viernes, 13 de febrero de 2015

A hora dos contos. Febreiro 2015


Onte  pasamos outra fantástica tarde na biblioteca grazas a Trini Puentes e a súa Hora dos Contos.

Este mes tocounos falar da importancia dos nenos na Historia da Arte, como o achado das pinturas rupestres en Altamira. Así foi como soubemos da historia de María, que un día de excursión co seu pai Marcelino entrou nunha cova e viu un lote de bois pintados no teito: acababa de descubrir as fascinantes pegadas que os nosos ancestros deixaran no que fora o seu fogar!

Despois desta historia real, viaxamos ao Renacemento para contemplar o enigmático sorriso da Mona Lisa de Leonardo da Vinci, e alí coñecimos a Tina, unha rapaza que non podía sorrir e á que axudamos utilizando sorrisos de papel. Tamén acompañamos nas súas andainas a unha ratiña que se emocionaba cada vez que se paraba a mirar o cadro da Noite estrelada de Vincent van Gogh e que lle lembraba a amizade co seu amigo elefante.

Como remate, e por se algún día nos pasa como a Tina e non nos acordamos de sorrir, debuxamos grandes sorrisos de papel para cada un de nós!

Non deixedes de ver todas as fotos na Galería da Biblioteca!

A hora dos contos
Próxima sesión: xoves 12 de marzo ás 18.00h

1 comentario: