sábado, 21 de marzo de 2015

21 de marzo - Día Mundial da Poesía


Hoxe celébrase o Día Mundial da Poesía e dende principios de mes levamos festexando este día coa exposición de Batania, poeta Neorrabioso, e convidando a todas aquelas persoas que queirades unirvos a nós a deixarnos gravados os vosos versos favoritos. Podedes achegarvos á biblioteca para facelo, ou compartir os vosos vídeos nas redes sociais a través das etiquetas #DíaDaPoesía e #SempreHaberáPoesía.

Deixámosvos o enlace ao noso canal de Vimeo Sempre Haberá Poesía, no que podedes gozar cos fermosos poemas que nos recitaron Xoel, Gabriel, Alejandro, Iria... de autores tan variados como García Teijeiro, Benedetti ou Whitman.

Achegámosvos tamén a a mensaxe de Irina Bokova, directora xeral da UNESCO, con motivo deste Día Mundial da Poesía:
O poeta John Burnside escribiu: «Se o que nos empeñamos en chamar destino parece inexplicable ou cruel é unicamente porque carecemos de imaxinación para desexar o que nos achega, para iluminalo con algo máis enxeñoso que a consternación.».

Este é o poder da poesía. O poder da imaxinación que ilumina a realidade e insufla aos nosos pensamentos algo máis enxeñoso que a consternación.

A poesía, cántico universal do ser humano, expresa o anhelo de cada muller e cada home de comprender o mundo e compartir esta comprensión cos demais, mediante palabras ordenadas cun ritmo e unha métrica. Quizais non haxa nada máis delicado que un poema e, non obstante, como expresa todo o poder da mente humana, non hai nada máis resistente.

A poesía, tan antiga como a propia humanidade e igual de diversa, ten as súas raíces en tradicións, orais e escritas, tan variadas como o rostro humano, que capta a profundidade das emocións, os pensamentos e os anhelos que guían cada muller e cada home.

A poesía é a expresión íntima que abre as portas aos demais, enriquece o diálogo que impulsa todo progreso humano, tece os lazos entre as culturas e recorda a todas as persoas o destino que comparten. Así, a poesía é unha expresión fundamental da paz. En palabras de Cherif Khaznadar, galardoado co Premio UNESCO-Sharjah da Cultura Árabe: "O coñecemento do outro é a porta ao diálogo, e o diálogo unicamente pode entaboarse na diferenza e no respecto da diferenza". A poesía é a expresión suprema da diferenza no diálogo e no espírito de unidade.

Cada poema, aínda que único, reflicte o universal da experiencia humana, o anhelo de creatividade que transcenden todos os límites e as fronteiras, tanto do tempo coma do espazo, na afirmación constante de que a humanidade forma unha única e soa familia.
Este é o espírito do Día Mundial da Poesía, e esta é a convicción que guía o labor da UNESCO para consolidar a humanidade como unha única comunidade, mediante a salvagarda do patrimonio documental poético no marco do Programa Memoria do Mundo, así como o patrimonio inmaterial da humanidade. Estes valores plásmanse na recente inscrición do zajal na Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da UNESCO. Esta expresión tradicional da poesía libanesa irmanda a tolerancia e o diálogo para resolver conflitos e reforzar a cohesión social.

Nestes tempos de incerteza e turbulencia, quizais nunca necesitásemos tanto do poder da poesía para achegar as mulleres e os homes, para forxar novas formas de diálogo e para cultivar a creatividade que todas as sociedades necesitan hoxe en día.

No hay comentarios:

Publicar un comentario