martes, 25 de noviembre de 2014

Contos Dakí. César Cambeiro

O pasado venres tivemos o pracer de contar na bilioteca nos Contos Dakí con César Cambeiro, que nos visitaba por primeira vez, pero que de seguro non será a última...

Como era de esperar, foi unha velada cargadiña das mellores lendas da nosa tradición oral, na que non faltaron tampouco guiños ás novas da actualidade... Así, repasando todo o acontecido neste mes de novembro fomos saltando dunha historia a outra, dende a do mariñeiro ao que a Raíña Lupa manda cortar a cabeza por culpa da palabra (ou a ausencia da mesma) dunha caveira, ata a do gran Roldán, que antes de volver a Francia por Roncesvalles e perder a vida andou por terras galegas tratando de namorar a tres costureiras de Puxares, que preferiron converterse en pedra antes que caer nas mans do ilustre cabaleiro. 
Tamén coñecimos a historia dos tres amigos que levaron un cráneo ao San Andrés de Teixido, porque xa se sabe que vai de morto quen non vai de vivo, e soubemos así mesmo da orixe do nome de Ponte do Porco, no río Lambre, que naceu da tráxica historia de amor entre Roxín Roxal e Tereixa, filla de Nuno Freire de Andrade, que acabou coa morte da moza a mans dun porco bravo durante unha cacería e a vinganza do pobre Roxín sobre o animal.

Como dicíamos, unha estupenda tarde de contos e sorrisos que podedes ver na galería da biblioteca.



Contos Dakí
Próxima sesión: venres 19 de decembro ás 19.30h
Conta: Paula Carballeira

No hay comentarios:

Publicar un comentario