lunes, 31 de marzo de 2014

Pasen i escoiten! Pasen i lean! Día Mundial do Teatro

O pasado xoves 27 de marzo celebramos na biblioteca o Día Mundial do Teatro, que viñamos xa reivindicado dende principios de mes coa mostra bibliográfica Entre Bambalinas, na que expoñíamos todo tipo de materiais relacionados co mundo do teatro, dende textos clásico a obras actuais, sen deixar de lado estudios e ensaios relacionados coas artes escénicas.

Con motivo desta celebración, convidamos ao grupo de voluntarios da Oficina de Voluntariado do concello de Vigo para que fixeran a lectura dalgúns destacados textos relacionados co xénero teatral. Así, comezaron lendo o manifesto do Día Mundial do Teatro, para deleitarnos a continuación con fragmentos do xa clásico Las bicicletas no son para el verano, de Fernando Fernán Gómez.

Para rematar, dramatizaron a obra do melillense Fernando Arrabal Pic-nic, unha obra teatral moi breve que denuncia o absurdo da guerra a través de personaxes ignorantes e inocentes, e o traslado ao contexto bélico das solucións da vida civil e cotiá. Sería unha obra cómica se o final non deixase xeado o optimismo...

Deixámosvos co Manifesto do Día Mundial do Teatro, que neste 2014 correu a cargo do dramatrugo sudafricano Brett Bailey:

"Reunímonos para chorar e para recordar; para rir e contemplar; para aprender, afirmar e imaxinar. Para marabillarnos ante a destreza técnica, e para encarnar deuses. Para deixarnos sen respiración ante a nosa capacidade de beleza, compaixón e monstruosidade. Imos para enchernos de enerxía e poder. Para celebrar a riqueza das nosas diferentes culturas, e para facer desaparecer as barreiras que nos dividen.

Onde queira que haxa sociedade humana, o irreprimible Espírito da Representación maniféstase. Nacido da comunidade, leva postas as máscaras e vestimentas das nosas distintas tradicións. Utiliza as nosas linguas, ritmos e xestos, e abre un espazo entre nós.

E nós, os artistas que traballamos con este antigo espírito, sentímonos impulsados a canalizalo a través dos nosos corazóns, as nosas ideas e os nosos corpos para revelar as nosas realidades en toda a súa cotianeidade e o seu rutilante misterio.

Pero nesta época na que tantos millóns de persoas loitan por sobrevivir, sofren baixo réximes opresivos e o capitalismo depredador, foxen do conflito e a escaseza; na que a nosa privacidade é invadida por servizos secretos e as nosas palabras censuradas por gobernos intrusivos; na que se aniquilan os bosques, se exterminan especies e se envelenan os océanos: Que nos sentimos impulsados a revelar?

Neste mundo de poder desigual, no que distintas ordes hexemónicas intentan convencernos de que unha nación, unha raza, un xénero, unha preferencia sexual, unha relixión, unha ideoloxía, un marco cultural é superior ao resto, realmente pódese defender a idea de que as artes deberían apartarse das axendas sociais?

Nós, os artistas de escenarios e ágoras, conformámonos coas demandas asépticas do mercado, ou utilizamos o poder que temos: para abrir un espazo nos corazóns e as mentes da sociedade, para reunir xente ao noso arredor, para inspirar, marabillar e informar, e para crear un mundo de esperanza e colaboración sincera?"

Baixo as árbores de pequenas aldeas e sobre sofisticados escenarios en grandes metrópoles; en salóns de actos de colexios e en campos e en templos; en suburbios, en prazas públicas, en centros cívicos e nos subsolos das cidades, a xente reúnese en comuñón en torno aos efémeros mundos teatrais que creamos para expresar a nosa complexidade humana, a nosa diversidade, a nosa vulnerabilidade, en carne e óso, alento e voz.


No hay comentarios:

Publicar un comentario