sábado, 28 de junio de 2014

Once upon a time. Xuño 2014

O venres 27 despedímonos das sesións de contacontos en inglés Once upon a time, cos que Ana e María nos fixeron gozar con estupendas historias ao longo deste ano.

Tras quentar motores coa canción Clap your hands, achegámonos a todo un clásico: Crocodilo namorado (Crocodile falls in love), para coñecer de primeira man os amores de Xirafa e Crocodilo. Como a tarde estaba animada, non podíamos deixar de poñerlle banda sonora a este fermoso conto, e que mellor tema que o de Love Story!

Seguimos en inglés coa historia  The Spider and Me, todo un achegamento visual e poético pola xeografía do corpo humano... E acompañamos á pobre Tartaruga que quería durmir, pero que non deixa de recibir as visitas dos seus numerosos amigos.

E como comezaramos cunha historia de amor, que mellor forma de rematar que con outra, Adiviña canto te quero (Guess how much I love you): ás veces, cando queremos alguén moito, moito, intentamos encontrar o modo de describir o tamaño dos nosos sentimentos. Pero como nos mostra esta marabillosa historia o amor non é algo doado de medir.

Despedímonos finalmente con música de Ana e María por este curso. Non deixedes de visitar o álbum da biblioteca e rememorar a través das nosas fotos as fantásticas tardes de Once upon a time.


jueves, 26 de junio de 2014

A Biblioteca Xosé Neira Vilas estréase nas Redes Sociais

 

A Biblioteca Xosé Neira Vilas estreou esta semana os seus perfiles nas Redes Sociais máis populares.


Dende agora podedes seguir as nosas novas e a nosa programación tanto no blog como no noso Facebook e nos nosos chíos en Twitter, onde atoparedes a información das actividades organizadas, cando e como inscribirse, noticias, servizos especiais e moitas máis sorpresas.


Séguenos en Facebook!

Séguenos en Twitter! 





martes, 24 de junio de 2014

Bibliotroco. Campaña de doazón de libros por material escolar





A biblioteca Neira Vilas pon en marcha o proxecto BIBLIOTROCO, unha campaña de doazón de libros a cambio de material escolar que será entregado a diferentes centros da área de influencia da biblioteca para que as persoas responsables dos mesmos o poñan a disposición do alumnado que o precise.

Con esta actividade convidámosvos que que vos unades de forma solidaria a este proxecto. Así, durante este mes de xuño estamos a buscar o material bibliográfico que será usado despois no troco. Se tedes na casa libros en bo estado que xa non usedes podedes traelos á biblioteca para incluílos na campaña.

De xullo a setembro, os libros reunidos serán expostos nun lugar visible da biblioteca para que as persoas usuarias poidades buscar e elexir o que queredes levar. A cambio, teredes que depositar material escolar novo ou en bo estado.

A partir do 15 de setembro, este material será doado a diferentes centros da área de influencia da biblioteca para que as persoas responsables dos mesmos o poñan a disposición do alumnado que o precise.

lunes, 23 de junio de 2014

Entre arrolos e contiños

Dentro do programa Ler Conta Moito promovido pola Xunta de Galicia, o sábado pasado Bea e David acompañáronnos na última sesión de  Entre arrolos e contiños deste curso. 



Foi como sempre unha fantástica mañá de animados contos e cancións que fixeron as delicias de pequenos e maiores.

Comezamos, para non perder o costume, coa canción de benvida seguido dun conto tradicional e ben coñecido por todos, o Garavanciño. Despois de seguir as súas peripecias ata acabar na barriga do boi, fomos de paseo ao Zoo, onde coñecimos a simpáticos animais como a curuxa Paca, o rato Xan, o panda Andrés... E como a cousa ía de animais, seguimos a sesión con outro clásico: os Tres porquiños. Acompañamos tamén ao pequeno Iyoqué, que a pesar de non ser alto como a súa amiga a xirafa, nin forte como o gorila, feroz como o león ou áxil como a gacela, está moi contento de ser todavía pequerrecho, pois así ten a sorte de caber no colo da súa mamá...

Para rematar, fixémolo como xa é habitual con dúas cancións populares, que nos meteron o ritmo no corpo para toda a fin de semana.


Como comentamos, despedímonos de Entre arrolos e contiños por este curso, pero retomaremos a actividade a partir do mes de outrubro. Estade atentos ao blog e a páxina de facebook para informarvos das datas e forma de inscrición. Mentres deixámosvos o enlace ao álbum da biblioteca onde podedes ver os mellores momentos da actividade ao longo do ano!

martes, 17 de junio de 2014

O Sabadiño do Roque. Xuño 2014

O pasado sábado 14 de xuño regresaron os nosos amigos Andrea, Óscar e Roque á biblioteca para contarnos novos contos e pasar unha maña de sábado moi divertida.

Comezamos coma sempre cantando a "Canción de benvida", que xa todos coñecemos. Logo Andrea contounos dous contos fermosísimos.

 Primeiro contou un conto moi divertido A vaca que puxo un ovo que conta a historia da vaca Macarena que está triste porque non sabe facer as cousas marabillosas que fan as outras vacas, coma montar en bicicleta. Pero pola noite as galiñas pensan un plan para que Macarena recupera o bo humor.



O segundo conto foi o clásico A Ratiña Presumida, nesta ocasión o conto saíu das páxinas do libro e entre todos fixemos unha pequena teatralización do conto.


Logo saíu Roque, equipado para ir á praia co seu sombreiro, gafas de sol, bañador, cubo, raquetas, toalla... Non lle quedou nada na casa, nin a crema para o sol. Roque leunos a carta que recibiu do seu avó Agustín onde explicaba unha nova adiviña; xogo ao que sumouse o público recitando tamén outras adiviñas que trouxeron preparadas.

Máis tarde xogamos a Zapatilla por detrás, e despois dunhas voltas e máis voltas e moitas risas cantamos a "Canción dos parabéns" ás persoas que estiveron este mes de aniversario e tamén aos que  ían cumprir nos meses de verán.


Roque tróuxonos agasallos para todos e despediuse xunto a Andrea e Óscar ata outubro.

Podedes ver no álbum da biblioteca as fotos de todo esta ano do Sabadiño do Roque.



viernes, 13 de junio de 2014

A hora dos contos. Xuño 2014

Onte despedímonos por este curso da nosa Hora dos contos cunha sesión adicada como non ás vacacións estivais, na que a través das historias de Trini puidemos coñecer diferentes maneiras de pasar estes meses de verán.

Así, soubemos que unha opción é ir de campamento, e que non nos ten que dar medo o feito de non coñecer a ninguén alí, porque de seguro habemos de facer grandes e estupendos amigos. Por outro lado, pasar as vacacións en casa dos avós pódese converter nunha gran aventura, máis se atopas un dragón no caldeiro do pozo da granxa. Outra opción nada desdeñable é a de pasar as vacacións na praia, onde podemos atopar buguinas con fermosas sereas dentro. Tampouco está mal quedar na casa, e rebuscar por todos os recunchos en busca de tesouros que nos descubran fantásticas historias.

Para rematar, todos os participantes fixeron un sabroso xelado de formas e sabores variados para refrescar as altas temperaturas do verán.

Despedímonos así ata outubro, convidándovos a visitar o álbum da biblioteca  no que podedes atopar todas as imaxes da Hora do Contos ao longo do curso. Vémonos en outono!

lunes, 2 de junio de 2014

Contos Dakí. Soledad Felloza

O pasado venres rematamos por este curso o ciclo Contos Dakí da man de Soledad Felloza, que se estreaba na nosa biblioteca, e que como o resto dos nosos contadores foi quen de arrincarnos risos e gargalladas, á vez que facernos reflexionar.

Como uruguaia, deunos a súa particular visión da cultura galega, na que se viu inmersa de súpeto ao casar cun galego de pro da Ría de Arousa, nada máis e nada menos...  Na súa primeira reunión familiar recibiu como regalo de benvida o título de propiedade dun nicho do cemiterio, e dende entón goza da súa condición de "nichoteniente"....

Así, entre a seu Uruaguai natal e a súa Galicia adoptiva, foinos regalando fermosas e divertidas historias que nutren as súas raíces (uruguaias) e as súas pólas (galegas) e que a axudan primavera a primavera a florecer.

E con ela despedímonos ata o outono, no que volveremos a gozar cos Contos Dakí e no que esperamos nos volvamos a reunir con todos os que mes a mes desfrutastes deste ciclo.