martes, 27 de mayo de 2014

Novos servizos na Biblioteca Xosé Neira Vilas

A Biblioteca Xosé Neira Vilas preséntavos dúas novidades entre os servizos que presta aos usuarios. 

NOVOS CENTROS DE INTERESE

Dende o día 26 de maio tedes á vosa disposición un novo centro de interese: VIGO. Os centros de interese son seccións temáticas da biblioteca que se diferencian do resto por ofrecer distintos documentos ao redor dunha materia concreta, independentemente do soporte no que se atopen (libros, cd, dvd...). Actualmente, no fondo de adultos, están dispoñibles xa os centros de interese Torre de Babel (idiomas) e Viaxes, aos que se suma este novo centro, VIGO, no que poderedes atopar todo tipo de documentos relacionados coa nosa cidade: a súa historia, xeografía, industria, fotografías...

Nos próximos meses estarán dispoñibles tamén os centros de interese Cociña e nutrición, con fondos referentes a esta temática, e Bibliolabora, con documentos relacionados coa busca de traballo e o desenvolvemento profesional.


E-READERS PARA CONSULTA EN SALA

A biblioteca pon tamén a disposición dos seus usuarios dous e-readers ou libros electrónicos para a súa consulta en sala. Todos aqueles interesados neste servizo poderán solicitalo no mostrador da biblioteca, onde se lles facilitará un dispositivo no que poder ler os libros dispoñibles na Plataforma de Libro Electrónico do Concello de Vigo ebookvigo.org.




Agardamos que estes novos servizos sexan do voso interese e animámosvos a facer uso dos mesmos.

Entre arrolos e contiños. Maio 2014

Un mes máis, o sábado celebramos na biblioteca unha nova mañá Entre arrolos e contiños na compaña de Bea Campos e David González e os seus Contos do chupete.



Foi unha mañá chea de novidades literarias, pois presentáronnos novos contos recén saídiños do forno! Así, aprendimos as cores da man dos ratiños de Leo Lionni, ou cantamos as rimas de Antonio Rubio en Zapato, Piñeiro e Violín. Non faltaron tampouco clásicos como O poliño da abeleira, nin a música do acordeón ou a ocarina para acompañar estes fantásticos contos.


Despedímonos como de costume cunha preciosa canción tradicional, o alecrín:
Alecrín, alecrín dourado 
que naceu no monte 
sen ser sementado.
Ai amor, amor
¿quen che dixo a ti
que a flor do toxo
era o alecrín?

Como sempre, todas as fotos da sesión están á vosa disposición no álbum da biblioteca.


Entre arrolos e contiños.
Próxima sesión: sábado 21 de xuño de 2014
*Inscrición: a partir do 2 de xuño ás 17.00h

Once upon a time. Maio 2014

O venres volvemos a gozar cunha sesión de contos en inglés e galego da man de Ana e María. Comezamos como sempre cantando Clap your hands. Unha vez quentados os motores, arrancamos coa versión biblingue de Amelia quere un can (Amelia wants a dog), no fomos testemuñas da astucia da protagonista para conseguir unha mascota. 
A continuación acompañamos a coelliño nos seus xogos coa súa "non caixa" en Not a box (Non é unha caixa), seguimos  os pasos da hipopótama Chocolata (Chocolate) pola gran cidade en busca da casa de baños, e as peripecias do Venderor de tormentas, que cargado coas súas maletas ía de pobo en pobo vendendo soles e tormentas a quen llas quixera mercar.

Rematamos a sesión cunha canción para espantar a chuvia, que boa falta nos fai xa a estas alturas de maio, e despedímonos das nosas compañeiras de aventuras ata o mes de xuño.

Once upon a time
Próxima sesión: venres 27 de xuño ás 19.00h

lunes, 26 de mayo de 2014

XL Edición da Feira do Libro

O pasado 23 de maio inaugurouse na Praza de Compostela a XL Edición da Feira do Libro, un proxecto literario no que teñen cabida diferentes sectores do mundo das letras: editoriais, institucións públicas, etc. 

A Feira preséntase este ano cun animado programa de actividades (pincha aquí) onde podemos atopar presentacións de novidades editoriais, firma de autores, obradoiros, concertos, etc. 
 

Como non podía ser doutra forma a Biblioteca Xosé Neira Vilas está presente na mesma a través dunha caseta onde convidamos a todos aqueles que o desexen a degustar un exquisito menú literario:
todos os visitantes da feira poden vivir a experiencia de sentarse na mesa do noso "restaurante" e escoller un prato entre os moitos que ofrece a nosa carta, decantarse polo menú do día, tapear... Todo un sinfín de posibilidades para saborear ricas e frescas propostas literarias para todos os gustos coas que comezar con bo pé o verán. Por suposto, tamén na nosa caseta podedes atopar información detallada sobre todos os servizos e actividades que programamos na biblioteca.

Queda todavía moita feira por diante, así que vos animamos a achegarvos ata a Alameda e deixarvos levar polo pracer de pasear entre as casetas, curiosear e prederse entre os libros e participar nas actividades programadas.



Feira do Libro
Do 23 de maio ao 1 de xuño
Horario: mañás de 12.00 a 14.00h (sábados e domingos ata as 14.30h)
               tardes de 17.30 a 22.00h


lunes, 19 de mayo de 2014

Pasen i escoiten, pasen i lean! Letras Galegas


Dentro do programa Pasen i escoiten, pasen i lean! que a biblioteca organiza coa Oficina Municipal do Voluntariado do Concello de Vigo, o pasado venres tivemos o pracer de contar de novo cos voluntarios deste proxecto para escoitar das súas voces unha fermosa selección de poemas dalgúns dos nomes máis salientables das Letras Galegas.

Así, non faltaron os versos de Xosé María Díaz Castro, como os de Nimbos ou Penélope, pero ao poeta guitiricense uníronse as voces doutros autores como Álvaro Cunqueiro, Curros Enríquez, Carlos Casares, Méndez Ferrín, Rafael Dieste, Castelao ou Celso Emilio Ferreiro. En definitiva, unha deliciosa velada de celebración do Día das Letras Galegas.

Deixámosvos de novo cun poema de Díaz Castro, e convidámosvos a que no que resta de mes vos acheguedes á biblioteca para mergullarvos nas obras que forman parte da nosa Mostra Bibliográfica de maio, na que atoparedes exemplares das figuras homenaxeadas ao longo dos anos no Día das Letras Galegas.

Lembrámosvos tamén que, como sempre, podedes botar un ollo a todas as fotos da xornada no álbum da biblioteca.

NIMBOS
Se é que o poema é só un nimbo de lus
que os ollos cegos póñenlles ás cousas
soñadas, ou amadas nas teebras,

das cousas que xa foron e se foron
pro siguen sendo e non se van xa máis,
das sombras que, xogando cos meus ollos,
na miña vida en lume se enxeriron,

eu deixo eiquí os nimbos, coma cinza
de rosas que onte encheron de perfume
o mundo, morto xove, dalgún soño.

viernes, 16 de mayo de 2014

Día das Letras Galegas. Xosé María Díaz Castro


Na tarde de onte celebramos na biblioteca un recital poético para homenaxear a figura de Xosé María Díaz Castro e celebrar o Día das Letras Galegas. 

As participantes no club de lectura da Biblioteca Neira Vilas foron interpretando unha selección de 24 poemas que forman parte de Nimbos, obra publicada por Díaz Castro en 1961. Entre uns e outros versos, fomos  repasando a biografía desta ilustre figura das nosas letras, así como profundizando no significado dos seus poemas.


Deixámosvos  que vos deleitedes cos fermosos versos de Penélope:

Un paso adiante e outro atrás, Galiza,

e a tea dos teus soños non se move.

A espranza nos teus ollos se espreguiza.

Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos

che estrolla o sono mol coma unha uva.

Pro ti envólveste en sabas de mil anos,

e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día

a xente que levaron. Deus é o mesmo.

Suco vai, suco vén, ¡ Xesús María!,

e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados como sono,

o Tempo vai de Parga a Pastoriza.

Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.

¡ Un paso adiante e outro atrás, Galiza!


Podedes consultar as fotos do recital no álbum da biblioteca.
O sábado pasado tivemos de novo a sorte de contar con Andrea, Óscar e Roque nunha divertida mañá de contos e poesía!

Comezamos a sesión coma sempre presentándonos, e despois fomos testemuñas das aventuras e desventuras do poble Cocorico. Rematado o conto, chegou Roque Roquiño contándonos que estivera nos últimos días a aprender poesías para celebrar o Día das Letras Galegas, e demostrounos o moito que traballara recitándonos un fermoso poema. Limos tamén a carta do avó Agustin e resolvimos as súas adiviñas, e despois, entre todos interpretamos fermosos poemas de García Teijeiro, Anisia Miranda e como non, Xosé María Díaz Castro.

Rematamos a sesión felicitando a todos aqueles que cumpliran anos dende a última sesión e despedímonos de Óscar, Andrea e Roque ata o vindeiro mes!

O Sabadiño do Roque
Próxima sesión: sábado 7 de xuño ás 12.00h
*Aberto prazo de inscrición

sábado, 10 de mayo de 2014

A hora dos Contos. Letras Galegas

O pasado xoves tivemos unha nova cita con Trini e a súa Hora dos Contos, e como non podía ser doutra forma no mes de maio o fío condutor da sesión xirou ao redor do Día das Letras Galegas e o homenaxeado este ano, Xosé María Díaz Castro. Adentrándonos na súa biografía descubrimos o seu amor pola natureza e as árbores, o que nos dou pé a coñecer a historia de Xaime e as landras. Tamén soubemos da súa paixón  polos paxaros, como a merla protagonista do conto tradicional no que unha astuta raposa lle quere roubar os seus merliños.

A Xosé María gustáballe moito tamén investigar sobre novas formas de comunicarnos, e especialmente gustábanlle os pictogramas, e foi así como contamos a historia dosTres porquiños a partir de imaxes que todos puidemos interpretar.

Para rematar a sesión, acompañados da guitarra, cantamos entre todos un dos poemas de Díaz Castro, e fixemos unha pequena actividade baseada en pictogramas.



A hora dos contos
Próxima sesión: xoves 12 de xuño ás 18.00h