miércoles, 26 de febrero de 2014

Barrios. Espazos de vida. Obradoiro infantil

Na tarde de onte puxemos broche final ás actividades de dinamización da mostra Barrios. Espazos de vida: a experiencia de Coia cun interesantísimo obradoiro enfocado aos máis pequenos, co que se pretendía reflexionar con eles sobre os cambios que sofre un barrio ao longo do tempo e que cousas podemos facer para melloralo.

Partimos así de imaxes da Coia actual, para ver despois fotos de como era o barrio cando os pais dos participantes tiñan a súa ídade, e como era cando os avós eran tamén cativos... Descubrimos así como as casas baixas deron paso a altos edificios, como as leiras, hortas e camiños se convertiron en anchas e longas rúas, ou como o tranvía deixou paso aos coches e autobuses...

A partir de aí puxemos en práctica as ideas que foran saíndo, e fomos transformando e construíndo o noso barrio ideal: construímos así un hospital, un parque, unha biblioteca, unha ludoteca, abrimos as vistas ao mar, alonxamos fábricas... Pensamos para iso nas necesidades dos seus habitantes e veciños, porque os nosos barrios e cidades deberían sempre pensar na xente que os habita.

Podedes ver todas as imaxes do obradoiro no álbum da biblioteca

No hay comentarios:

Publicar un comentario