viernes, 16 de mayo de 2014

Día das Letras Galegas. Xosé María Díaz Castro


Na tarde de onte celebramos na biblioteca un recital poético para homenaxear a figura de Xosé María Díaz Castro e celebrar o Día das Letras Galegas. 

As participantes no club de lectura da Biblioteca Neira Vilas foron interpretando unha selección de 24 poemas que forman parte de Nimbos, obra publicada por Díaz Castro en 1961. Entre uns e outros versos, fomos  repasando a biografía desta ilustre figura das nosas letras, así como profundizando no significado dos seus poemas.


Deixámosvos  que vos deleitedes cos fermosos versos de Penélope:

Un paso adiante e outro atrás, Galiza,

e a tea dos teus soños non se move.

A espranza nos teus ollos se espreguiza.

Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos

che estrolla o sono mol coma unha uva.

Pro ti envólveste en sabas de mil anos,

e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día

a xente que levaron. Deus é o mesmo.

Suco vai, suco vén, ¡ Xesús María!,

e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados como sono,

o Tempo vai de Parga a Pastoriza.

Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.

¡ Un paso adiante e outro atrás, Galiza!


Podedes consultar as fotos do recital no álbum da biblioteca.

1 comentario:

  1. O poema, traballárono este ano no IES CASARES DE VIGO, o video colgárono no seu blogue. As ilustracións son preciosas, non ten desperdicio!

    ResponderEliminar