viernes, 10 de octubre de 2014

A hora dos contos. Outubro 2014

Co inicio do outono retomamos as nosas actividades permanentes, e onte tivemos a nosa primeira cita do curso con Trini Puentes e a súa Hora dos Contos. 

Comezamos lembrando a canción de incicio das sesións, que cada mes nos convida a gozar dos contos que nos trae Trini, e explicamos cales son os ingredientes para crear un bo conto. Así, coñecimos a historia de Cabalín, un cabalo diferente que non era quen de rinchar, e que se vai atopando animais tan diferentes como el: o gato Micifú que non miañaba, a cabuxa Branquiña que non beaba e a vaca Rubia que non bruaba. Entre todos decatáronse que non importaba ser distintos aos demais, e que eran felices de ser como eran.

Despois tocoulle o turno a todo un clásico, O Grúfalo: un astuto ratiño consigue evitar ser comido por un raposo, un moucho e unha serpe ao dicirlles que está a esperar polo Grúfalo, un ser arrepiante peludo, con afiadísimos dentes e aterradoras gadoupas co que ninguén quere atoparse...

Cada un dos nenos, despois de escoitar a historia, debuxou como imaxinaba que debía ser o Grúfalo, e finalmente coñecimos a este personaxe que resultou non ser tan terrible!

Como de costume, tedes todas as imaxes na Galería da biblioteca



A hora dos contos
Próxima sesión: xoves 13 de novembro ás 18.00h

No hay comentarios:

Publicar un comentario