sábado, 8 de marzo de 2014

Contos Dakí. Paula Carballeira

Onte tivemos o pracer de volver a contar na biblioteca con Paula Carballeira, que nos regalou unha moreiña de contos tradicionais divididos en dous bloques: contos monárquicos (de reis e princesas) e contos de bechos, todos eles recollidos en distintos libros que Paula nos foi amosando.

Comezamos así coa historia do rei que tiña tres fillos (os reis sempre teñen tres fillos), neste caso tres rapazas ás que un bo día preguntou cal delas o quería máis. A resposta da máis pequena, que o quería máis que o pote ó sal, non o convenceu, así que foi desterrada... Non imos desvelar aquí o final da historia, pero sí dicirvos que esta é a orixe do famoso Rei Lear, de Shakespeare. Seguimos cun conto tradicional de Charles Perrault, pero nesta ocasión pouco coñecido: o da princesa que se namora dun príncipe que resulta ser un asasino... E para rematar as historias de príncipes e princesas, unha versión vampira dunha Brancaneves nada inocente que nos puxo os pelos de punta!

Nos contos de bechos, puidemos escoitar a fermosa historia da propia Paula Carballeira, A Burra Ramona, que imaxinaba que podía voar... seguida do rápido conto popular do Galo e o Raposo para rematar a sesión coa historia dun moucho, que de moito observar a outros animais acabou por ser listo como un raposo, forte como un oso, libre como un gato, feliz como un mono e divertido como un porco!

No hay comentarios:

Publicar un comentario