martes, 27 de mayo de 2014

Novos servizos na Biblioteca Xosé Neira Vilas

A Biblioteca Xosé Neira Vilas preséntavos dúas novidades entre os servizos que presta aos usuarios. 

NOVOS CENTROS DE INTERESE

Dende o día 26 de maio tedes á vosa disposición un novo centro de interese: VIGO. Os centros de interese son seccións temáticas da biblioteca que se diferencian do resto por ofrecer distintos documentos ao redor dunha materia concreta, independentemente do soporte no que se atopen (libros, cd, dvd...). Actualmente, no fondo de adultos, están dispoñibles xa os centros de interese Torre de Babel (idiomas) e Viaxes, aos que se suma este novo centro, VIGO, no que poderedes atopar todo tipo de documentos relacionados coa nosa cidade: a súa historia, xeografía, industria, fotografías...

Nos próximos meses estarán dispoñibles tamén os centros de interese Cociña e nutrición, con fondos referentes a esta temática, e Bibliolabora, con documentos relacionados coa busca de traballo e o desenvolvemento profesional.


E-READERS PARA CONSULTA EN SALA

A biblioteca pon tamén a disposición dos seus usuarios dous e-readers ou libros electrónicos para a súa consulta en sala. Todos aqueles interesados neste servizo poderán solicitalo no mostrador da biblioteca, onde se lles facilitará un dispositivo no que poder ler os libros dispoñibles na Plataforma de Libro Electrónico do Concello de Vigo ebookvigo.org.




Agardamos que estes novos servizos sexan do voso interese e animámosvos a facer uso dos mesmos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario