martes, 30 de diciembre de 2014

Celebrando o Nadal...


Durante estes últimos días do ano 2014 na Biblioteca Neira Vilas celebramos o Nadal por todo o alto! Non faltaron actividades para todos os públicos, dende os adultos ata os máis cativos, que puideron gozar cos obradoiros e contacontos organizados.

Comezamos o día 19 cunha sesión de Contos Dakí a cargo de Paula Carballeira, xa vella coñecida da biblioteca, que como sempre arrincou os sorrisos e gargalladas de todo o público asistente grazas ao seu fantástico repertorio de historias sacadas da nosa mellor tradición oral.

Comezadas as vacacións, era hora de programar actividades para os máis pequenos da casa, así que o día 22 visitáronnos os amigos de Faia para presentarnos os seus Contos do Medio sobre o inverno, o Nadal e presentarnos un personaxe moi especial: o Apalpador! 

Ao día seguinte, organizamos un Obradoiro de Nadal para que os participantes puidesen crear os seus propios bonecos personalizados... o resultado foi espectacular e constatamos que na biblioteca temos unha canteira de pequenos artistas capaces de crear fantásticos personaxes!

Pasado xa o día de Nadal, o escritor Xavier Queipo e a súa Illa dos cangrexos violinistas estiveron na biblioteca  para ofrecernos unha estupenda sesión de contacontos, con concurso de debuxo incluído, no que de novo puidemos gozar co talento e imaxinación das obras realizadas!

Entre conto e conto entramos xa nesta derradeira semana do 2014, e onte achegáronse á biblioteca os compañeiros de Pavís Pavós, que viñeron de parte de Roque, que anda alá polo Polo Norte na casa de Papá Noel. Foi unha tarde cargadiña de contos marabillosos, na que non podía
faltar a historia de Martiño e o seu tren!!

E xa para despedir o ano, esta mañá puxémonos mans á obra nun obradoiro no que preparamos un calendario para o 2015 que comeza, no que non nos esquecimos de anotar ningunha data importante... incluída a noite de Reis! Precisamente por iso, tamén nos visitou o Paxe Real, que recolleu todas as cartas dirixidas ás Súas Maxestades depositadas no noso buzón real e aquelas que lle entregaron persoalmente os nenos que estaban na biblioteca.


Non deixedes de visitar a Galería de imaxes da biblioteca, onde atoparedes todas as fotos e detalles destas estupendas semanas de Nadal na Biblioteca Neira Vilas...

... Vémonos en 2015!!

Os nosos mellores lectores


A piques está de rematar o 2014, e como cada ano, dende a BPM Xosé Neira Vilas queremos agradecervos a vós, os nosos usuarios, que compartades con nós a paixón pola biblioteca e que fagades deste espazo un lugar no que compartir lecturas, inquedanzas, tempo de lecer e sobre todo, bos momentos...

E como sempre queremos tamén premiar ao público lector máis activo de cada categoría (adulto e infantil) cun lote de libros para comezar o 2015 cunha selección de boas lecturas!



Estes son os mellores lectores de 2014 na categoría de Adulto:
 
Julio César Rodríguez Alonso
Covadonga Lareu Rodríguez
María Luisa Fernández Lago
 
E agora os mellores lectores de 2014 na categoría Infantil:
 
Adrián Bouzó Sacarrera (lectores ata 5 anos)
Samanta Serpa Suárez (lectores de 6 a 9 anos)
Pablo e Daniel Comesaña Pomar (lectores 9 anos en diante)

FELICES FESTAS E BOAS LECTURAS!
 

sábado, 20 de diciembre de 2014

Felices Festas!


Dende a Biblioteca Xosé Neira Vilas desexámosvos 2015 boas lecturas!


Ilustración: Fran Bueno

jueves, 18 de diciembre de 2014

Programación trimestral. Xaneiro - Marzo 2015


Xa tedes á vosa disposición a programación da biblioteca para o vindeiro trimestre, onde atoparedes información detallada tanto das actividades permanentes (contacontos para público infantil e adulto, club de lectura, mostras bibliográficas) como das actividades puntuais que levaremos a cabo ao longo dos meses de xaneiro, febreiro e marzo: sesións de cine, cursos de alfabetización dixital, obradoiros, etc.

Atoparedes tamén información puntual sobre as mesmas (datas, prazos de inscrición) nas redes sociais e na axenda de actividades da nosa páxina web.

Entre arrolos e contiños. Decembro 2014


Onte pasamos outra estupenda tarde Entre arrolos e contiños con Bea Campos e Davide González.


Como é costume, a sesión veu cargadiña de contos e cancións, e estando xa ás portas das festas de Nadal, non podían faltar as panxoliñas nin historias como a de Martiño, ao que lle viñeron ganas de facer pis a noite de reis, ou o rabudo Homiño de mazapán, que acabou deborado por unha raposa.

Non deixedes de visitar a galería de imaxes da biblioteca con todas as fotos da velada!

Entre arrolos e contiños
Próxima sesión: venres 23 de xaneiro ás 18.00h
*Inscrición a partir do 2 de xaneiro ás 10.30h

viernes, 12 de diciembre de 2014

A hora dos contos. Decembro 2014

Como cada mes, este xoves Trini Puentes visitou a biblioteca para facernos gozar coas súas historias na Hora dos Contos.

Tendo en conta que o inverno está á volta da esquina e que xa comezamos a sentir as súas frías noites, Trini contounos a historia do can Palleiro, que nos fixo caer na conta do afortunados que somos, e do importante que é poder compartir un fogar. Tamén coñecimos a Crisantemo, unha nena encantada co seu nome ata que na escola se mofaron dela, pero que grazas á súa mestra comprendeu que todos os nomes son bonitos. E por último, como non podía se doutra forma, viaxamos ao Courel para coñecer a historia do Apalpador, que cada 24 de decembro baixa a comprobar se as barrigas dos cativos están ben cheas para cumplir os seus desexos.

Rematamos esta estupenda tarde de contos debuxando o noso propio can Palleiro para adoptalo e levalo aos nosos fogares. Se queredes ver as fotos desta animada tarde de contos non tedes máis que visitar a Galería da Biblioteca 

Non queremos tampouco esquecernos de dar ás grazas aos nenos e nenas da Ludoteca que nos felicitaron as festas do Nadal cunha fermosa postal feita por eles!




A hora dos contos
Próxima sesión: 8 de xaneiro de 2015 ás 18.00h