viernes, 23 de octubre de 2015

Biblioteca de series

A series de televisión cada día acadan máis importancia dentro da ficción, debido a súa calidade e orixinalidade que as veces supera ao cine. Queremos facerlles unha homenaxe, neste mes adicados as bibliotecas falando das series que centran as súas tramas nestes espacios.

BUFFY THE VAMPIRE SLAYER

Nesta serie de culto Buffy Summer (interpretada por Sarah Michelle Gellar) loita xunto cos seus amigos Willow e Xander (Alyson Hannigan e Nicholas Brendon) para exterminar a todos os vampiros e demais seres malignos do seu instituto e da súa cidade. Aconsellados por Ruper Giles, "Bibliotecario" (Anthony Stewart Head) teñen a biblioteca do instituto como centro neurálxico das súas accións, lugar onde investigan sobre os seus inimigos, planean as súas accións e ata adestran as batallas.


FRIENDS

Nesta serie chea de humor tamén aparece unha biblioteca na temporada 7, cando Ross Geller (David Schiwimmer), profesor de universidade, quere mostrarlle aos seus amigos un libro sobre paleontoloxía que escribiu e que está situado nunha zona da biblioteca da universidade pouco visitada e que aproveitan as parellas "para estar sós".

CASTLE

Richard Castle é un escritor de misterio de éxito, e como bo escritor é un gran lector. Un dos seus sitios favoritos para ler e atopar novas lecturas é a Biblioteca Pública de Nova York, lugar que aparece en varios capítulos da serie. Ademais de ser un dos primeiros lugares onde atopouse coa detective Beckett e onde otópanse cando Richard fúgase da cadea, alí é tamén onde atopou a súa vocación cando de pequeno o seu pai agasallouno co libro de Casino Royal.



THE SIMPSOM


Durante estes máis de 25 anos que leva esta familia dando guerra na pequena pantalla foron moitos os homenaxes que fixeron aos escritores, libros e bibliotecas. Vimos como a biblioteca de Springfield procuraba visitantes con carteis "diferentes".


              “Venta de libros da biblioteca: temos pornografía”   “Temos libros sobre a televisión”

Neste tempo Lisa foi a que máis visitou a biblioteca é a que máis partido lle sacou a esas visitas.


GILMORE GIRLS 

Ao igual que a protagonista anterior Rory Gilmore (Alexis Bledel) e unha gran lectora, que sempre está no procura de novas lecturas. E po iso é doado atopala na biblioteca rodeada de libros.




 VIKINGS

Esta serie creada por Michael Hirst para o canal de televisión The History Channel conta a lenda do vikingo Ragnar Lodbrok (Travis Fimmel), un dos heroes máis famosos da cultura nórdica que saqueou Norttumbria, Francia e Bretaña. Na primeira expedición, Ragnar e os seus logran alcanzar a costa británica onde saquean e profanan o Mosteiro de Lindisfarne e secuestran ao monxe Athelstan (George Blabden) que adícase a labor de copista no mosteiro.


 THE LIBRARIANS

Tratase dun spin-off das películas The Librarian. Mentres Flynn  (Noah Wyle) está na procura da Biblioteca (perdéndose no tempo e no espazo), os catro novos bibliotecarios convértense nun equipo co fin de resolver os misterios imposibles e loitar contra as ameazas sobrenaturais, especialmente as forzas da "Irmandade da Serpe"


 LOS MISTERIOS DE LAURA

Nesta serie española, que triunfa en Estados Unidos coa súa adaptación (The mysteries of laura) a nosa protagonista a detective Laura (María Pujante) ten que resolver varios asasinatos que sucederon na biblioteca, facendo grandes homenaxes a algúns clásicos da literatura como "Alicia no país das marabillas", "Os dez negriños" ou "O nome da rosa".



THE WIRE

Non aparece ningunha biblioteca nesta serie, xa que os seus protagonistas están demasiado ocupados "escoitando" e loitando contra o tráfico de drogas na cidade de Baltimore. Pero deixamos esta serie para o final, xa que un dos protagonista da terceira tempada o Irmán Mouzone, un asasino profesional de Nova York fai unha gran reflexión que é unha das clave da serie.

"Non hai nada máis perigoso en América que un irmán con un carné da biblioteca"


 



martes, 13 de octubre de 2015

Bibliotecas de cine

Este mes no que se celebra o día 24 o Día das Bibliotecas queremos amosarvos a influencia das bibliotecas na nosa sociedade. E  nesta ocasión imos reparar como o sétimo arte fixo todo tipo de homenaxes a estes espazos cheos de maxia e información na que seus personaxes viviron todo tipo de experiencias.


DER NAME DER ROSE 

Neste filme dirixida por Jean-Jacques Annaund e baseada na novela homónima de Humberto Eco, o  frei Guillermo de Baskerville (Sean Connery ) acompañado do seu discípulo Adso de Melk (un novísimo Christian Slater) son testemuñas de estrañas mortes. Un misterio que esconde esa abadía que descubriremos grazas a intelixencia e a perspicacia deste franciscano.


ÁGORA

Esta loita entre sabeduría e fe tamén  a podemos atopar nesta gran película dirixida por Alejandro Amenábar e interpretada por Rachel Weisz no papel de Hipatia de Alejandría. Na que se narra os últimos días desta astrónoma e filósofa que loita por defender o último baluarte da cultura, a biblioteca, fronte a un mundo en crise.


BREAKFAST AT TIFFANY´S 

Nesta adaptación edulcorada do relato de Truman Capote breakfast at Tiffany´s, dirixida por Blake Edwards, a fermosísima Holly Golightly interpretada por Audrey Hepburn agóchase na biblioteca pública de Nova York para poder atopar entre as páxinas dos libros unha saída a súa vida chea de soños rotos. Un lugar no que noutro tempo fora feliz co seu amigo e escritor Paul Varjack interpretado por George Peppard.


 INDIANA JONES AND THE LAST CRUSADE

Na terceira entrega da saga de Indiana Jones (Dir. Steven Spielberg ) o protagonista interpretado por Harrison Ford vai na procura do seu pai o profesor Henry Jonnes (Sean Connery) que desapareceu en estrañas circunstancias cando investigaba sobre a existencia do Santo Grial. Indi diríxese o último lugar onde viuse ao seu pai unha biblioteca en Venecia onde atopa unha gran "X" (e onde hai unha X todos sabemos que sinala un tesouro).


GHOSTBUSTERS

A cidade de Nova York vese ameazada por estraños seres que atormentan a cidade sen respetar nada nin a ninguén, nin se queira as bibliotecas. Pero un grupo formado por Peter Venkman (Bill Murray), Ray Stantz (Dan Aykroyd) e Egon Spengler (Harold Ramis) tres parapsicólogos botados da Universidade de Columbia e transformados en "Cazapantasmas" salvaran a moza (Sigourney Weaver) cidade é o mundo deste pantasmas.


 THE BREAKFAST CLUB

Tamén na década dos 80 aparecía unha película dirixida aos adolescentes que 30 anos despoís e todo un clásico deste xénero. Cinco rapaces moi diferentes que son castigados toda unha maña de sábado na biblioteca (aquí un pequeno apuntamento QUE TIPO DE CASTIGO É ENCERRAR A ALGUÉN NUNHA BIBLIOTECA). Unha mañá diferente na que os cinco rapaces atoparanse no mundo.





  ALL THE PRESIDENT´S MEN

Nos anos nos que Internet non existía e que non tiñamos Google para resolver as dúbidas a xente pasaba horas e horas nas bibliotecas na procura de información.  Nesta tesitura atópanse en 1972  dous periodistas do xornal The Washington Post, Bob Woodward (Robert Redford) e Carl Bernstein (Dustin Hoffman), cando investigan  o allanamento do cuartel xeral do Partido Demócrata en Washington. Súas pesquisas desencadean no chamado 'caso Watergate', que provocou a dimisión do presidente Richard Nixon

 SEVEN

E como as vellas costumes non se perden, William Somerset inspector de policía a piques de retirarse interpredao por Morgan Freeman pasa as súas horas investigando a un asasino que basease nos sete pecados capitais para levar a cabo os seis crimes.


MATILDA

O clásico infantil escrito por Roald  Dalh foi levado ao cine polo actor e director Danny DeVito e protagonizado por Mara Wilson.
Matilda é ninguneada polos seus pais pero ela atopa todo o cariño e comprensión na súa mestra Jennifer Honey e nos libros. 


HARRY POTTER

Tanto nas películas como nos libros de Harry Potter a biblioteca ten gran protagonismo nas súas aventuras. Ubicada no cuarto andar do Castelo  Hogwarts, ten decenas de millares de libros en centos de andeis. Dirixida por Irma Pince, a biblioteca é onde os estudantes poden ir a buscar libros e empregalos nos seus estudios (o no goce persoal). 


STAR WARS: EPISODE II- ATTACK OF THE CLONES

Obi Wan Kenobi (Ewan McGregor) acude o Arquivo, na procura de información sobre o sistema Kamino e información sobre os asasinos que queren matar a Padmé Amidala (Natalie Portman).
 A bibliotecaria Jedi, Jocasta Nu, parece fráxil debido a súa ideade, pero aínda conserva o seu duro carácter. Unha de súas funcións como bibliotecaria, ademais da custodia dos rexistros que se almacenan nos seus arquivos, e a preparación das misións dos Jedi ao longo da galaxia.


DER HIMMEL ÜBER BERLIN

Nesta película alemana de 1987 dirixida por Win Wenders. Dous anxos (Bruno Ganz e Otto Sander) observan as xentes de Berlín, confortándoos nos momentos de dor e dándolles gañas de vivir. Un dos seus lugares favoritos para escoitar os pensamentos das persoas é a biblioteca. Unha biblioteca que corresponde a Biblioteca Nacional de Berlín , obra do arquitecto alemán Hnas Scharoun. 

 CITY ON ANGELS

Unha década despois Brad Silber fai unha nova versión máis comercial e romántica protagonizada por Nicolas Cage e Meg Ryan, coa cidade de Los Ángeles como fondo onde transcorre a acción. Pero esta adaptación mantén o idea dos anxos paseando polas bibliotecas na procura dos pensamentos da xente.

 

 

 


viernes, 2 de octubre de 2015

Non lembro o título pero...


Comeza o mes de outubro, e tras o período estival, na biblioteca voltamos de novo á rutina do curso escolar... e que mellor que facelo cun chisco de humor!! Por iso, neste mes de outubro adicado ás bibliotecas (o día 24 celébrase o Día da Biblioteca) comezamos propoñéndovos a mostra Non lembro o título pero... Todo un clásico do anecdotario bibliotecario!! Se buceades por internet atoparedes unha chea de páxinas e imaxes do famoso "non lembro o título pero a portada era azul", que nos serviu de inspiración para a mostra e para este primeiro post do novo curso.

Fai uns meses líamos no blog de Julián Marquina o artigo Cuando preguntar a la biblioteca era como buscar en Google e non deixábamos de sorprendernos das preguntas recollidas pola Biblioteca Pública de Nova York alá a mediados do século pasado. Cuestións como canto pesaba o cerebro de Napoleón ou a porcentaxe de bañeiras do mundo ubicadas nos Estados Unidos son só algúns exemplos. Sen chegar a eses extremos, si é certo que son moitas as consultas que cada día recibimos no mostrador: persoas que buscan un título concreto, a bibliografía dun autor, obras que falen dunha determinada temática... pero sempre hai quen nos deixa descolocados e fai que teñamos que poñer a andar o noso sentido arácnido, digo bibliotecario! Consultas como as que vos propoñemos nesta mostra, nas que nos preguntan por libros de portadas azuis, novelas con libros na portada, nomes de cidades ou parellas, son só unha pequena mostra dos retos aos que ás veces nos enfrentamos... Buscar libros cadrados (?!), títulos como A praia dos *avogados (afogados) ou os Cincuenta *sombreros de Grey (sombras) forma parte do noso día a día! ;)

Por certo, que ao longo da historia son moitas as personaxes ilustres que nalgún momento da súa vida exerceron como bibliotecarios: Benjamin Franklin participou na  fundación de la primeira biblioteca pública de Filadelfia, os irmáns Grimm traballaron como bibliotecarios na Universidade de Marburgo, onde escribiron as súas primeiras coleccións de libros infantís. Outros grandes nomes da literatura exerceron tamén esta profesión, dende Ghoete ou Lewis Carroll ata Stephen King, sen esquecer autores das letras españolas e hispanoamericanas como Gloria Fuertes, Rubén Darío, Vargas Llosa ou Jorge Luis Borges (de feito Borges chegaría a ser director da Biblioteca Nacional de Arxentina). Se tedes curiosidade non deixedes de visitar este post de Biblogtecarios!

E neste afán noso de presentarvos a nosa realidade, ofrecémosvos tamén un rinconciño no que podedes atopar unha fantástica selección de libros, tanto novelas ou contos como obras de non ficcción, nas que as bibliotecas e os seus bibliotecarios teñen un peso importante na trama... Non deixedes de pasarvos por aquí a botarlle un ollo e mergullarvos nestas apaixonantes historias!!

Para rematar, e retomando aquilo de que antes as bibliotecas eran como google, despedímonos con esta frase do gran Neil Gaiman: "Google pode devolverche 100.000 respostas, un bibliotecario pode devolverche a resposta correcta". Bravo.

viernes, 7 de agosto de 2015

Papel Mármore

A técnica consiste en reproducir debuxos facendo flotar as cores en suspensión sobre unha disolución acuosa.

Os papeis mármore máis antigos pertencen o país Nipón coa súa técnica suminagashi, tinta negra que flota, datados no 1118, aínda que os comezos seguro foron moito mais antigos.

O principal uso destes papeis consistía en fondos para caligrafías. Co paso dos anos o uso foise ampliando como decoración de paredes para a cerimonia do té, como gardas e cubertas de libros, cerámica, en telas de seda para a elaboración de kimonos...

Esta técnica é coñecida polo resto do mundo no 1881 por mediación da II Exposición Industrial do Xapón.


En Asía central inícianse cambios sobre a técnica milenaria, aumentado o espesor do auga. O nome que recibe esta disciplina en Turquía é Ebrû, a obra mais antiga data do 1608. Turquía é responsable de amosar a Europa está arte comezando a ser moi apreciada.

O papel mármore chega a Europa a partir da segunda metade do século XVI, nos seus inicios é un artigo
escaso e caro. Os países que iniciaron a actividade foron Francia, Alemaña, Holanda, Inglaterra, Italia; España destacou pola seu estilo denominado pregado español.

Coa Revolución Francesa comeza o declive, as grandes factorías manufacturan falsos mármores e os artesáns do gremio terán que abaratar os custos, diminuíndo a súa esplendor.

Hoxe en día seguen existindo artesáns moi recoñecidos na elaboración do papel mármore, para a súa utilización na encadernación clásica e como modo de representación plástica para moitos artistas.

Dende a biblioteca quixemos facer unha pequena homenaxe, a esta arte coa axuda de Xiomara, Carla, Natalia, Raquel, Anxo, Alba, Pablo, Lucía, Violeta, Teo, Lara, Iria, Irene, Emmanuella e Breixo, e durante dous días constatamos a maxia da pintura flotante.


sábado, 18 de julio de 2015

Fotogramas por segundo, Xosé Holgado


Dende o pasado 15 de xullo, podedes gozar na biblioteca coa exposición F.P.S. (Fotogramas por Segundo), de Xosé Holgado, unha serie fotográfica que homenaxea á sétima arte cun traballo baseado na reconstrución dos fotogramas dalgunhas das películas máis representativas da historia do cine. E para completar a mostra, ofrecémosvos unha escolma dos mellores libros de cine da nosa colección, cos que vos poderedes mergullar nos segredos que se agochan tras a gran pantalla.

Voltando ás imaxes de Xosé Holgado, o protagonismo do proceso recae na iluminación, que se integra á perfección con todos os elementos da posta en escena (maquillaxe, peiteado, atrezzo) para dotar ás imaxes da atmosfera das películas que as inspiran: unha selección de filmes dos máis diversos xéneros e épocas, pero cuxos fotogramas se teñen gravado xa para sempre nas nosas retinas.

Se facemos un percorrido cronolóxico polas mesmas non temos máis remedio que comezar co temible Nosferatu, eine Symphonie des Grauens, de F.W. Murnau (1922), obra clave do expresionismo alemán que nos presenta esta terrofífica figura esquelética, de dentes e uñas afiadas. Trátase dunha interpretación libre do Drácula de Bram Stocker(1897), a quen Murnau cambiou o nome para evitar ter que pagar os dereitos de autor...

Non temos que andar moitos anos no tempo para atoparnos coa surrealisa Un chien andalou (1929), de Luis Buñuel, na que participou Salvador Dalí. Unha verdadeira obra de arte e ensaio de 17 minutos que naceu da confluencia dun soño de Buñuel (o do ollo diseccionado por unnha navalla) con outro de Dalí (o da man e as formigas). O nome da película foi escollido por non ter ningunha relación cos temas tratados na mesma, algo moi en consonancia co Surrealismo no que se enmarca.

Se avanzamos ata os anos 60 atopámonos coa inquietante Psycho (1960), do mestre do terror e o suspense Alfred Hitchcock. Baséase na novela homónima de 1959 escrita por Robert Bloch, que á súa vez foi inspirada polos crimes de Ed Gein, asasino en serie de Wisconsin. Trátase de todo un clásico da historia do cine, unha das mellores películas do seu director, tan popular que ten sido versionada - e parodiada - en infinidade de ocasións. E é que Marion Crane e Norman Bates forman xa parte do noso imaxinario colectivo!

Un ano máis tarde estreábase Breakfast at Tiffany's (1961), de Blake Edwards, coa grandísima Audrey Hepburn no papel de Holly Golightly, unha guapa neoiorquina de vida fácil e extravagante. Trátase de novo dunha adaptación, esta vez bastante libre, dunha novela co mesmo título escrita por Truman Capote. Ao igual que a imaxe elegante de Hepburn é xa un icono da cultura moderna, a música de Henry Mancini e a canción Moon River forman parte tamén da banda sonora das vidas de moitos de nós.

Xa nos 70, atopámonos coa película Cabaret (1972) de Bob Fosse, coa magnífica interpretación de Liza Minelli, que se ten convertido nun dos mellores musicais da historia, cando parecía que este xénero estaba xa desaparecido. Como nos casos anteriores, a literatura está nas orixes da película, xa que se basea nun musical de Broadway que á vez se inspira na novela Goodbye to Berlin de Christopher Isherwood (1939). Imborrable a imaxe de Sally Bowles (Liza Minelli) cantándonos aquilo de "Life is a cabaret, old chum! Come to the cabaret!".

Chegamos á década dos 80 da man doutra desas pelis que te deixa os pelos de punta: The shining (1980) de Stanley Kubrick. Quen non recorda ese inquietante paseo en triciclo polos pasillos do hotel Overlook ou a terrible mirada de Jack Torrance (Jack Nicholson)? Baseada na novela do bestseller do xénero de terror Stephen King, este non quedou moi satisfeito co resultado da película, pois introducía cambios substanciais con respecto ao libro. Pola súa parte Kubrick modificou tamén en varias ocasións a montaxe final da cinta, suprimindo varias escenas que ofrecían novas miradas sobre o acontecido no hotel.

A nosa seguinte parada é Basic Instinct (1992), de Paul Verhoeven, todo un taquillazo mundial que mesturaba a intriga detestivesca (había que resolver un asasinato) con grandes doses de sexo. A película escandalizou aos sectores máis puritanos a comezos dos 90 polas súas escenas subidas de tono... E é que o director tivo que cortar a montaxe en innumerables ocasións para que a película non fose clasificada como pornográfica. Nunca un punzón de xeo e un cruce de pernas deron tanto que falar!

A finais desta década dos 90, un filme revolucionou a ciencia ficción pola súa acción trepidante, o seu orixinal guión e uns efectos especiais revolucionarios. Non podemos estar falando doutra peli que non sexa The Matrix (1999), dos irmáns Wachowski, que xunto con The Matrix Reloaded e The Matrix Revolutions forman unha triloxía de culto para calquera amante do xénero. Despois de Matrix, os déjà vu son máis inquietantes que nunca...

Nese mesmo ano estreábase tamén American Beauty (1999), opera prima do director teatral Sam Mendes que nos ofrece unha mordaz crítica do estilo de vida norteamericano, porque que ter a típica familia ideal e vivir nun estupendo barrio residencial non é tan marabilloso como parece... Na película aparecen constantemente alusións ás rosas como elemento simbólico: son cultivadas de forma obsesiva por Carolyn (Annette Bening), Lester (kevin Spacey) fantasea con elas cada vez que pensa en Jane (Mena Suvari), decoran o comedor familiar... precisamente a "American Beauty" é unha variedade de rosa cultivada artificialmente para ter unha apariencia perfecta, e para conseguilo hai que sacrificar en moitas ocasións xermolos que medran ao seu redor: toda unha metáfora da sociedade americana que satiriza a película.

Estreamos o século XXI con Le fabuleux destin d'Amélie Poulain (2001), de Jean-Pierre Jeune, unha fermosísima historia, case como un conto, no que a protagonista decide que o seu obxectivo na vida vai ser mellorar a vida dos demais. Cunha estética deliciosa, uns escenarios fabulosos (Monmartre) e un argumento cheo de dozura, esta película foi ata 2012 o filme francés máis taquillero da historia.

E rematamos este percorrido con Sin City (2005), de Robert Rodríguez, Quentin Tarantino e Frank Miller, baseada nos cómics deste último:  a película recrea á perfección a estética, a atmosfera opriminte e violenta e o ritmo narrativo creados por Miller, case parece que as viñetas cobrasen vida... Acción e cine negro en estado puro!

Consulta todas as imaxes no álbum Xosé Holgado. Fotogramas por segundo


viernes, 10 de julio de 2015

A robótica educativa. O uso de novas tecnoloxías dentro do ensino

Esta semana levamos a cabo na biblioteca un obradoiro de robótica, que consistiu na construción e programación de pequenos autómatas de Lego Robotix, que ao conectalos a un ordenador eran quen de realizar pequenas accións.

A raíz desta interesantísima experiencia, na que comprobamos a habilidade das xeracións máis novas no manexo destas tecnoloxías, gustaríanos reflexionar sobre o papel deste tipo de iniciativas no ensino formal.

Actualmente, as novas tecnoloxías xogan un papel importante no proceso de ensino-aprendizaxe, con novos modelos educativos que fomentan, por exemplo, a promoción da creatividade mediante o uso da robótica. Así, a chamada robótica educativa, ou robótica pedagóxica, é unha actividade transdisciplinar que de forma paralela aos métodos xa establecidos, dende a perspectiva instrumental e mediante o desenvolvemento de sistemas robóticos con fins didácticos, favorece a aprendizaxe colaborativa non só de áreas específicas de coñecemento, senón que tamén axudan a desenvolver habibilidades e competencias no alumnado.

Se ben é certo dentro dos actuais currículos escolares, especialmente de secundaria, aparecen contemplados xa contidos relacionados coa robótica, sobre todo da man das materias de tecnoloxía e informática, cando falamos de robótica educativa non só nos referimos á robótica como obxecto ou medio de aprendizaxe, senón que a entendemos como unha ferramenta de apoio á aprendizaxe, tal e como apunta Koldo Olaskoaga en Lrobotikas. É dicir, non se trata de centrarse exclusivamente na construción e programación dun robot, senón que este tipo de actividade facilita a aprendizaxe por indagación e experimentación de conceptos fundamentais de física, electricidade, electrónica, bioloxía... Bioloxía? estaredes a preguntarvos. Pois si, a partir dun robot podemos por exemplo facer comparativas ente un sensor e os sentidos do corpo humano, entre un mecanismo e un músculo, etc. E isto é só un exemplo das moitas posibilidades e recursos educativos que nos poden ofrecer este tipo de iniciativas.

Pero é que ademais de estimular o interese polas ciencias e a investigación, a robótica educativa favorece tamén o desenvolvemento de habilidades e competencias nos alumnos: poténciase a súa creatividade e imaxinación, a responsabilidade, a autoestima (equivocarse é parte do proceso) ou a proactividade, fomentando así mesmo a cooperación, o traballo en equipo e a toma de decisións de forma conxunta.

Todos estes aspectos puidemos traballalos durante esta semana a pequena escala, e podemos afirmar que os resultados foron magníficos. Podedes xuzgalo cos vosos propios ollos no álbum de fotos do obradoiro de robótica.

sábado, 4 de julio de 2015

Feira do Libro 2015



 
Un ano máis coa chegada do verán chega de novo á cidade a Feira do Libro. Unha gran oportunidade para coñecer as novidades editoriais, atoparse cos nosos autores preferidos, escoitalos ou levarnos a casa un libro asinado por eles e tamén, como non, para falar cos nosos libreiros que nos aconsellen novas lecturas para gozar nas vacacións.


Ledicia Costas foi a encargada de dar o pregón desta Feira, nel fixo un fermoso paseo polo Vigo da súa infancia e o Vigo actual, unha cidade chea de letras, ata nas paredes, na que viven entre as súas rúas grandes dos escritores galegos actuais e tamén grandes editoriais. Tamén fixo mención ao traballo das bibliotecas. Unhas fermosas palabras que podedes ler aquí, no blog de Xerais.

Este ano as dúas bibliotecas públicas de Vigo tamén de novo presentes, e como comentou Patiño, o presindente dos libreiros, formamos parte xunto coas librarías do proxecto de "achegar o libro ao lector".  A caseta da Biblioteca Nodal Juan Campañel é a primeira pegada á carpa de actividades, e a nosa caseta é a última, a nº 15.

Nesta edición temos unha caseta con moito colorido, onde quixemos homenaxear as obras que máis se prestaron este ano e tamén amosar algunhas das novidades que chegaron á biblioteca.

E este é Juan, o noso compañeiro que estará na caseta descubrindo a todo o público que se achegue os segredos da biblioteca, os nosos fondos, os servicios que ofrecemos e tamén presentando as actividades que realizamos neste verán.


Lembrámosvos aos máis despistados que este ano a Feira mudou de ubicación e que agora se atopa na Rúa Progreso, detrás do MARCO, e que está aberta todos os días dende o 3 ata o 12 de xullo de 11.00 a 14.00 (sábados e domingos ata ás 14.30h) en horario de maña e de 17.30 a 22.00h pola tarde. Ademais a Feira conta cun programa de actividades moi completo para todas as idades que podedes ver aquí .