viernes, 17 de enero de 2014

Presentación do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino

O pasado martes presentouse nesta biblioteca o libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, que vén de publicar a editorial Ir Indo e no que máis de cen autores de distintas nacionalidades fan un percorrido pola traxectoria do autor e do seu personaxe máis coñecido, Balbino.

O acto contou coa presenza do propio autor, Xosé Neira Vilas, acompañado por Bieito Ledo (director de Ir Indo), Antonio Muleiro (coordinador do proxecto), Xesús Alonso Montero (presidente da Real Academia Galega), Valentín García (Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia) e Isaura Abelairas (Concelleira da área de Benestar, Igualdade e Normalización Lingüística). Todos eles destacaron a importancia que para a literatura galega tivo Memorias dun neno labrego, o libro máis editado, traducido e vendido das nosas letras.

Na súa intervención, Neira Vilas reflexionou sobre as circunstancias que o levaron a crear a Balbino, e as converxencias entre a súa  propia infancia e a do protagonista da novela, e é que aínda que pode haber moito de autobiográfico na obra (no contexto, non nos detalles ou as anécdotas), Balbino tense revelado como un personaxe universal capaz de emocionar a milleiros de lectores das máis diversas culturas e realidades, dende a xaponesa (actualmente estanse a traducir as Memorias en Xapón) á cultura maia, que fixo a súa propia adaptación teatral da novela.

Esta Homenaxe a Neira Vilas e Balbino recompila así as voces de 103 destacados persoeiros das letras e a cultura de distnintas nacionalidades que analizan dende diferentes perspectivas e visións a figura de Balbino e o seu creador, Xosé Neira Vilas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario