miércoles, 18 de febrero de 2015

Premio Biblioteca Pública y Compromiso Social

A Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas foi seleccionada como finalista para o I Premio Biblioteca Pública y Compromiso Social convocado pola Fundación Biblioteca Social.


A Fundación Biblioteca Social convocou en outubro 2014 a primeira edición do Premio "Biblioteca Pública y Compromiso Social", co que se pretende impulsar e dar visibilidade a proxectos que estean a levar a cabo as bibliotecas públicas, dirixidos a persoas e colectivos do seu ámbito que vivan situacións de vulnerabilidade e conflito social, e que contribúan a paliar os desequilibrios sociais.

Das 20 propostas presentadas a nivel estatal, 8 son as seleccionadas como finalistas, entre as que se atopa Achegando Culturas, un proxecto que a Biblioteca Neira Vilas e o dispositivo da Fundación Secretariado Xitano en Vigo levan realizando dende o 2012; un proxecto no que as dúas entidades traballan para fomentar a lectura, a integración e a diversidade social entre o colectivo xitano da nosa comunidade.

Podedes ver todos os traballos seleccionados no seguinte enlace: Premio Biblioteca Pública y Compromiso Social.

A través do programa Achegando Culturas organízanse diferentes visitas temáticas á biblioteca con lecturas públicas, visionados, audicións, etc. que contribúen a fomentar a lectura, pero tamén a potenciar habilidades sociais en grupos de exclusión. Trabállase tanto con grupos de adultos nos que se integran xitanos españois, portugueses e romaneses como con grupos de nenos a partir de 10 anos dende os ámbitos da educación e a prevención.

Dentro das liñas de actuación do programa elaborouse o Estoxo Xitano, unha maleta viaxeira sobre a cultura xitana dispoñible en préstamo para os usuarios da biblioteca e na que se poden atopar todo tipo de materiais e propostas de actividades.

Ademais, a biblioteca ofrece á Fundación consello e guías de lectura para os seus usuarios, escollendo entre as dúas entidades as lecturas que máis se adecúen ao público xuvenil e adulto das súas aulas; e imos incorporando novas accións para colaborar en conxunto, accións que se adecúan a realidade e as necesidades de ambas as dúas institucións.

Deixámosvos os enlaces á presentación do proxecto e  ao vídeo promocional:  

Presentación Achegando Culturas

Vídeo promocional Achegando Culturas

No hay comentarios:

Publicar un comentario