lunes, 31 de marzo de 2014

Pasen i escoiten! Pasen i lean! Día Mundial do Teatro

O pasado xoves 27 de marzo celebramos na biblioteca o Día Mundial do Teatro, que viñamos xa reivindicado dende principios de mes coa mostra bibliográfica Entre Bambalinas, na que expoñíamos todo tipo de materiais relacionados co mundo do teatro, dende textos clásico a obras actuais, sen deixar de lado estudios e ensaios relacionados coas artes escénicas.

Con motivo desta celebración, convidamos ao grupo de voluntarios da Oficina de Voluntariado do concello de Vigo para que fixeran a lectura dalgúns destacados textos relacionados co xénero teatral. Así, comezaron lendo o manifesto do Día Mundial do Teatro, para deleitarnos a continuación con fragmentos do xa clásico Las bicicletas no son para el verano, de Fernando Fernán Gómez.

Para rematar, dramatizaron a obra do melillense Fernando Arrabal Pic-nic, unha obra teatral moi breve que denuncia o absurdo da guerra a través de personaxes ignorantes e inocentes, e o traslado ao contexto bélico das solucións da vida civil e cotiá. Sería unha obra cómica se o final non deixase xeado o optimismo...

Deixámosvos co Manifesto do Día Mundial do Teatro, que neste 2014 correu a cargo do dramatrugo sudafricano Brett Bailey:

"Reunímonos para chorar e para recordar; para rir e contemplar; para aprender, afirmar e imaxinar. Para marabillarnos ante a destreza técnica, e para encarnar deuses. Para deixarnos sen respiración ante a nosa capacidade de beleza, compaixón e monstruosidade. Imos para enchernos de enerxía e poder. Para celebrar a riqueza das nosas diferentes culturas, e para facer desaparecer as barreiras que nos dividen.

Onde queira que haxa sociedade humana, o irreprimible Espírito da Representación maniféstase. Nacido da comunidade, leva postas as máscaras e vestimentas das nosas distintas tradicións. Utiliza as nosas linguas, ritmos e xestos, e abre un espazo entre nós.

E nós, os artistas que traballamos con este antigo espírito, sentímonos impulsados a canalizalo a través dos nosos corazóns, as nosas ideas e os nosos corpos para revelar as nosas realidades en toda a súa cotianeidade e o seu rutilante misterio.

Pero nesta época na que tantos millóns de persoas loitan por sobrevivir, sofren baixo réximes opresivos e o capitalismo depredador, foxen do conflito e a escaseza; na que a nosa privacidade é invadida por servizos secretos e as nosas palabras censuradas por gobernos intrusivos; na que se aniquilan os bosques, se exterminan especies e se envelenan os océanos: Que nos sentimos impulsados a revelar?

Neste mundo de poder desigual, no que distintas ordes hexemónicas intentan convencernos de que unha nación, unha raza, un xénero, unha preferencia sexual, unha relixión, unha ideoloxía, un marco cultural é superior ao resto, realmente pódese defender a idea de que as artes deberían apartarse das axendas sociais?

Nós, os artistas de escenarios e ágoras, conformámonos coas demandas asépticas do mercado, ou utilizamos o poder que temos: para abrir un espazo nos corazóns e as mentes da sociedade, para reunir xente ao noso arredor, para inspirar, marabillar e informar, e para crear un mundo de esperanza e colaboración sincera?"

Baixo as árbores de pequenas aldeas e sobre sofisticados escenarios en grandes metrópoles; en salóns de actos de colexios e en campos e en templos; en suburbios, en prazas públicas, en centros cívicos e nos subsolos das cidades, a xente reúnese en comuñón en torno aos efémeros mundos teatrais que creamos para expresar a nosa complexidade humana, a nosa diversidade, a nosa vulnerabilidade, en carne e óso, alento e voz.


jueves, 27 de marzo de 2014

O Mes do Libro na Biblioteca Neira Vilas

Presentámosvos a Programación de abril na biblioteca, que como non podía ser doutra forma celebra este mes o Día do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) e o Día do Libro (23 de abril), polo que todas as nosas actividades xirarán ao redor destas efemérides.


Comezamos o mes con Un abril de contos, unha mostra bibliográfica adicada ao libro infantil e xuvenil que nunha zona destacada da biblioteca nos achegará algúns dos títulos máis interesantes dos noso fondo, tanto grandes clásicos como contemporáneos.


Para continuar co festexo, o mércores 2 celebraremos o Día do Libro Infantil co obradoiro  Animalario fantástico, no que xogaremos a inventar animais a partir de historias narradas e a inventar historias a partir de animais de conto. Non o podedes perder!


Xa en Semana Santa, o 15 e 16, organizaremos o Obradoiro de Cabezudos, e pasadas as festas, o 23 de abril celebraremos por todo o alto o Día do Libro cunha lectura pública de textos de mulleres na historia da literatura a cargo das participantes no Club de lectura da biblioteca.


Por suposto, non podedes esquecer as vosas citas coas nosas actividades permanentes: o Sabadiño do Roque, a Hora dos Contos, Entre arrolos e Contiños ou os Contos Dakí, que tamén terán moi presentes estas dúas datas tan especiais nas bibliotecas.

Tedes toda a información detallada das actividades (datas, horarios, inscricións) no seguinte enlace: Programación Abril 2014


Aproveitamos tamén para presentarvos así mesmo a Programación trimestral Abril-Xuño 2014, que está dispoñible no menú da dereita do blog.

Como vedes, este é un mes de festa na biblioteca, así que agardamos que as actividades sexan do voso agrado e esperamos contar coa vosa presenza!


lunes, 24 de marzo de 2014

Día Mundial da Poesía. CintaAdhesiva


O pasado venres a biblioteca celebrou o Día Internacional da Poesía, sumándose aos obxectivos marcados pola UNESCO para favorecer a difusión deste xénero literario. 



Así, convidamos a Silvia Penas e Jesús Andrés Tejada, que nos presentaron o proxecto literario-musical CintaAdhesiva, no que ambas disciplinas artísticas, música e poesía, confundiron os seus límites: os textos funcionaban como un elemento vivo e dialogante, nun espectáculo no que a música, entendida dende o ruído ata o silencio, foi enchendo toda clase de ocos de intensidade, deixando espazos abertos e cheos de posibilidades... 

Como final desta fantástica velada poética, que por momentos conseguiu poñernos as emocións a flor de pel, Silvia e Jesús organizaron un coro poético co público asistente: repatíronse textos numerados  que os participantes foron recitando cun acompañamento musical. Así, despedimos este Día da Poesía da man de poetas como Elvira Riveiro, Andrea Nunes, Baldo Ramos, Paco Souto, Lois Pereiro, Xela Arias, María do Cebreiro, María Lado, Manuel Darriba, Eduardo Estévez ou Xabier Xil.




martes, 18 de marzo de 2014

Día da poesía. CintaAdhesiva



Para celebrar o Día da Poesía, a biblioteca organiza un espectáculo a cargo de Cintadhesiva (Silvia Pena e Jesús Tejada), un proxecto literario-musical  no que sobre o fío condutor da música, os textos van dotando de significados ás melodías, os ritmos e as cadencias. 

A continuación organizarase un coro co público e abriremos o micro para que cada quen recite o que queira, nunha pequena sesión de "micro aberto" ou jam de poesía. 

Día da Poesía
Venres 21 de marzo ás 19.30h


Entre arrolos e contiños. Marzo 2014

Da man de Bea Campos e David González pasamos o sábado pasado unha fantástica xornada Entre arrolos e contiños. Comezamos como sempre coa canción de benvida, e como xa eran as 12 e había algo de fame, acompañamos aos distintos animais nas súas comidas favoritas e aprendimos que á hora de comer mala cara non podes ter! Para baixar a comida, decidimos darnos un paseo polo bosque mentres que o lobo non aparecía, pero non tardou moito en deixarse ver para comernos... a bicos!! 
Moi amigos do lobo eran os Chibos chibóns que protagonizaron a seguinte historia, que tamén a causa das ganas de papar unha riquísima herba verde decidiron enfrontarse a un terrible ogro... E xa que a cousa ía de comidas, que mellor que aprender a poñer ben a mesa coa nosa amiga a Paxariña de papel! Todo, por suposto, acompañado das fermosas melodías do acordeón e a melódica.


Para rematar, despedímonos como de costume con dúas cancións tradicionais, Ondiñas veñen e Vén bailar Carmiña!

Tedes todas as imaxes desta riquísima e nutritiva sesión no álbum da biblioteca!


Entre arrolos e contiños
Próxima sesión: sábado 26 de abril ás 12.00h
*Inscrición a partir do 1 de abril ás 10.30h

lunes, 17 de marzo de 2014

Once upon a time. Contacontos en inglés. Marzo 2014

Que mellor maneira de rematar a semana que cunha chea de contiños... e en inglés! Unha vez máis Ana e María amenizaron a tarde na biblioteca achegándonos fermosas historias que compartiron con nós, en galego e en inglés.

Comezamos cun clásico, o Coelliño Branco (Little White Rabbit), ao que acompañamos na súa busca de axuda para conseguir librarse da malvada Cabra Cabresa e poder así facer un caldiño coas coles que recollera. 
Pero para recoller, primeiro hai que sementar, e coñecimos así á traballadora Galiña Roxa (Little Red Hen), que non atopou axuda para botar o millo máis si para comer despois o pan que con tanto traballo fixera! Deixamos de lado a granxa e subimos á cima dunha montaña moi alta... e alí atopamos tres Chibos Chibóns que tiveron que enfrontarse a un terrible ogro para poder comer unha riquísima e verde herba. Polo camiño atopamos a Catarina e o Oso (Josephine and the Bear) e con eles fomos sen rumbo polo mundo andando cara adiante, recuando, indo a rolos, á pata coxa... E para rematar, acompañamos ao verde Crocodilo (Crocodile) que se perde e sobe nun baúl azul azul azul... Con el aprendimos as cores e os nomes de moitos obxectos, tal e como podedes ver no mural que fixemos entre todos!! (álbum da biblioteca)



Once upon a time
Próxima sesión: venres 11 de abril ás 19.00h

A hora dos contos. Marzo 2014

Unha vez máis, o pasado xoves Trini deu sabor ás nosas merendas nunha nova Hora dos contos. Desta volta, a temática tratada foron os segredos, así que a tarde estivo chea de misterio!



Despois de cantar "vir á biblioteca é unha aventura", adentrámonos no pobo de Poucapalla, cuxas rúas gardaban unha chea de segredos. De seguido, trasladámonos ao Reino de Pedra e o Reino de Cristal, onde coñecimos a unha astuta princesa que descubría todo coa axuda do seu espello. Finalmente, desvelamos tamén o segredo do Rei Curro, que tiña orellas de burro, e adícámoslle unha divertida canción!

Para rematar, cada un de nós elaborou a súa propia caixiña onde gardar todos os nosos segredos!


Todas as imaxes da sesión están, como sempre, colgadas no álbum da biblioteca.



A hora dos contos
Próxima sesión: xoves 10 de abril ás 18.00h

jueves, 13 de marzo de 2014

Entre bambalinas. Mostra de Teatro

Durante o mes de marzo presentámosvos na biblioteca a mostra bibliográfica Entre Bambalinas, na que poderedes atopar todo tipo de materiais relacionados co mundo do teatro, dende textos clásico a obras actuais, sen deixar de lado estudios e ensaios relacionados coas artes escénicas.

Tedes máis información no seguinte enlace: Mostra bibliográfica. Entre bambalinas

Entre Bambalinas. Mostra bibliográfica
Do 3 ao 31 de marzo de 2014
Horario de apertura da biblioteca

sábado, 8 de marzo de 2014

Contos Dakí. Paula Carballeira

Onte tivemos o pracer de volver a contar na biblioteca con Paula Carballeira, que nos regalou unha moreiña de contos tradicionais divididos en dous bloques: contos monárquicos (de reis e princesas) e contos de bechos, todos eles recollidos en distintos libros que Paula nos foi amosando.

Comezamos así coa historia do rei que tiña tres fillos (os reis sempre teñen tres fillos), neste caso tres rapazas ás que un bo día preguntou cal delas o quería máis. A resposta da máis pequena, que o quería máis que o pote ó sal, non o convenceu, así que foi desterrada... Non imos desvelar aquí o final da historia, pero sí dicirvos que esta é a orixe do famoso Rei Lear, de Shakespeare. Seguimos cun conto tradicional de Charles Perrault, pero nesta ocasión pouco coñecido: o da princesa que se namora dun príncipe que resulta ser un asasino... E para rematar as historias de príncipes e princesas, unha versión vampira dunha Brancaneves nada inocente que nos puxo os pelos de punta!

Nos contos de bechos, puidemos escoitar a fermosa historia da propia Paula Carballeira, A Burra Ramona, que imaxinaba que podía voar... seguida do rápido conto popular do Galo e o Raposo para rematar a sesión coa historia dun moucho, que de moito observar a outros animais acabou por ser listo como un raposo, forte como un oso, libre como un gato, feliz como un mono e divertido como un porco!

jueves, 6 de marzo de 2014

GOVI. Na procura dos restos da balea mecánica. Exposición


Dende o pasado 3 de marzo podedes gozar na biblioteca coas ilustracións de Alexandre Doucin na exposición GOVI. Na procura dos restos da balea mecánica.

Unha balea mecánica é un animal mitolóxico das rías galegas (as baleas mecánicas, como o resto das baleas, viven na mar en forma de balea aproximadamente 80 anos). Pasados estes anos, non morren, van ás baleeiras onde sofren unha metamorfose e desmóntanse en pezas que se mesturarán entre os territorios e os seus habitantes. Esta é a historia de GOVI, a balea que ten entrado na ría de Vigo para seguir a vida como alimento das diferentes fábricas, estaleiros ou factorías en letargo, alimento que as enche de folgos para retomar ás súas actividades ou outras diferentes que axudan a fundir as arelas e necesidades dos habitantes, xerando así un proceso transformador da vida na ría e dos que a habitan...
…vés a descubrir a Ría con GOVI?

Convidámoste a explorar nas viñetas do #govi a beleza do patrimonio industrial ó redor da ría de Vigo, e a que te achegues a crear a historia dun GOVI común, que alimente, que reavive e que encha de valor e actividade aqueles espazos en letargo que outrora alimentaron a nosa contorna.

Govi é un proxecto vivo e en continuidade, que nace no seno de TANKollectif e da man de Alexandre Doucin, co gallo de visibilizar as posiblidades de transformación dos espazos urbanos. Son moitos os colectivos e persoas que o acompañan e o transforman... Niquelarte, Entremos na Panificadora, dexeneroconstrucion, Tecnoloxías apropiadas, Arquietecturas Colectivas 2013...

Poderás seguir as súas andanzas nos espazos urbanos e en http://tankollectif.wordpress.com/


GOVI.  Na procura dos restos da balea mecánica. Exposición
Do 3 ao 31 de marzo de 2014
Horario de apertura da biblioteca

lunes, 3 de marzo de 2014

O sabadiño do Roque. Marzo 2014

Este sábado resultou ser un Sabadiño do Roque un tanto especial... primeiro porque moitos dos nenos que nos acompañaron viñan cos seus disfraces de Entroido, o que resultou do máis divertido! Sen embargo faltounos alguén moi especial: Roque, que estaba enfermiño na cama e non puido acompañarnos nesta ocasión!

De todas formas, estaba con nós Andrea, así que a mañá prometía... Comezamos coas aventuras da Cebra Debra, un conto do máis apropiado para estas datas, xa que narra as aventuras dunha cebra que acode a un baile de disfraces no palacio do rei... Houbo espacio tamén para os monstros, e entre todos fixemos unha pequena representación do xa clásico Coelliño branco, o que nos permitiu comprobar que temos unha boa canteira de pequenos actores entre os habituais dos Sabadiños do Roque!


Aproveitando as datas, e para non esquecernos do noso pequeno amigo amarelo, que como non puido vir nos enviou unha carta propoñéndonos adiviñas, cada participante fixo a súa careta de Roque: cando vexa as fotos vaise poñer contentísimo!! Vós tamén podedes gozar con elas visitando o álbum da biblioteca.


O Sabadiño do Roque
Próxima sesión: sábado 12 de abril ás 12.00h
 *Inscrición: a partir do 15 de marzo ás 10.30h