jueves, 27 de marzo de 2014

O Mes do Libro na Biblioteca Neira Vilas

Presentámosvos a Programación de abril na biblioteca, que como non podía ser doutra forma celebra este mes o Día do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) e o Día do Libro (23 de abril), polo que todas as nosas actividades xirarán ao redor destas efemérides.


Comezamos o mes con Un abril de contos, unha mostra bibliográfica adicada ao libro infantil e xuvenil que nunha zona destacada da biblioteca nos achegará algúns dos títulos máis interesantes dos noso fondo, tanto grandes clásicos como contemporáneos.


Para continuar co festexo, o mércores 2 celebraremos o Día do Libro Infantil co obradoiro  Animalario fantástico, no que xogaremos a inventar animais a partir de historias narradas e a inventar historias a partir de animais de conto. Non o podedes perder!


Xa en Semana Santa, o 15 e 16, organizaremos o Obradoiro de Cabezudos, e pasadas as festas, o 23 de abril celebraremos por todo o alto o Día do Libro cunha lectura pública de textos de mulleres na historia da literatura a cargo das participantes no Club de lectura da biblioteca.


Por suposto, non podedes esquecer as vosas citas coas nosas actividades permanentes: o Sabadiño do Roque, a Hora dos Contos, Entre arrolos e Contiños ou os Contos Dakí, que tamén terán moi presentes estas dúas datas tan especiais nas bibliotecas.

Tedes toda a información detallada das actividades (datas, horarios, inscricións) no seguinte enlace: Programación Abril 2014


Aproveitamos tamén para presentarvos así mesmo a Programación trimestral Abril-Xuño 2014, que está dispoñible no menú da dereita do blog.

Como vedes, este é un mes de festa na biblioteca, así que agardamos que as actividades sexan do voso agrado e esperamos contar coa vosa presenza!


No hay comentarios:

Publicar un comentario