martes, 30 de diciembre de 2014

Celebrando o Nadal...


Durante estes últimos días do ano 2014 na Biblioteca Neira Vilas celebramos o Nadal por todo o alto! Non faltaron actividades para todos os públicos, dende os adultos ata os máis cativos, que puideron gozar cos obradoiros e contacontos organizados.

Comezamos o día 19 cunha sesión de Contos Dakí a cargo de Paula Carballeira, xa vella coñecida da biblioteca, que como sempre arrincou os sorrisos e gargalladas de todo o público asistente grazas ao seu fantástico repertorio de historias sacadas da nosa mellor tradición oral.

Comezadas as vacacións, era hora de programar actividades para os máis pequenos da casa, así que o día 22 visitáronnos os amigos de Faia para presentarnos os seus Contos do Medio sobre o inverno, o Nadal e presentarnos un personaxe moi especial: o Apalpador! 

Ao día seguinte, organizamos un Obradoiro de Nadal para que os participantes puidesen crear os seus propios bonecos personalizados... o resultado foi espectacular e constatamos que na biblioteca temos unha canteira de pequenos artistas capaces de crear fantásticos personaxes!

Pasado xa o día de Nadal, o escritor Xavier Queipo e a súa Illa dos cangrexos violinistas estiveron na biblioteca  para ofrecernos unha estupenda sesión de contacontos, con concurso de debuxo incluído, no que de novo puidemos gozar co talento e imaxinación das obras realizadas!

Entre conto e conto entramos xa nesta derradeira semana do 2014, e onte achegáronse á biblioteca os compañeiros de Pavís Pavós, que viñeron de parte de Roque, que anda alá polo Polo Norte na casa de Papá Noel. Foi unha tarde cargadiña de contos marabillosos, na que non podía
faltar a historia de Martiño e o seu tren!!

E xa para despedir o ano, esta mañá puxémonos mans á obra nun obradoiro no que preparamos un calendario para o 2015 que comeza, no que non nos esquecimos de anotar ningunha data importante... incluída a noite de Reis! Precisamente por iso, tamén nos visitou o Paxe Real, que recolleu todas as cartas dirixidas ás Súas Maxestades depositadas no noso buzón real e aquelas que lle entregaron persoalmente os nenos que estaban na biblioteca.


Non deixedes de visitar a Galería de imaxes da biblioteca, onde atoparedes todas as fotos e detalles destas estupendas semanas de Nadal na Biblioteca Neira Vilas...

... Vémonos en 2015!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario