martes, 30 de diciembre de 2014

Celebrando o Nadal...


Durante estes últimos días do ano 2014 na Biblioteca Neira Vilas celebramos o Nadal por todo o alto! Non faltaron actividades para todos os públicos, dende os adultos ata os máis cativos, que puideron gozar cos obradoiros e contacontos organizados.

Comezamos o día 19 cunha sesión de Contos Dakí a cargo de Paula Carballeira, xa vella coñecida da biblioteca, que como sempre arrincou os sorrisos e gargalladas de todo o público asistente grazas ao seu fantástico repertorio de historias sacadas da nosa mellor tradición oral.

Comezadas as vacacións, era hora de programar actividades para os máis pequenos da casa, así que o día 22 visitáronnos os amigos de Faia para presentarnos os seus Contos do Medio sobre o inverno, o Nadal e presentarnos un personaxe moi especial: o Apalpador! 

Ao día seguinte, organizamos un Obradoiro de Nadal para que os participantes puidesen crear os seus propios bonecos personalizados... o resultado foi espectacular e constatamos que na biblioteca temos unha canteira de pequenos artistas capaces de crear fantásticos personaxes!

Pasado xa o día de Nadal, o escritor Xavier Queipo e a súa Illa dos cangrexos violinistas estiveron na biblioteca  para ofrecernos unha estupenda sesión de contacontos, con concurso de debuxo incluído, no que de novo puidemos gozar co talento e imaxinación das obras realizadas!

Entre conto e conto entramos xa nesta derradeira semana do 2014, e onte achegáronse á biblioteca os compañeiros de Pavís Pavós, que viñeron de parte de Roque, que anda alá polo Polo Norte na casa de Papá Noel. Foi unha tarde cargadiña de contos marabillosos, na que non podía
faltar a historia de Martiño e o seu tren!!

E xa para despedir o ano, esta mañá puxémonos mans á obra nun obradoiro no que preparamos un calendario para o 2015 que comeza, no que non nos esquecimos de anotar ningunha data importante... incluída a noite de Reis! Precisamente por iso, tamén nos visitou o Paxe Real, que recolleu todas as cartas dirixidas ás Súas Maxestades depositadas no noso buzón real e aquelas que lle entregaron persoalmente os nenos que estaban na biblioteca.


Non deixedes de visitar a Galería de imaxes da biblioteca, onde atoparedes todas as fotos e detalles destas estupendas semanas de Nadal na Biblioteca Neira Vilas...

... Vémonos en 2015!!

Os nosos mellores lectores


A piques está de rematar o 2014, e como cada ano, dende a BPM Xosé Neira Vilas queremos agradecervos a vós, os nosos usuarios, que compartades con nós a paixón pola biblioteca e que fagades deste espazo un lugar no que compartir lecturas, inquedanzas, tempo de lecer e sobre todo, bos momentos...

E como sempre queremos tamén premiar ao público lector máis activo de cada categoría (adulto e infantil) cun lote de libros para comezar o 2015 cunha selección de boas lecturas!



Estes son os mellores lectores de 2014 na categoría de Adulto:
 
Julio César Rodríguez Alonso
Covadonga Lareu Rodríguez
María Luisa Fernández Lago
 
E agora os mellores lectores de 2014 na categoría Infantil:
 
Adrián Bouzó Sacarrera (lectores ata 5 anos)
Samanta Serpa Suárez (lectores de 6 a 9 anos)
Pablo e Daniel Comesaña Pomar (lectores 9 anos en diante)

FELICES FESTAS E BOAS LECTURAS!
 

sábado, 20 de diciembre de 2014

Felices Festas!


Dende a Biblioteca Xosé Neira Vilas desexámosvos 2015 boas lecturas!


Ilustración: Fran Bueno

jueves, 18 de diciembre de 2014

Programación trimestral. Xaneiro - Marzo 2015


Xa tedes á vosa disposición a programación da biblioteca para o vindeiro trimestre, onde atoparedes información detallada tanto das actividades permanentes (contacontos para público infantil e adulto, club de lectura, mostras bibliográficas) como das actividades puntuais que levaremos a cabo ao longo dos meses de xaneiro, febreiro e marzo: sesións de cine, cursos de alfabetización dixital, obradoiros, etc.

Atoparedes tamén información puntual sobre as mesmas (datas, prazos de inscrición) nas redes sociais e na axenda de actividades da nosa páxina web.

Entre arrolos e contiños. Decembro 2014


Onte pasamos outra estupenda tarde Entre arrolos e contiños con Bea Campos e Davide González.


Como é costume, a sesión veu cargadiña de contos e cancións, e estando xa ás portas das festas de Nadal, non podían faltar as panxoliñas nin historias como a de Martiño, ao que lle viñeron ganas de facer pis a noite de reis, ou o rabudo Homiño de mazapán, que acabou deborado por unha raposa.

Non deixedes de visitar a galería de imaxes da biblioteca con todas as fotos da velada!

Entre arrolos e contiños
Próxima sesión: venres 23 de xaneiro ás 18.00h
*Inscrición a partir do 2 de xaneiro ás 10.30h

viernes, 12 de diciembre de 2014

A hora dos contos. Decembro 2014

Como cada mes, este xoves Trini Puentes visitou a biblioteca para facernos gozar coas súas historias na Hora dos Contos.

Tendo en conta que o inverno está á volta da esquina e que xa comezamos a sentir as súas frías noites, Trini contounos a historia do can Palleiro, que nos fixo caer na conta do afortunados que somos, e do importante que é poder compartir un fogar. Tamén coñecimos a Crisantemo, unha nena encantada co seu nome ata que na escola se mofaron dela, pero que grazas á súa mestra comprendeu que todos os nomes son bonitos. E por último, como non podía se doutra forma, viaxamos ao Courel para coñecer a historia do Apalpador, que cada 24 de decembro baixa a comprobar se as barrigas dos cativos están ben cheas para cumplir os seus desexos.

Rematamos esta estupenda tarde de contos debuxando o noso propio can Palleiro para adoptalo e levalo aos nosos fogares. Se queredes ver as fotos desta animada tarde de contos non tedes máis que visitar a Galería da Biblioteca 

Non queremos tampouco esquecernos de dar ás grazas aos nenos e nenas da Ludoteca que nos felicitaron as festas do Nadal cunha fermosa postal feita por eles!




A hora dos contos
Próxima sesión: 8 de xaneiro de 2015 ás 18.00h

sábado, 29 de noviembre de 2014

Estoxo: Barrios, Espazos de Vida. O Calvario

Na tarde de onte presentamos na biblioteca un novo estoxo viaxeiro: Barrios, Espazos de Vida: O Calvario, unha actividade para toda a familia coa que vos propoñemos unha achega ao barrio no que nos atopamos.

En anos pasados, dende a biblioteca presentamos distintos estoxos viaxeiros, adicados a diferentes países, que nos achegaban á realidade social e cultural de cada un deles. Este ano, pola contra, decidimos adicar estas maletas a coñecer un pouco mellor a nosa cidade. Así, cada estoxo estará adicado a un barrio de Vigo.

No estoxo do Calvario poderedes atopar diferentes libros que nos falan do barrio, así como fichas que nos achegan á súa historia, monumentos, personaxes máis coñecidos... Tamén unha chea de contos para os máis pequenos da casa que nos fan reflexionar sobre a idea de cidade. Pero sobre todo, queremos que este estoxo sexa a excusa perfecta para saír en familia e explorar todos os recunchos do barrio: propoñémosvos distintas actividades coas que percorrer as rúas e edificios (algúns xa desaparecidos) do Calvario, que faledes cos veciños máis vellos e vos conten como era antes o barrio, e que compartades todas estas experiencias con nós nos cadernos que hai no estoxo e tamén a través das redes sociais: podedes mandarnos as vosas fotos do barrio por mail para subilas ao Facebook e Picasa, ou compartilas no Twitter coa etiqueta #Espazosdevida. Así, entre todos, iremos enriquecendo este estoxo con todo o material que nos acheguedes.



Entre arrolos e contiños. Novembro 2014

O xoves pasado pasámolo en grande na nosa cita mensual con Bea Campos e David González, que como sempre veu cargada de contos e cancións.

Das historias tradicionais como a da Merliña que perde aos seus filliños por culpa dun raposo malvado, ata libros rimados como o de Zapato, de Antonio Rubio e Óscar Villán, pasando polas peripecias de Antoliña Galiña ou os animais que viven na granxa. Todos eles acompañados pola alegre música do acordeón.

Para despedirnos, e para non perder os bos costumes, cantamos a canción tradicional Ai Maruxiña

Eu querer quéroche ben, eu téñoche admiración
quero casarme contigo, non mo pide o corazón,
non mo pide o corazón, non mo pide o corazón,
eu querer quéroche ben, eu téñoche admiración.

Ai Maruxiña,  eu ben cho dicía,
que o andar de noite é unha tolería,
 é unha tolería, é unha tolería,
ai Maruxiña, eu ben cho dicía.

Eu querer quéroche ben…



Non deixedes de ver as fotos na Galería da biblioteca


Entre arrolos e contiños
Próxima sesión: mércores 17 de decembro ás 18.00h
*Inscrición a partir do día 1 de decembro ás 17.00h

martes, 25 de noviembre de 2014

Contos Dakí. César Cambeiro

O pasado venres tivemos o pracer de contar na bilioteca nos Contos Dakí con César Cambeiro, que nos visitaba por primeira vez, pero que de seguro non será a última...

Como era de esperar, foi unha velada cargadiña das mellores lendas da nosa tradición oral, na que non faltaron tampouco guiños ás novas da actualidade... Así, repasando todo o acontecido neste mes de novembro fomos saltando dunha historia a outra, dende a do mariñeiro ao que a Raíña Lupa manda cortar a cabeza por culpa da palabra (ou a ausencia da mesma) dunha caveira, ata a do gran Roldán, que antes de volver a Francia por Roncesvalles e perder a vida andou por terras galegas tratando de namorar a tres costureiras de Puxares, que preferiron converterse en pedra antes que caer nas mans do ilustre cabaleiro. 
Tamén coñecimos a historia dos tres amigos que levaron un cráneo ao San Andrés de Teixido, porque xa se sabe que vai de morto quen non vai de vivo, e soubemos así mesmo da orixe do nome de Ponte do Porco, no río Lambre, que naceu da tráxica historia de amor entre Roxín Roxal e Tereixa, filla de Nuno Freire de Andrade, que acabou coa morte da moza a mans dun porco bravo durante unha cacería e a vinganza do pobre Roxín sobre o animal.

Como dicíamos, unha estupenda tarde de contos e sorrisos que podedes ver na galería da biblioteca.



Contos Dakí
Próxima sesión: venres 19 de decembro ás 19.30h
Conta: Paula Carballeira

martes, 18 de noviembre de 2014

As tardes do Roque. Novembro 2014

Na tarde de hoxe visitáronnos Andrea e Óscar para pasar xuntos unha estupenda Tarde do Roque.

Roque Roquiño chegou disfrazado de demo, e é que aínda estaba el a celebrar o Samaín. Despois dun susto de morte ao velo así vestido, buscou entre as súas cousas algúns dos seus contos favoritos para que nolos contase Andrea.

Así, celebramos o aniversario dunha ratiña cun enorme pastel que todo o mundo quería comer: o gato, o can, o león, o elefante... finalmente déronse un tremendo festín entre todos. Xa coa barriga chea da tarta da ratiña, adentrámonos na casa da Bruxa Mimí, na que todo era negro, ata o gato! O pobre Xeremías, que así se chamaba o felino, tivo que sufrir os enfados da bruxa, que o transformou en gato verde, gato de cores... ata que finalmente comprendeu que era mellor que Xeremías recuperase a súa pelaxe negra e que fose a casa a que tivese algo máis de colorido!

Despois destes fermosos contos, ao pobre Roque doíalle a barriga, pero non foi nada que non puidesemos arreglar cunha canción: Trispilistrás, trispilistriñas, o que non come non ten barriguiña. Trispilistrás, trispilistrolas, o que non come non ten barrigola!

Tampouco faltou a carta do avó Agustín, que este mes andaba por Alemaña... e rebuscando entre os seus tesouros Roque atopou o seu conto máis pequeno, que viña metido nuha caixa enorme! Era a historia do Rei curro, que tiña orellas de burro...

Rematamos como sempre cos parabéns, e despedímonos ata a vindeira sesión!

Por certo, que non queremos deixar pasar a ocasión para volver a felicitar a Andrea Bayer, que a semana pasada recibiu oXI Premio Barriga Verde de textos para monicreques coa obra ‘O lobo e a lúa’. Felicidades!!




Tedes como sempre todas as fotos na Galería da biblioteca.

As tardes de Roque
Próxima sesión: luns 29 de decembro ás 18.00h
*Prazas cubertas

viernes, 7 de noviembre de 2014

Novos Servizos Especiais de Préstamo

 
A Biblioteca Xosé Neira Vilas, en colaboración coa Oficina Municipal de Voluntariado do concello de Vigo, pon en marcha os novos Servizos Especiais de Préstamo.


Así, a biblioteca facilita ás persoas con autonomía limitada que non poidan  achegarse á biblioteca (persoas usuarias maiores de 80 anos,  persoas con discapacidade ou persoas que teñan a súa mobilidade e autonomía limitada), diferentes servizos de préstamos personalizados que se axustan ás súas necesidades, ao fin de favorecer o acceso aos recursos e o achegamento do material de préstamo aos seus fogares. Esta iniciativa está tamén dirixida a distintas entidades de carácter social, cultural, educativo, etc. que así o soliciten.


Servizo Especial de Préstamo

A biblioteca ofrece ás persoas usuarias maiores de 80 anos, ás persoas usuarias con discapacidade ou ás persoas que teñan a súa mobilidade e autonomía limitada de forma temporal ou permanente, un servizo personalizado ao fin de facilitar o acceso ao material da biblioteca. Para poder facer uso do servizo, as persoas que teñan carné da Neira Vilas poden poden designar a unha persoa do seu entorno para que realice os préstamo ao seu nome.


Servizo Especial de Préstamo a Domicilio

En colaboración coa Oficina de Voluntariado do Concello de Vigo, este servizo está destinado ás persoas usuarias con discapacidade ou ás persoas que teñan a súa mobilidade e autonomía limitada de forma  temporal ou permanente que non poden acudir a biblioteca e que non poidan contar con outra persoa para realizar o “Servizo Especial de Préstamo”. Desta forma, será o voluntariado o que traslade os préstamos ao domicilio dos solicitantes deste servizo, que poderán tamén solicitar a lectura en voz alta dos libros escollidos.


Servizo Especial de Préstamo a Entidades

A biblioteca ofrece tamén ás entidades (centros educativos, hospitais, centros culturais, centros da 3º idade, colectivos...) o “Servizo Especial de Préstamo a Entidades”, un servizo personalizado ao fin de facilitar o acceso aos recursos dos que dispón. Con esta iniciativa as entidades designan a unha persoa responsable que pode realizar os préstamos en nome da institución, que pode gozar dun máximo de 30 documentos en cada préstamo.



Máis información:
Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas
Tlf.: 986 267 759




martes, 28 de octubre de 2014

Día das Bibliotecas

Para festexar o Día das Bibliotecas a Biblioteca Neira Vilas presentou dos novos servizos e organizou diferentes actividades durante a semana pasada para que todo o público usuario da biblioteca celebrase con nós esta data tan especial.

Entre arrolos e contiños


O pasado xoves regresaron á biblioteca, tras as vacacións de verán, Bea Campos e David González cos seus contos e as súas fermosísimas cancións.

Para esta volta tan esperada polos nosos bebés e as súas familias prepararon unha sesión moi especial.
Contáronnos o conto de "Todavía nada" na que poñían en valor a paciencia. Unha virtude que temos que ter todos para poder gozar das cousas marabillosas que nos ofrece a natureza e a vida en xeral.

Logo Bea e David contáronos "Os de arriba e os de abaixo", "Pipi Caca" e " Os ovos misteriosos" onde nos explicaban a diferentes animais que nacen dentro dun ovo, dende un poliño ata un crocodilo.

E todos estes contos xunto coas belas cancións que nos ofrecen nestas sesións de contos.

Contos Dakí

O venres estivo con nós Avelino González iniciando a nova tempada dos nosos Contos Dakí. Foi unha sesión moi especial, xa que para celebrar este día contou ao "seu xeito" os contos da literatura universal que máis lle gustan.

Por esta viaxe entre a literatura fixemos escala no universo de  Benedetti, de Stevenson, de Joseph Pla, de Boucq, de Cunqueiro e ata do fotógrafo Chema Madoz.

Unhas historias fermosísimas que nos deixaron con ganas de escoitar máis historias ao xeito de Avelino.

Entre arrolos e contiños.
Próxima sesión: xoves, 27 de novembro de 2014
*Inscrición: a partir do 3 de novembro ás 17.00h

Contos Dakí: César Cambeiro
Próxima sesión: venres, 21 de novembro de 2014
Público adulto

viernes, 24 de octubre de 2014

24 de outubro. Día da Biblioteca


Hoxe, 24 de outubro celébrase o DÍA DA BIBLIOTECA, e para festexalo Avelino González vai a deleitarnos ás 19.30h cunha sesión especial de Contos Dakí, que de seguro ha de arrincar en todos os asistentes máis dun sorriso!

Deixámosvos co cartel conmemorativo deste ano, e co pregón-homenaxe a Ana María Matute a cargo do escritor Antonio Rodríguez Almodóvar.



¡Ana María, despierta!

El príncipe se quedó contemplándola. Era guapa, el pelo negro, los ojos grandes, la boca carnosa. Luego la sacudió suavemente, por un hombro.
Insistió: -Vamos, mujer, que ya es hora.
Ana María,solo después de un rato, empezó a moverse. Primero movió un dedo, luego una ceja, luego entreabrió un ojo.
-¿Y tú... quién... eres? –preguntó, no sin gran esfuerzo.
-¡Soy el Príncipe Azul!
-¿El qué?
-El príncipe... ¿No te acuerdas? Tenemos que amarnos.
-¿Es obligatorio?
-Claro, lo manda la tradición.
-¡Pues entonces vete a hacer gárgaras!
Ana María se giró hacia un lado y volvió a dormirse. El príncipe quedó sumamente desconcertado. Se incorporó del filo del lecho y se puso apasear la estancia.Vio las telarañas del tiempo colgando de los pesados cortinajes, vio a un par de alabarderos durmiendo de pie, la nariz del uno apoyada en la nariz del otro. Vio, o mejor dicho, escucuchó la estridente sinfonía de ronquidos que le llegaban de todas partes de aquel palacio encantado; ronquidos atronadores de guardianes forzudos, ronquidos silbantes de cocineros exquisitos, ronquidos trascendentes de capellanes gordinflones, ronquidos, ronquidos... Como que tuvo que taparse las orejas para no ser víctima de aquel terremoto sónico... y entonces se dio cuenta:¡el fuego de la chimenea también dormía! Se acercó, aproximó una mano a aquellas llamas petrificadas y quedó ensimismado... Luego de un tiempo incontable, levantó la vista y vio sobre la repisa una hilera de libros.Eranlibros de cuentos, los únicos objetos de aquel lugar que no habían acumulado polvo ni telarañas. Con un temblique en el dedo índice de la mano derecha, impropio de todo un príncipe, fue recorriendo los títulos: Cuentos de antaño, de Charles Perrault, Cuentos de los hermanos Grimm, Cuentos de H. C. Andersen, Cuentos de Ana María Matute... Al leer este último, el corazón empezó a repicarle. Sacó el libro y lo abrió. Al azar fue leyendo: “Todos nos acostamos con el lobo, pero lo que no podemos haceres confundirlo con la abuelita.” “La infancia es más larga que la vida”. “El que no ama está muerto”.
Justo al acabar esta frase, cesaron los ronquidos y el fuego de la chimenea cobró repentina vitalidad. El príncipe se apartó.
-Eso, ahora ponte a curiosear en mis cosas -oyó a sus espaldas.
Levantó un poco más la vista y vio, en el espejo de la chimenea, cómo se incorporaba en su magnífico lecho una dama todavía más magnífica. Casi cien años de edad, el pelo totalmente blanco y la sonrisa totalmente pura.
-¿Se puede saber qué día es hoy?
-¿Hoy? -El príncipe no tenía ni la menor idea.
-¡Me acabo de acordar!-Exclamó ella-. Es 24 de octubre, día de la Biblioteca! ¡No te quedes ahí pasmao, que los niños nos están esperando!
¡Vamos, Príncipe Azul, mueve el culo!

Antonio Rodríguez Almodóvar


jueves, 23 de octubre de 2014

Presentación de novos servizos: páxina web e servizo especial de préstamos


Hoxe pola mañá o alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou na biblioteca dous novos servizos: a posta en marcha da páxina web e os servizos especiais de préstamo.


Por un lado, a páxina web http://bibliotecaneiravilas.vigo.org/ ofrece toda a información dos servizos que ofrece a biblioteca, ademais da axenda coas actividades, acceso ao catálogo da biblioteca e a ebookVigo, ou a posibilidade de facer distintas xestións en liña (carné de socio, alta no boletín de novas, etc.).

Doutra banda, cos Servizos Especiais de Préstamo a biblioteca  facilita ás entidades e ás persoas con autonomía limitada e que non poden acudir á biblioteca un servizo personalizado ao fin de facilitar o acceso aos recursos e o achegamento do material de préstamo aos seus fogares, esto último coa colaboración da Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Vigo.

lunes, 20 de octubre de 2014

As tardes do Roque. Outubro 2014

O venres pasado Roque voltou por fin á biblioteca! Despois das vacacións de verán, o noso simpático amigo voltou cargado de enerxía, e veu como sempre acompañado de Andrea e Óscar.

Contounos que este ano o seu avó Agustín anda de viaxe polo mundo, e que cada mes lle vai escribir dende un país distinto, para que poidamos coñecer con el os fermosos lugares que visita. Ademáis, vaille mandar un libro de cada un deses países. Como no mes de outubro anda por París, o avó envioulle a Roque o Petit Bleu et Petit Jaune (Pequeno Azul e Pequeno Amarelo) de Leo Lionni.

Pero ademais, Andrea chegou cargada de contos cos que pasamos unha tarde divertidísima: pasamos medo co Gato Guille e os monstros, fomos testemuñas de que moi poucos se atreven a tocar As pousadeiras do Rei, e asisitimos a unha xenial teatralización dos Tres porquiños!

Para rematar, como xa é costume, felicitamos a todos os nenos e nenas que estiveran de aniversario e despedímonos ata o mes de novembro.

Podedes gozar de todas as imaxes da tarde na Galería da biblioteca

As tardes do Roque
Próxima sesión: venres 7 de novembro ás 18.00h
*Prazas cubertas

viernes, 10 de octubre de 2014

A hora dos contos. Outubro 2014

Co inicio do outono retomamos as nosas actividades permanentes, e onte tivemos a nosa primeira cita do curso con Trini Puentes e a súa Hora dos Contos. 

Comezamos lembrando a canción de incicio das sesións, que cada mes nos convida a gozar dos contos que nos trae Trini, e explicamos cales son os ingredientes para crear un bo conto. Así, coñecimos a historia de Cabalín, un cabalo diferente que non era quen de rinchar, e que se vai atopando animais tan diferentes como el: o gato Micifú que non miañaba, a cabuxa Branquiña que non beaba e a vaca Rubia que non bruaba. Entre todos decatáronse que non importaba ser distintos aos demais, e que eran felices de ser como eran.

Despois tocoulle o turno a todo un clásico, O Grúfalo: un astuto ratiño consigue evitar ser comido por un raposo, un moucho e unha serpe ao dicirlles que está a esperar polo Grúfalo, un ser arrepiante peludo, con afiadísimos dentes e aterradoras gadoupas co que ninguén quere atoparse...

Cada un dos nenos, despois de escoitar a historia, debuxou como imaxinaba que debía ser o Grúfalo, e finalmente coñecimos a este personaxe que resultou non ser tan terrible!

Como de costume, tedes todas as imaxes na Galería da biblioteca



A hora dos contos
Próxima sesión: xoves 13 de novembro ás 18.00h

sábado, 27 de septiembre de 2014

Programa de actividades na biblioteca. Outubro - Decembro 2014

Xa tedes á vosa disposición o programa de actividades de outubro, no que retomamos as actividades habituais do curso escolar, tanto para o público infantil (Roque, a hora dos contos, entre arrolos  e contiños) como para o público adulto (club de lectura, contos dakí), sen esquecer as mostras bibliográficas, nas que vos propoñemos unha chea de lecturas para este outono. Estade atentos ás novas datas e horarios.

Podedes consultar tamén a programación trimestral, para que non deixedes de anotar na axenda as vosas citas coa biblioteca!

viernes, 19 de septiembre de 2014

Pedro Feijoo nas Terrazas Literarias

Ainda que onte non acompañou o tempo, tivemos o privilexio de contar nas nosas Terrazas Literarias co escritor Pedro Feijoo, autor das novelas Os fillos do mar e A memoria da choiva, que se teñen convertido dende a súa publicación nuns dos títulos máis lidos da literatura galega da última década.



Os seus lectores poideron compartir co escritor as experiencias vividas a través da lectura dos seus libros, saciar a súa curiosidade sobre certas pasaxes das novelas e mesmo discutir con el sobre o controvertido dalgunhas das teorías que aparecen nas tramas!  

Nunha tertulia moi distendida e agradable, fomos quen de coñecer un pouco mellor a este vigués que ten enganchados a miles de lectores coas súas historias, que son boa mostra da boa saúde da que goza a novela negra "made in" Galicia: e é que tanto as localizacións e escenarios, tan familiares para os que nos mergullamos nas súas páxinas, como as tramas das novelas (a Batalla de Randa, Rosalía de Castro) destilan aroma galego en estado puro!

En resume, un verdadeiro pracer compartir con Pedro a nosa Terraza Literaria. E non deixedes de ler as súas novelas, tédelas á vosa disposición na biblioteca!

martes, 16 de septiembre de 2014

Horario de inverno

Lembrámosvos que hoxe comeza de novo o Horario de Inverno na biblioteca (do 16 de setembro ao 14 de xuño):

Luns: de 17.00 a 20.30h
Martes a venres: de 10.30 a 14.00h e de 17.00 a 20.30h
Sábados: de 10.30 a 14.00h

viernes, 5 de septiembre de 2014

Luis Davila nas Terrazas Literarias

Onte á tardiña puidemos gozar do solpor na compaña de Luis Davila, protagonista da nosa primeira Terraza Literaria este mes de setembro.

Coñecido entre o noso público sobre todo polas súas viñetas no Faro de Vigo, Davila explicou como nos seus inicios chegou a publicar ata tres tiras cómicas diarias en distintos xornais, o que resultaba todo un reto creativo, e é que a inspiración ás veces é mala de atrapar, e hai que buscala nos sitios máis insospeitados.

O éxito das súas tiras, que se extenden como regueiros de pólvora polas redes sociais, reside no uso dun  humor que nos toca moi de cerca, cheo da retranca propia dos galegos, e no que se fusiona o tradicional (as mulleres e homes do campo ou do mar) coa modernidade (música actual, novas tecnoloxías, etc). Desde 2008 publica tamén as súas viñetas no blog O Bichero, que vos recomendamos non deixedes de visitar: http://obichero.blogspot.com.es/

En breve teremos á vosa disposición os catro volumes publicados de O bichero, cos que tedes horas de gargalladas aseguradas! E non deixedes tampouco de visitar a nosa Galería de imaxes con todas as fotos do encontro.




Terrazas Literarias
Próximo encontro: Pedro Feijoo
Data: xoves 18 de setembro ás 20.00h

miércoles, 3 de septiembre de 2014

Programación de actividades. Setembro 2014

Xa tedes á vosa disposición a programación da biblioteca para este mes de setembro, no que seguiremos coas exitosas iniciativas Bibliotroco e Cita a Cegas. 

Ademais, presentámosvos unha nova mostra bibliográfica, Tendendo Bandas, na que atoparedes unha escolma dos máis importantes autores da banda deseñada española e hispanoamericana.  

No apartado de exposicións, o CEIP Porto Cabeiro amosa na biblioteca os traballos do alumnado do centro baseados en obras dos grandes artistas plásticos da arte galega, nun proxecto que parte do Equipo de Dinamización de Lingua Galega (EDLG) en colaboración coa biblioteca escolar.


E para rematar, non podedes perdervos as nosas Terrazas literarias, que este ano contarán coa presenza de Luis Davila (xoves 4)  e Pedro Feijoo (xoves 18).  Aproveitando estes últimos días de verán, celebramos estes encontros na terraza exterior da biblioteca, unhas reunións informais onde poderedes falar e preguntar aos escritores sobre o que rodea ao mundo literario (creación, edición...) nun ambiente lúdico e amigable ao tempo que gozamos do solpor.

Tedes toda a información das actividades (datas, horas, etc.) no seguinte enlace:

A Biblioteca Neira Vilas no Hoy por Hoy

O pasado luns, o programa radiofónico Hoy por Hoy, presentado por Jacobo Buceta, entrevistou ao director da biblioteca para falar dalgunhas das iniciativas máis novidosas que levamos a cabo. Podedes escoitar a conversa no seguinte enlace, dende o 1:09' ata o 1:20':

viernes, 29 de agosto de 2014

Novos Centros de Interese


Dende comezos do verán a biblioteca ampliu os seus Centros de Interese con dúas novas incorporacións: Cociña e Nutrición e Bibliolabora.

Lembrámosvos que os Centros de Interese son seccións temáticas da biblioteca que se diferencian do resto por ofrecer distintos documentos ao redor dunha materia concreta, independentemente do soporte no que se atopen (libros, cd, dvd...).

Cociña e nutrición recolle fondos referentes ao mundo da cociña (recetarios, repostería, bebidas, etc.) e da nutrición (alimentación, dietas, etc.). Pola súa banda, Bibliolabora reúne libros e outros materiais relacionados coa busca de traballo e o desenvolvemento profesional.

martes, 19 de agosto de 2014

ACTIVIDADE DE MONTENOSO

Durante o mes de agosto está exposta na biblioteca unha exposición-xogo na que o público da biblioteca pode aprender dunha maneira lúdica os valores do monte en mancomún.



Esta exposición completouse hoxe cunha actividade destinada ao público infantil. Nela xogamos todos xuntos a un "Pasapalabra" moi especial, no que todas as palabras tiñan relación co monte. Descubrimos agachados varios nomes de plantas e árbores que nacen no monte, así como os animais salvaxes que alí viven como o raposo, tamén chamado golpe, a donicela ou o esquío, tamén descubrimos que poden habitar animais domésticos como as ovellas ou os burros. Descubrimos outros recursos que nos ofrece como a leña, para quentarnos en inverno, o mel, as herbas para facer infusións ou as follas de eucalipto para mellorar os nosos catarros.
Tamén aprendimos que o monte é un lugar fantástico para saír a pasear, para facer festas e xogar cos nosos amigos, e por todo iso temos que coidalo entre todos.


A continuación xogamos co xogo de Montenoso no que todos decidimos que facer cos paneis e como colocalos chegando a novos acordos.



Para finalizar a actividade contamos dous contos:

Popville onde vimos como unha pequena casa rodeada de árbores e moitos xardíns para xogar convertíase nunha gran cidade sen case espazos verdes. E finalizamos co conto No bosque unha fermosa historia de Anthony Browne.



miércoles, 13 de agosto de 2014

Obradoiro de Pintura Téxtil

O pasado martes 5 e xoves 7 de agosto realizamos na biblioteca unha obradoiro de pintura téxtil.
Cada un pintamos a nosa propia camiseta partindo duns debuxos impresos e algúns que fixemos nós.

 Logo coloreámolas cuns rotuladores especiais que permiten lavar a camiseta sen que o debuxo se desfaga e tamén  empregamos unhas pinturas especiais para téxtil en 3D.  Extendemos a pintura e logo co secador do pelo secámolas un pouco e xa está. Cousa de maxia!



Quedáronnos uns deseños ben xeitosos.
Podedes ver o resultado no noso álbum.

miércoles, 23 de julio de 2014

Cine de verán. O Apóstolo

Mañá, xoves 24 de xullo ás 19.00h, proxectamos na biblioteca a película de animación O Apóstolo, producida en Galicia e gañadora de 6 premios Mestre Mateo.

 
 
O Apóstolo conta unha escura historia de misterio ambientada no Camiño de Santiago na que se mistura o suspense, o humor e a fantasía a partes iguais. O protagonista, un preso acabado de fuxir da cadea, verase envolto nuns estraños e inquedantes sucesos ao tentar recuperar un botín escondido anos atrás nunha apartada aldea desta centenaria ruta. Sinistros anciáns, estrañas desaparicións, un peculiar crego, e ata o mesmísimo arcipreste de Santiago conflúen nunha trama chea de misterio e intriga que levará ao protagonista a enfrontarse a unha cadea maior da que lograra escapar.

jueves, 10 de julio de 2014

Obradoiro de encadernación


Esta semana levamos a cabo na biblioteca un Obradoiro de Encadernación no que en dúas sesións, e grazas ás explicacións de Susana, os participantes aprenderon a facer un libro-serpe.

Primeiro, e antes de poñerse mans á obra, familiarizámonos coas ferramentas básicas do encuadernador: a pregadeira, a coitela, a regra, a cola...

Dominados xa os instrumentos cos que traballar, comezamos co pregado dos papeis que ían conformar o noso libro e pegámolos entre si. 

Unha vez armada a estrutura do libro, deseñamos o interior e decorámolo utilizando distintas técnicas: debuxo, collage, etc. ata acadar o resultado desexado. Xa só nos quedaba poñerlle as tapas, que tamén houbo que cubrir e decorar para despois ensamblar todo o conxunto. E voilà! Xa tiñamos entre as mans un estupendo libro-serpe!

Non deixedes de visitar a galería da biblioteca e deleitarvos contemplando estes pequenos libros de artista.

sábado, 5 de julio de 2014

Exposición. 1º Concurso de Arte Infantil e Xuvenil de Tallanumen

Durante este mes de xullo expoñemos na biblioteca unha mostra que recolle os mellores traballos realizados para o 1º Concurso de arte infantil-xuvenil de Tallanumen - Espacio para el Arte. Non deixedes de botarlle un ollo!




 Podedes ver con detalle todas as propostas na galería da biblioteca.