viernes, 17 de enero de 2014

Pasen i escoiten! Pasen i lean!

Este mércores iniciamos na biblioteca Xosé Neira Vilas unha nova andaina acompañados dos voluntarios da Oficina Municipal do Voluntariado do concello de Vigo. Con esta iniciativa, que chamamos Pasen i escoiten! Pasen i lean!, queremos animar á lectura a todos aqueles que se acheguen á biblioteca. Así, de forma bimensual, os voluntarios acudirán á biblioteca a ler públicamente diferentes textos, relacionados coa mostra bibliográfica que estea vixente na biblioteca.

Este mes, no que expoñemos a mostra bibliográfica Do daguerrotipo ao pixel, na que se destaca o fondo que sobre fotografía se pode consultar na sala, os voluntarios ofrecéronnos a lectura de interesantísimos textos relacionados con esta temática. Desta forma, achegámonos ás testemuñas de fotógrafas como Margaret Bourke White, ás reflexións que a visión de distintas instantáneas lle suxiren a Juan José Millás ou a textos literarios dos máis destacados autores, como Juan Villoro ou Italo Calvino. Podedes ver as imaxes desta agradable tarde de letras na sección O álbum da biblioteca.


A vindeira sesión de Pasen i escoiten! Pasen i lean! terá lugar o 27 de marzo, e como non podía ser doutra forma no Día Internacional do Teatro, as lecturas estarán relacionados con este xénero literario. Animamos a todos os que o desexen a vir escoitar, e mesmo a ler, textos que nos acheguen ao mundo do teatro.


No hay comentarios:

Publicar un comentario