miércoles, 19 de febrero de 2014

Barrios. Espazos de vida

Dende o pasado día 3 de febreiro, e ata o 1 de marzo, a Biblioteca Xosé Neira Vilas expón nas súas instalacións a mostra Barrios. Espazos de Vida, que parte de Coia como expemplo para ver a evolución dun barrio ao longo da historia.



Esta actividade complementouse cun ciclo de conferencias nas que se fixo unha posta en común do que foi e o que é o barrio, e se recapacitou sobre o seu devir e o futuro por construír, no que a implicación dos cidadáns resultará fundamental:

A Coia tradicional, dende as súas orixes ata o século XX. Por Eduardo Rodríguez Saiz (04/02/2014)
Coia non foi sempre un barrio ateigado de rúas e edificios: ata hai poucas décadas era unha das tantas parroquias rurais que existían no Val do Fragoso. Se retrocedemos aínda máis na Historia, descubrimos as pegadas das xentes que habitaron a Coia tradicional: unhas poucas ferramentas de pedra, unha pequena aldea castrexa, algunhas villae tardorromanas, indicios dun poboamento medieval a penas intuído… Nalgúns casos os ecos desas vellas sociedades subsisten en forma de restos arqueolóxicos.

Das leiras aos grandes bloques. Por Eduardo Rodríguez Saiz  e Diego Lores Correa (11/02/2014)
Os anos 60 supuxeron o final da paisaxe rural que durara tantos anos. Nesas datas, o Ministerio da Vivenda franquista encarga a urbanización destas terras (Plan Parcial del Polígono de Coya de 1963), denominándose a partir de agora Polígono de Coia. O arquitecto Desiderio Pernas executa gran parte dos novos edificios e dos equipamentos do incipiente espazo urbanizado, acertando plenamente coa concepción e execución dunha avenida de Castelao ancha e lineal, forxando un espazo urbano de gran calidade. A nova configuración urbanística unida á chegada de nova poboación (de orixe rural que viña a dotar de man de obra á  industria florecente) carrexou a aparición de contradicións: o impacto do novo urbanismo sobre os nativos da Coia tradicional, os problemas socioeconómicos derivados da masificación, a falta de equipamentos para dar servizo aos novos habitantes…

Do barrio que temos ao barrio que precisamos. Por Diego Lores Correa (18/02/2014)
A fractura social é cada día máis evidente, e nos barrios obreiros os seus habitantes están máis expostos ás súas consecuencias negativas. Os anos de deterioro dos lazos comunitarios, de individualismo, de consumismo, de inseguridade, de privatizacións... fixeron que estes espazos foran perdendo a súa forza coma xeradores de vida.
Partindo deste momento de mudanzas, reflexionouse sobre o tipo de vida que queremos/precisamos construír día a día na casa grande: o barrio.


Obradoiro para nenos. O barrio, a nosa casa (25/02/2014)
Finalmente, o vindeiro martes 25 de febreiro ás 18.00h realizarase un obradoiro para nenos: O barrio, a nosa casa. No mesmo farase unha pequena presentación na que tentaremos responder a esta pregunta: como era o barrio cando os vosos avós e pais tiñan a vosa idade? Partiremos así de fotos dos anos 50 e dos anos 80, para comparalas coas da actualidade. Despois, a través de dinámicas de xogo, reflexionarase cos participantes sobre como ven o barrio e como queren que sexa.


No hay comentarios:

Publicar un comentario