sábado, 29 de noviembre de 2014

Estoxo: Barrios, Espazos de Vida. O Calvario

Na tarde de onte presentamos na biblioteca un novo estoxo viaxeiro: Barrios, Espazos de Vida: O Calvario, unha actividade para toda a familia coa que vos propoñemos unha achega ao barrio no que nos atopamos.

En anos pasados, dende a biblioteca presentamos distintos estoxos viaxeiros, adicados a diferentes países, que nos achegaban á realidade social e cultural de cada un deles. Este ano, pola contra, decidimos adicar estas maletas a coñecer un pouco mellor a nosa cidade. Así, cada estoxo estará adicado a un barrio de Vigo.

No estoxo do Calvario poderedes atopar diferentes libros que nos falan do barrio, así como fichas que nos achegan á súa historia, monumentos, personaxes máis coñecidos... Tamén unha chea de contos para os máis pequenos da casa que nos fan reflexionar sobre a idea de cidade. Pero sobre todo, queremos que este estoxo sexa a excusa perfecta para saír en familia e explorar todos os recunchos do barrio: propoñémosvos distintas actividades coas que percorrer as rúas e edificios (algúns xa desaparecidos) do Calvario, que faledes cos veciños máis vellos e vos conten como era antes o barrio, e que compartades todas estas experiencias con nós nos cadernos que hai no estoxo e tamén a través das redes sociais: podedes mandarnos as vosas fotos do barrio por mail para subilas ao Facebook e Picasa, ou compartilas no Twitter coa etiqueta #Espazosdevida. Así, entre todos, iremos enriquecendo este estoxo con todo o material que nos acheguedes.



No hay comentarios:

Publicar un comentario