viernes, 31 de enero de 2014

Presentación da convocatoria Proxecto Edición de Copias de autor

O xoves presentouse na biblioteca a 1ª convocatoria do Proxecto Edición promovido por Copias de autor. Alejandro Novoa e Carlos Puga, promotores xunto con Xabier Fernández da iniciativa, expuxeron as bases do proxecto, que ten como finalidade a selección e publicación de dous traballos de autor, e que está dirixido a fotógrafos que, ou ben son galegos, ou teñen algún traballo inédito vencellado con Galicia, xa sexa rematado ou en proceso de realización.

Partindo do seu  interese polo feito fotográfico en todos os seus aspectos, Copias de autor bota a andar esta inciativa aberta a todo o mundo que teña algo que dicir con imaxes, nun intento de facer públicos os traballos fotográficos persoais, de autor, que dificilmente atopan acubillo nas publicacións cotiáns. A producción destes traballos pode ser en formato libro de autor ou carpeta, dependendo da forma, tipo de linguaxe, número de imaxes... O número de tirada será limitado.

Copias de autor é un lugar no que desenvolver proxectos arredor da fotografía. Permítenos falar de imaxes con intensidade e resolver, con profesionalidade e agarimo, todas as nosas inquietudes con relación á forma que terá a nosa obra, dende a impresión, pasando pola edición ata o acabado final.

Podedes consultar toda a información sobre a convocatoria no seguinte enlace:

martes, 21 de enero de 2014

Entre arrolos e contiños. Xaneiro 2014

Este sábado pasado os máis cativos da biblioteca puideron voltar a gozar coas historias e cancións coas que entre arrolos e contiños nos deleitan cada mes Bea e David.

En primeiro lugar, e porque non está mal facelo de vez en cando, recordamos como debemos comportarnos na biblioteca, e unha vez que todos tivemos as normas claras, comezamos a sesión coa canción de Arrolos. De seguido, unha moreiña de contos a cada cal máis divertido: xogamos con coelliño e descubrimos todas as posibilidades da súa caixa - non caixa. Seguimos tamén as pegadas

da Eiruga larpeira, e vimos como despois de moito e moito comer se converteu nunha fermosa bolboreta. Coñecimos ao pequeno Garavanciño e vimos como foi a parar á barriga dun boi, e finalmente xogamos ás agachadas cos animais do libro Quen me está espiando?

Como sempre, non faltou a música, nin as cancións tradicionais, como a do Verdegaio, coa que nos despedimos de Bea e David ata o vindeiro mes!



Entre arrolos e contiños
Próxima sesión: sábado 15 de febreiro ás 12.00h
*Inscrición: a partir do 1 de febreiro ás 10.30h

lunes, 20 de enero de 2014

Once upon a time... Contacontos en inglés

Once upon a time... Así comezan os contos en inglés, e así comezamos esta nova iniciativa na biblioteca en colaboración coa Escola Oficial de Idiomas de Vigo, coa que propoñemos aos máis pequenos unha divertida tarde de contos en inglés.

Acompañados de Ana Sánchez e María Estévez, tivemos ocasión de achegarnos a estupendas historias, grazas ás que fomos ademais aprendendo novo vocabulario, tanto en inglés como en galego. Así, seguimos as peripecias dos animais do bosque que querían saber A que sabe a lúa? (A taste of the Moon) , acompañamos a unha familia na súa aventura en Imos cazar un oso (We're going on a bear hunt) e vimos como A eiruga glotona (The very hungry caterpillar) se convertía nunha fermosa bolboreta. Tampouco nos esquecimos de Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, e cantamos con el a súa cantinela: o tren de Martiño chu chu chu...

Para rematar, construímos entre todos os participantes unha eiruga xigante que quedará a vivir unha temporadiña  con nós na biblioteca!



Once upon a time. Contacontos en inglés
Próxima sesión: venres 21 de febreiro ás 19.00h

viernes, 17 de enero de 2014

A hora dos contos. Xaneiro 2014

Na tarde de onte, para esquecernos de tanta e tanta chuvia, Trini veu cargada de novas historias na súa Hora dos contos. Este mes centramos a sesión no tema do medo, e así  fixemos un percorrido polas peripecias de Xan sen Medo e a súa falta de medo, coñecemos personaxes como Pel de piollo e o seu medo á auga, Frei Matías e o medo a perder a cabeza ou o misterioso Cuquedo, co que descubrimos que seres fantásticos que ás veces teñen que dar medo máis ben dan risa!

Non faltaron as cancións, esta vez acompañadas coa guitarra, e para rematar, cada un dos participantes construiu un taumatropo co que atrapar entre as redes o noso propio Cuquedo.

Todas as fotos, como sempre, no álbum da biblioteca


A hora dos contos
Próxima sesión: xoves 13 de febreiro ás 18.00h

Pasen i escoiten! Pasen i lean!

Este mércores iniciamos na biblioteca Xosé Neira Vilas unha nova andaina acompañados dos voluntarios da Oficina Municipal do Voluntariado do concello de Vigo. Con esta iniciativa, que chamamos Pasen i escoiten! Pasen i lean!, queremos animar á lectura a todos aqueles que se acheguen á biblioteca. Así, de forma bimensual, os voluntarios acudirán á biblioteca a ler públicamente diferentes textos, relacionados coa mostra bibliográfica que estea vixente na biblioteca.

Este mes, no que expoñemos a mostra bibliográfica Do daguerrotipo ao pixel, na que se destaca o fondo que sobre fotografía se pode consultar na sala, os voluntarios ofrecéronnos a lectura de interesantísimos textos relacionados con esta temática. Desta forma, achegámonos ás testemuñas de fotógrafas como Margaret Bourke White, ás reflexións que a visión de distintas instantáneas lle suxiren a Juan José Millás ou a textos literarios dos máis destacados autores, como Juan Villoro ou Italo Calvino. Podedes ver as imaxes desta agradable tarde de letras na sección O álbum da biblioteca.


A vindeira sesión de Pasen i escoiten! Pasen i lean! terá lugar o 27 de marzo, e como non podía ser doutra forma no Día Internacional do Teatro, as lecturas estarán relacionados con este xénero literario. Animamos a todos os que o desexen a vir escoitar, e mesmo a ler, textos que nos acheguen ao mundo do teatro.


Presentación do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino

O pasado martes presentouse nesta biblioteca o libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, que vén de publicar a editorial Ir Indo e no que máis de cen autores de distintas nacionalidades fan un percorrido pola traxectoria do autor e do seu personaxe máis coñecido, Balbino.

O acto contou coa presenza do propio autor, Xosé Neira Vilas, acompañado por Bieito Ledo (director de Ir Indo), Antonio Muleiro (coordinador do proxecto), Xesús Alonso Montero (presidente da Real Academia Galega), Valentín García (Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia) e Isaura Abelairas (Concelleira da área de Benestar, Igualdade e Normalización Lingüística). Todos eles destacaron a importancia que para a literatura galega tivo Memorias dun neno labrego, o libro máis editado, traducido e vendido das nosas letras.

Na súa intervención, Neira Vilas reflexionou sobre as circunstancias que o levaron a crear a Balbino, e as converxencias entre a súa  propia infancia e a do protagonista da novela, e é que aínda que pode haber moito de autobiográfico na obra (no contexto, non nos detalles ou as anécdotas), Balbino tense revelado como un personaxe universal capaz de emocionar a milleiros de lectores das máis diversas culturas e realidades, dende a xaponesa (actualmente estanse a traducir as Memorias en Xapón) á cultura maia, que fixo a súa propia adaptación teatral da novela.

Esta Homenaxe a Neira Vilas e Balbino recompila así as voces de 103 destacados persoeiros das letras e a cultura de distnintas nacionalidades que analizan dende diferentes perspectivas e visións a figura de Balbino e o seu creador, Xosé Neira Vilas.

jueves, 9 de enero de 2014

Presentación do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino

A Biblioteca Xosé Neira Vilas ten o pracer de convidarvos o vindeiro martes 14 de xaneiro á presentación do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, un libro que conta con máis de cen colaboracións de distintas nacionalidades e onde se fai un percorrido pola traxectoria do autor e do seu personaxe máis coñecido, Balbino.

O acto está organizado pola editorial Ir Indo, e contará coa presenza do propio Xosé Neira Vilas.



Data: martes 14 de xaneiro de 2014
Hora: 20.00h 
Lugar: Biblioteca Xosé Neira Vilas


O sabadiño do Roque. Xaneiro 2014

Este sábado tivemos ocasión de deleitarnos, unha vez máis, cunha nova sesión do Sabadiño do Roque. Sendo día 4, e estando tan cerquiña a noite de Reis, non podía faltar a historia de Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis.

Despois apareceu como sempre Roque, moi elegantemente vestido despois da noite de fin de ano, e moi nervioso pola chegada dos Magos. O único problema era que non sabía onde metera a carta... menos mal que estaba alí Andrea para axudalo a buscala, e para recordarlle que un non pode pedir cousas de máis!!

Como cada mes, chegou tamén carta do avó Agustín, cos seus xogos e adiviñas para os amigos de Roque, e para rematar todos os participantes fixeron un debuxo ou escribiron unha poesía para deixarlle aos Reis debaixo da árbore. Podedes comprobar o talento artístico dos cativos no álbum da biblioteca.

O sabadiño do Roque
Próxima sesión: sábado 1 de febreiro ás 12.00h
*Inscrición: a partir do 15 de xaneiro ás 10.30h