sábado, 27 de septiembre de 2014

Programa de actividades na biblioteca. Outubro - Decembro 2014

Xa tedes á vosa disposición o programa de actividades de outubro, no que retomamos as actividades habituais do curso escolar, tanto para o público infantil (Roque, a hora dos contos, entre arrolos  e contiños) como para o público adulto (club de lectura, contos dakí), sen esquecer as mostras bibliográficas, nas que vos propoñemos unha chea de lecturas para este outono. Estade atentos ás novas datas e horarios.

Podedes consultar tamén a programación trimestral, para que non deixedes de anotar na axenda as vosas citas coa biblioteca!

viernes, 19 de septiembre de 2014

Pedro Feijoo nas Terrazas Literarias

Ainda que onte non acompañou o tempo, tivemos o privilexio de contar nas nosas Terrazas Literarias co escritor Pedro Feijoo, autor das novelas Os fillos do mar e A memoria da choiva, que se teñen convertido dende a súa publicación nuns dos títulos máis lidos da literatura galega da última década.



Os seus lectores poideron compartir co escritor as experiencias vividas a través da lectura dos seus libros, saciar a súa curiosidade sobre certas pasaxes das novelas e mesmo discutir con el sobre o controvertido dalgunhas das teorías que aparecen nas tramas!  

Nunha tertulia moi distendida e agradable, fomos quen de coñecer un pouco mellor a este vigués que ten enganchados a miles de lectores coas súas historias, que son boa mostra da boa saúde da que goza a novela negra "made in" Galicia: e é que tanto as localizacións e escenarios, tan familiares para os que nos mergullamos nas súas páxinas, como as tramas das novelas (a Batalla de Randa, Rosalía de Castro) destilan aroma galego en estado puro!

En resume, un verdadeiro pracer compartir con Pedro a nosa Terraza Literaria. E non deixedes de ler as súas novelas, tédelas á vosa disposición na biblioteca!

martes, 16 de septiembre de 2014

Horario de inverno

Lembrámosvos que hoxe comeza de novo o Horario de Inverno na biblioteca (do 16 de setembro ao 14 de xuño):

Luns: de 17.00 a 20.30h
Martes a venres: de 10.30 a 14.00h e de 17.00 a 20.30h
Sábados: de 10.30 a 14.00h

viernes, 5 de septiembre de 2014

Luis Davila nas Terrazas Literarias

Onte á tardiña puidemos gozar do solpor na compaña de Luis Davila, protagonista da nosa primeira Terraza Literaria este mes de setembro.

Coñecido entre o noso público sobre todo polas súas viñetas no Faro de Vigo, Davila explicou como nos seus inicios chegou a publicar ata tres tiras cómicas diarias en distintos xornais, o que resultaba todo un reto creativo, e é que a inspiración ás veces é mala de atrapar, e hai que buscala nos sitios máis insospeitados.

O éxito das súas tiras, que se extenden como regueiros de pólvora polas redes sociais, reside no uso dun  humor que nos toca moi de cerca, cheo da retranca propia dos galegos, e no que se fusiona o tradicional (as mulleres e homes do campo ou do mar) coa modernidade (música actual, novas tecnoloxías, etc). Desde 2008 publica tamén as súas viñetas no blog O Bichero, que vos recomendamos non deixedes de visitar: http://obichero.blogspot.com.es/

En breve teremos á vosa disposición os catro volumes publicados de O bichero, cos que tedes horas de gargalladas aseguradas! E non deixedes tampouco de visitar a nosa Galería de imaxes con todas as fotos do encontro.




Terrazas Literarias
Próximo encontro: Pedro Feijoo
Data: xoves 18 de setembro ás 20.00h

miércoles, 3 de septiembre de 2014

Programación de actividades. Setembro 2014

Xa tedes á vosa disposición a programación da biblioteca para este mes de setembro, no que seguiremos coas exitosas iniciativas Bibliotroco e Cita a Cegas. 

Ademais, presentámosvos unha nova mostra bibliográfica, Tendendo Bandas, na que atoparedes unha escolma dos máis importantes autores da banda deseñada española e hispanoamericana.  

No apartado de exposicións, o CEIP Porto Cabeiro amosa na biblioteca os traballos do alumnado do centro baseados en obras dos grandes artistas plásticos da arte galega, nun proxecto que parte do Equipo de Dinamización de Lingua Galega (EDLG) en colaboración coa biblioteca escolar.


E para rematar, non podedes perdervos as nosas Terrazas literarias, que este ano contarán coa presenza de Luis Davila (xoves 4)  e Pedro Feijoo (xoves 18).  Aproveitando estes últimos días de verán, celebramos estes encontros na terraza exterior da biblioteca, unhas reunións informais onde poderedes falar e preguntar aos escritores sobre o que rodea ao mundo literario (creación, edición...) nun ambiente lúdico e amigable ao tempo que gozamos do solpor.

Tedes toda a información das actividades (datas, horas, etc.) no seguinte enlace:

A Biblioteca Neira Vilas no Hoy por Hoy

O pasado luns, o programa radiofónico Hoy por Hoy, presentado por Jacobo Buceta, entrevistou ao director da biblioteca para falar dalgunhas das iniciativas máis novidosas que levamos a cabo. Podedes escoitar a conversa no seguinte enlace, dende o 1:09' ata o 1:20':