sábado, 29 de noviembre de 2014

Estoxo: Barrios, Espazos de Vida. O Calvario

Na tarde de onte presentamos na biblioteca un novo estoxo viaxeiro: Barrios, Espazos de Vida: O Calvario, unha actividade para toda a familia coa que vos propoñemos unha achega ao barrio no que nos atopamos.

En anos pasados, dende a biblioteca presentamos distintos estoxos viaxeiros, adicados a diferentes países, que nos achegaban á realidade social e cultural de cada un deles. Este ano, pola contra, decidimos adicar estas maletas a coñecer un pouco mellor a nosa cidade. Así, cada estoxo estará adicado a un barrio de Vigo.

No estoxo do Calvario poderedes atopar diferentes libros que nos falan do barrio, así como fichas que nos achegan á súa historia, monumentos, personaxes máis coñecidos... Tamén unha chea de contos para os máis pequenos da casa que nos fan reflexionar sobre a idea de cidade. Pero sobre todo, queremos que este estoxo sexa a excusa perfecta para saír en familia e explorar todos os recunchos do barrio: propoñémosvos distintas actividades coas que percorrer as rúas e edificios (algúns xa desaparecidos) do Calvario, que faledes cos veciños máis vellos e vos conten como era antes o barrio, e que compartades todas estas experiencias con nós nos cadernos que hai no estoxo e tamén a través das redes sociais: podedes mandarnos as vosas fotos do barrio por mail para subilas ao Facebook e Picasa, ou compartilas no Twitter coa etiqueta #Espazosdevida. Así, entre todos, iremos enriquecendo este estoxo con todo o material que nos acheguedes.



Entre arrolos e contiños. Novembro 2014

O xoves pasado pasámolo en grande na nosa cita mensual con Bea Campos e David González, que como sempre veu cargada de contos e cancións.

Das historias tradicionais como a da Merliña que perde aos seus filliños por culpa dun raposo malvado, ata libros rimados como o de Zapato, de Antonio Rubio e Óscar Villán, pasando polas peripecias de Antoliña Galiña ou os animais que viven na granxa. Todos eles acompañados pola alegre música do acordeón.

Para despedirnos, e para non perder os bos costumes, cantamos a canción tradicional Ai Maruxiña

Eu querer quéroche ben, eu téñoche admiración
quero casarme contigo, non mo pide o corazón,
non mo pide o corazón, non mo pide o corazón,
eu querer quéroche ben, eu téñoche admiración.

Ai Maruxiña,  eu ben cho dicía,
que o andar de noite é unha tolería,
 é unha tolería, é unha tolería,
ai Maruxiña, eu ben cho dicía.

Eu querer quéroche ben…



Non deixedes de ver as fotos na Galería da biblioteca


Entre arrolos e contiños
Próxima sesión: mércores 17 de decembro ás 18.00h
*Inscrición a partir do día 1 de decembro ás 17.00h

martes, 25 de noviembre de 2014

Contos Dakí. César Cambeiro

O pasado venres tivemos o pracer de contar na bilioteca nos Contos Dakí con César Cambeiro, que nos visitaba por primeira vez, pero que de seguro non será a última...

Como era de esperar, foi unha velada cargadiña das mellores lendas da nosa tradición oral, na que non faltaron tampouco guiños ás novas da actualidade... Así, repasando todo o acontecido neste mes de novembro fomos saltando dunha historia a outra, dende a do mariñeiro ao que a Raíña Lupa manda cortar a cabeza por culpa da palabra (ou a ausencia da mesma) dunha caveira, ata a do gran Roldán, que antes de volver a Francia por Roncesvalles e perder a vida andou por terras galegas tratando de namorar a tres costureiras de Puxares, que preferiron converterse en pedra antes que caer nas mans do ilustre cabaleiro. 
Tamén coñecimos a historia dos tres amigos que levaron un cráneo ao San Andrés de Teixido, porque xa se sabe que vai de morto quen non vai de vivo, e soubemos así mesmo da orixe do nome de Ponte do Porco, no río Lambre, que naceu da tráxica historia de amor entre Roxín Roxal e Tereixa, filla de Nuno Freire de Andrade, que acabou coa morte da moza a mans dun porco bravo durante unha cacería e a vinganza do pobre Roxín sobre o animal.

Como dicíamos, unha estupenda tarde de contos e sorrisos que podedes ver na galería da biblioteca.



Contos Dakí
Próxima sesión: venres 19 de decembro ás 19.30h
Conta: Paula Carballeira

martes, 18 de noviembre de 2014

As tardes do Roque. Novembro 2014

Na tarde de hoxe visitáronnos Andrea e Óscar para pasar xuntos unha estupenda Tarde do Roque.

Roque Roquiño chegou disfrazado de demo, e é que aínda estaba el a celebrar o Samaín. Despois dun susto de morte ao velo así vestido, buscou entre as súas cousas algúns dos seus contos favoritos para que nolos contase Andrea.

Así, celebramos o aniversario dunha ratiña cun enorme pastel que todo o mundo quería comer: o gato, o can, o león, o elefante... finalmente déronse un tremendo festín entre todos. Xa coa barriga chea da tarta da ratiña, adentrámonos na casa da Bruxa Mimí, na que todo era negro, ata o gato! O pobre Xeremías, que así se chamaba o felino, tivo que sufrir os enfados da bruxa, que o transformou en gato verde, gato de cores... ata que finalmente comprendeu que era mellor que Xeremías recuperase a súa pelaxe negra e que fose a casa a que tivese algo máis de colorido!

Despois destes fermosos contos, ao pobre Roque doíalle a barriga, pero non foi nada que non puidesemos arreglar cunha canción: Trispilistrás, trispilistriñas, o que non come non ten barriguiña. Trispilistrás, trispilistrolas, o que non come non ten barrigola!

Tampouco faltou a carta do avó Agustín, que este mes andaba por Alemaña... e rebuscando entre os seus tesouros Roque atopou o seu conto máis pequeno, que viña metido nuha caixa enorme! Era a historia do Rei curro, que tiña orellas de burro...

Rematamos como sempre cos parabéns, e despedímonos ata a vindeira sesión!

Por certo, que non queremos deixar pasar a ocasión para volver a felicitar a Andrea Bayer, que a semana pasada recibiu oXI Premio Barriga Verde de textos para monicreques coa obra ‘O lobo e a lúa’. Felicidades!!




Tedes como sempre todas as fotos na Galería da biblioteca.

As tardes de Roque
Próxima sesión: luns 29 de decembro ás 18.00h
*Prazas cubertas

viernes, 7 de noviembre de 2014

Novos Servizos Especiais de Préstamo

 
A Biblioteca Xosé Neira Vilas, en colaboración coa Oficina Municipal de Voluntariado do concello de Vigo, pon en marcha os novos Servizos Especiais de Préstamo.


Así, a biblioteca facilita ás persoas con autonomía limitada que non poidan  achegarse á biblioteca (persoas usuarias maiores de 80 anos,  persoas con discapacidade ou persoas que teñan a súa mobilidade e autonomía limitada), diferentes servizos de préstamos personalizados que se axustan ás súas necesidades, ao fin de favorecer o acceso aos recursos e o achegamento do material de préstamo aos seus fogares. Esta iniciativa está tamén dirixida a distintas entidades de carácter social, cultural, educativo, etc. que así o soliciten.


Servizo Especial de Préstamo

A biblioteca ofrece ás persoas usuarias maiores de 80 anos, ás persoas usuarias con discapacidade ou ás persoas que teñan a súa mobilidade e autonomía limitada de forma temporal ou permanente, un servizo personalizado ao fin de facilitar o acceso ao material da biblioteca. Para poder facer uso do servizo, as persoas que teñan carné da Neira Vilas poden poden designar a unha persoa do seu entorno para que realice os préstamo ao seu nome.


Servizo Especial de Préstamo a Domicilio

En colaboración coa Oficina de Voluntariado do Concello de Vigo, este servizo está destinado ás persoas usuarias con discapacidade ou ás persoas que teñan a súa mobilidade e autonomía limitada de forma  temporal ou permanente que non poden acudir a biblioteca e que non poidan contar con outra persoa para realizar o “Servizo Especial de Préstamo”. Desta forma, será o voluntariado o que traslade os préstamos ao domicilio dos solicitantes deste servizo, que poderán tamén solicitar a lectura en voz alta dos libros escollidos.


Servizo Especial de Préstamo a Entidades

A biblioteca ofrece tamén ás entidades (centros educativos, hospitais, centros culturais, centros da 3º idade, colectivos...) o “Servizo Especial de Préstamo a Entidades”, un servizo personalizado ao fin de facilitar o acceso aos recursos dos que dispón. Con esta iniciativa as entidades designan a unha persoa responsable que pode realizar os préstamos en nome da institución, que pode gozar dun máximo de 30 documentos en cada préstamo.



Máis información:
Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas
Tlf.: 986 267 759