jueves, 27 de febrero de 2014

Contos Dakí. Paula Carballeira. Cambio de data

Anúlase a sesión de Contos Dakí de mañá 28 de febreiro. A sesión celebrarase o venres 7 de marzo ás 19.30h


Anunciámosvos que, por motivos de saúde, Paula Caballeira non vai poder acompañarnos na sesión de mañá de Contos Dakí. Teremos que agardar para escoitar as súas historias unha semana máis, xa que finalmente visitará a biblioteca o vindeiro venres 7 de marzo, como sempre ás 19.30h.


Agardamos desculpedes este pequeno contratempo, pero de seguro seremos recompensados por unha Paula en plena forma!

miércoles, 26 de febrero de 2014

Barrios. Espazos de vida. Obradoiro infantil

Na tarde de onte puxemos broche final ás actividades de dinamización da mostra Barrios. Espazos de vida: a experiencia de Coia cun interesantísimo obradoiro enfocado aos máis pequenos, co que se pretendía reflexionar con eles sobre os cambios que sofre un barrio ao longo do tempo e que cousas podemos facer para melloralo.

Partimos así de imaxes da Coia actual, para ver despois fotos de como era o barrio cando os pais dos participantes tiñan a súa ídade, e como era cando os avós eran tamén cativos... Descubrimos así como as casas baixas deron paso a altos edificios, como as leiras, hortas e camiños se convertiron en anchas e longas rúas, ou como o tranvía deixou paso aos coches e autobuses...

A partir de aí puxemos en práctica as ideas que foran saíndo, e fomos transformando e construíndo o noso barrio ideal: construímos así un hospital, un parque, unha biblioteca, unha ludoteca, abrimos as vistas ao mar, alonxamos fábricas... Pensamos para iso nas necesidades dos seus habitantes e veciños, porque os nosos barrios e cidades deberían sempre pensar na xente que os habita.

Podedes ver todas as imaxes do obradoiro no álbum da biblioteca

sábado, 22 de febrero de 2014

Once upon a time. Contacontos en inglés

Onte, Ana Sánchez e María Estévez regresaron á biblioteca para ofrecernos outra sesión de Once upon a time, actividade de contacontos en inglés e galego que realizamos en colaboración coa Escola Oficial de Idiomas.

De novo, da man das nosas simpáticas compañeiras, coñecimos fantásticas historias, como a da Cebra Camila (Zebra Camila), que cun golpe de vento perdeu as súas raias, pero foinas recuperando grazas á axuda dos animais que foi atopando polo camiño. Tamén vimos como un gato podia transformarse en numerosos animais (un loro, unha lura, un tucán...) e como o pequeno peixe Nadarín (Swimmy) conseguía facer que os seus irmáns os peixiños vermellos nadasen moi xuntiños para poder percorrer mundo e coñecer seres marabillosos. Aprendemos tamén as numerosas posibilidades de xogo que pode darnos un pequeno farrapo con Un agasallo diferente (A different gift).

Para rematar, puxémonos na pel do  Artista que pintou un cabalo azul (The Artist who Painted a Blue Horse) e demos renda solta á nosa creatividade, deseñando entre todos un gran cabalo de cores! 


Podedes ver todas as imaxes no álbum da biblioteca


Once upon a time. Contacontos en inglés
Próxima sesión: venres 14 de marzo ás 19.00h

miércoles, 19 de febrero de 2014

Barrios. Espazos de vida

Dende o pasado día 3 de febreiro, e ata o 1 de marzo, a Biblioteca Xosé Neira Vilas expón nas súas instalacións a mostra Barrios. Espazos de Vida, que parte de Coia como expemplo para ver a evolución dun barrio ao longo da historia.



Esta actividade complementouse cun ciclo de conferencias nas que se fixo unha posta en común do que foi e o que é o barrio, e se recapacitou sobre o seu devir e o futuro por construír, no que a implicación dos cidadáns resultará fundamental:

A Coia tradicional, dende as súas orixes ata o século XX. Por Eduardo Rodríguez Saiz (04/02/2014)
Coia non foi sempre un barrio ateigado de rúas e edificios: ata hai poucas décadas era unha das tantas parroquias rurais que existían no Val do Fragoso. Se retrocedemos aínda máis na Historia, descubrimos as pegadas das xentes que habitaron a Coia tradicional: unhas poucas ferramentas de pedra, unha pequena aldea castrexa, algunhas villae tardorromanas, indicios dun poboamento medieval a penas intuído… Nalgúns casos os ecos desas vellas sociedades subsisten en forma de restos arqueolóxicos.

Das leiras aos grandes bloques. Por Eduardo Rodríguez Saiz  e Diego Lores Correa (11/02/2014)
Os anos 60 supuxeron o final da paisaxe rural que durara tantos anos. Nesas datas, o Ministerio da Vivenda franquista encarga a urbanización destas terras (Plan Parcial del Polígono de Coya de 1963), denominándose a partir de agora Polígono de Coia. O arquitecto Desiderio Pernas executa gran parte dos novos edificios e dos equipamentos do incipiente espazo urbanizado, acertando plenamente coa concepción e execución dunha avenida de Castelao ancha e lineal, forxando un espazo urbano de gran calidade. A nova configuración urbanística unida á chegada de nova poboación (de orixe rural que viña a dotar de man de obra á  industria florecente) carrexou a aparición de contradicións: o impacto do novo urbanismo sobre os nativos da Coia tradicional, os problemas socioeconómicos derivados da masificación, a falta de equipamentos para dar servizo aos novos habitantes…

Do barrio que temos ao barrio que precisamos. Por Diego Lores Correa (18/02/2014)
A fractura social é cada día máis evidente, e nos barrios obreiros os seus habitantes están máis expostos ás súas consecuencias negativas. Os anos de deterioro dos lazos comunitarios, de individualismo, de consumismo, de inseguridade, de privatizacións... fixeron que estes espazos foran perdendo a súa forza coma xeradores de vida.
Partindo deste momento de mudanzas, reflexionouse sobre o tipo de vida que queremos/precisamos construír día a día na casa grande: o barrio.


Obradoiro para nenos. O barrio, a nosa casa (25/02/2014)
Finalmente, o vindeiro martes 25 de febreiro ás 18.00h realizarase un obradoiro para nenos: O barrio, a nosa casa. No mesmo farase unha pequena presentación na que tentaremos responder a esta pregunta: como era o barrio cando os vosos avós e pais tiñan a vosa idade? Partiremos así de fotos dos anos 50 e dos anos 80, para comparalas coas da actualidade. Despois, a través de dinámicas de xogo, reflexionarase cos participantes sobre como ven o barrio e como queren que sexa.


Entre arrolos e contiños. Febreiro 2014

O sábado gozamos cunha nova sesión de Entre arrolos e contiños con Bea e David, que de novo encheron a biblioteca de fantásticas historias e fermosas cancións. 
Comezamos como sempre con música, coa nosa cantiga de benvida, para adentrarnos despois nas aventuras do Pito Cairo, coñecer todas as facetas dun papá ou deleitarnos coas rechamantes cores dos animais máis variopintos.

Para rematar, unha canción tradicional de Brasil coa que nos despedimos ata a vindeira sesión. Podedes ver as fotos no álbum da biblioteca



Entre arrolos e contiños
Próxima sesión: sábado 15 de marzo ás 12.00h
*Inscrición: a partir do 1 de marzo ás 10.30h

jueves, 13 de febrero de 2014

A hora dos contos. Febreiro 2014

Aproveitando que mañá é o día dos namorados, a sesión de hoxe da Hora dos Contos xirou ao redor do amor: amores de conto, de princesas e príncipes... Así coñecimos historias como a da princesa e o chícharo, o príncipe sol e a princesa lúa ou a do rei Ballir, un fermoso peixe que vivía nun arrecife, e a nena Selene. Rematamos a sesión escoitando a cantiga de amor que Ballir lle cantaba a Selene, explicando como latexaba o seu corazón namorado.

E para poñer a guinda á sesión, fixemos uns posavasos nos que como non os corazóns vermellos foron os protagonistas! Non tedes máis que velo no álbum da biblioteca

A hora dos contos
Próxima sesión: 13 de marzo ás 18.00h

martes, 4 de febrero de 2014

O sabadiño do Roque. Xaneiro 2014

O sábado Andrea, Óscar e Roque visitaron como cada mes a biblioteca para celebrar con nós outro Sabadiño do Roque.

Despois de presentarnos todos coa canción de benvida, Andrea contounos o conto Sopa verde, co que coñecimos a un coelliño ao que non lle gustaba probar nada que non fose de cor verde... Despois chegou Roque, vestido coa equipación do Celta, e cunha pomba branca colgada ao pescozo, xa que durante a semana conmemorara no cole o Día da Paz.

Como sempre, recibíramos na biblioteca carta do avó Agustín, que ademais de propoñernos adiviñas nos contou que como andaba cerca o día dos namorados estaba a argallar algo co que sorprender á avoa. Pareceunos boa idea, e cada participante fixo tamén un debuxo expresando o que era para el o amor... con todos eles pensamos en facer un libro, pero xa se sabe que os autores lle teñen moito apego ás súas obras, así que finalmente cada un levou a súa para casa! De todas formas, temos documentos gráficos que testemuñan a creatividade dos nosos pequenos. Podedes velos no álbum da biblioteca!


O sabadiño do Roque
Próxima sesión: sábado 1 de marzo ás 12.00h
*Inscrición: a partir do 15 de febreiro ás 13.30h

Contos Dakí. Celso Sanmartin

Que mellor forma que rematar a famosa costa de xaneiro que pasar unha memorable velada cunha nova sesión de Contos Dakí, este mes protagonizada polo xenial Celso Sanmartín, que nos volveu encandilar coas súas historias cheas de humor e retranca, pero tamén de sabiduría. E é que todas elas deixan sempre un pouso para a reflexión.

Nesta ocasión Celso falounos da súa labor como recopilador de historias, e contounos como vai anotando no seu caderno todo o que lle contan os seus informantes. Unha das últimas xuntanzas foi con Evaristo Vello, do Caurel, con quen nun xantar Celso foi quen de encher follas e follas da súa libretiña... Pero tamén as súas viaxes en autobús e tren, para chegar de Lalín a Vigo, lle proporcionan centos de anécdotas, que vai anotando onde pode! Así, entre uns e outros van enriquecendo o repertorio do contador, que pode despois deleitarnos con historias tan fabulosas como as dos ratos borrachos que volvendo da festa de Lalín son quen de parar un camión, a do can capaz de facer flexións ou a do home que caza tres perdices e orgulloso decide invitar ao cura a xantar...



Contos Dakí.
Próxima sesión: venres 28 de febreiro de 2014
Conta: Paula Carballeira