martes, 8 de abril de 2014

Contos Dakí. Avelino González



O venres pasado Avelino González volveu a arrincarnos sorrisos e gargalladas nunha nova sesión de Contos Dakí.

Desta volta, o fío condutor das súas historias foi o baile, un baile que se lle dá mellor ás mulleres que ós homes, pois polo visto eles están feitos de barro e elas de rabo de can, o que irremediablemente lles imprime unha flexibilidade especial...

Sabido este dato fundamental, percorrimos os bailes de parroquias como a de San Lourenzo ou de lugares como Baíña, onde vivían dous irmáns chepudos, o Cheghantes e o Limpamocú, que por non poder arrimarse demasiado tiñan moito éxito como bailadores, e soubemos de como un deles perdeu a chepa e como o outro gañou unha nova. 
Tamén coñecimos a historia de Florianito, o neno de pedra que aparece agarrado á cruz no alto da igrexa de Mañufe, que mira atentamente ó campo da festa, diante do palco, para aprender a bailar e non volver a perder a oportunidade de conquistar a unha moza. Rematamos coa historia de Evaristo Merdavella de Vilaboa, que bailaba moi ben, pero co que había que poñer o freno de man, xa que a forza centrípeta empuxábao sempre cara a súa parella...

Para rematar e despedir a sesión, Avelino recordou o dito popular que di aquilo de que "o home que non sabe bailar, non sabe á muller tratar", así que xa saben señores!!


Contos Dakí
Próxima sesión: venres 25 de abril de 2014
Conta: Celso Sanmartín

No hay comentarios:

Publicar un comentario