina do Voluntariado, que desta vez - non podía ser doutra forma - amenizaron a tardiña con lecturas dos autores máis destacados das Letras Galegas. Soaron así entre as nosas paredes palabras de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas, Chus Pato, Carlos Casares...


Chegado o xoves pola mañá agardabamos mirando o ceo a visita da EEI Rúa Palencia, e é que o tempo ameazaba con chuvia... Afortunadamente a meteoroloxía dounos tregua desta vez e os pequenos da escola puideron achegarse á bilioteca para gozar dunha estupenda mañá de contos! 

... E pola tarde seguimos a desfrutar coa Hora dos Contos de Trini Puentes, que este mes nos trouxo historias repletas de valores que inculcar aos nosos cativos!



O broche final a esta atarefada semana, puxémolo o venres cunha fantástica tarde Entre arrolos e contiños, con  Bea Campos e Davide González, na que como sempre pasámolo en grande escoitando e cantando as súas historias!



Ao día seguinte era xa sábado, e tocaba coller forzas para celebrar o luns o Día das Letras Galegas.... pero iso contámovolo na próxima!!

Lembrade que podedes ver as fotos de todas as actividades na Galería da Biblioteca!



No hay comentarios:

Publicar un comentario