lunes, 12 de enero de 2015

A hora dos contos e as tardes do Roque

A semana pasada, rematadas as festas de Nadal, comezamos as actividades do ano con dúas das citas máis agardadas polos nosos cativos, a Hora dos Contos e as Tardes do Roque.

O xoves visitounos Trini Puentes, que nos trouxo unha sesión cargadiña de mentiras... e é que na maior parte dos contos existen pequenas ou grandes mentiras... Deste xeito coñecimos a historia de Carmela, que por lambona tivo que mentirlle ao seu tío Antonio cando lle foi levar un encargo, ou a do pobre Pedro, que era tan despistado que o facía todo ao revés. E acabamos coas andanzas do crocodilo que quería comer ao mono e que tratando de enganalo acaba sendo el o enganado. Ao fío desta historia fixemos entre todos un crocodilo-pinza, co que poder prender as cousas que máis nos gusten!

Para rematar a semana fantasticamente visitounos Roque, ao que facía tempo que non víamos porque polo Nadal estivo con Papá Noel alá no Polo Norte, e trouxo como recordo uns graciosos cornos de Rudolf cos que apareceu na biblioteca... estaba casi irrecoñecible! Veu como sempre con Andrea e Óscar, que nos trouxeron tamén fantásticos contos, como o da ra que quería quedar soa e foi sorteando aos distintos animais que atopaba no seu camiño. Tamén teatralizamos entre todos o conto da Ratiña fachendosa, e é que hai moito talento entre os nosos usuarios máis novos! Tampouco faltou a carta do avó Agustín, que desta volta anda pola China, nin a despedida ata a próxima sesión felicitando a todos os nenos que estiveran no último mes de aniversario.

Animámosvos como sempre a visitar a Galería de imaxes da biblioteca e deleitarvos con todas as fotos das sesións.

A hora dos contos
Próxima sesión: xoves 12 de febreiro ás 18.00h

As tardes de Roque
Próxima sesión: venres 13 de febreiro ás 18.00h
*Inscrición: a partir do 15 de xaneiro  ás 10.30h

No hay comentarios:

Publicar un comentario