lunes, 30 de diciembre de 2013

A cesta dos libros

Agora que remtata o 2013, o terceiro ano da Biblioteca Xosé Neira Vilas queremos agradecervos unha vez máis a todos os usuarios a vosa participación, os vosos comentarios de apoio, os bos momentos compartidos... Desexando compartir moitos máis!

É por iso que tamén neste ano queremos premiar ao público lector máis activo de cada categoría (adulto e infantil) cun lote de libros para comezar o 2014 coas mellores lecturas.


Estes son as mellores lectoras de 2013 na categoría de Adulto:

    Covadonga Lareu Rodríguez
    María del Carmen Roma Vázquez
    Alba González Correa
 

E agora os mellores lectores de 2013 na categoría Infantil:

    Breixo Merino Gómez
    Valentina Longueira Pizzuto
    Iria Comesaña Villar




Dende a Biblioteca Xosé Neira Vilas

 desexámosvos 2014 boas lecturas!

sábado, 28 de diciembre de 2013

Contos Dakí: Avelino González

 
Unha vez máis tivemos a sorte de ter a Avelino González na biblioteca para que realizase unha contada nos nosos CONTOS DAKÍ.


Nesta ocasión Avelino contounos moreas de historias e anécdotas da vida do mar. Pero non de calquera, se non "Historias do Mar de Vigo", ao igual que o famoso plan quixo "abrir Vigo ao mar".

Un mar que é camiño, ás veces de vivos e ás veces de mortos e así ás veces as historias son cómicas pero ás veces son tristes. Porque o mar non se leva na sangue... se leva nos petos, porque é preciso saír ao mar para traballar e gañar o pan.

Como a historia de Serafín Mourelle, que ten como alcume o "Supervivente" porque saíu vivo de varios naufraxios. Ou as historias dos mariñeiros do Gran Sol e as súas técnicas e aparellos, e sobre todo do seu idiolecto o máis que famoso "GHALEINGHLIS".

Do Ghaleinghlis saíron grandes vocablos como "alucar" (look at) = mirar "Alucaches os peixes"; Likear (Like)= gustar, Safar (save)= búscate a vida, a todo filispin (full speed)= ir rápido e o brus que xa non precisa tradución.


Avelino fíxonos pasar un rato moi divertido con todas estas anécdotas ao tempo que fixo unha gran homenaxe a todos estes homes que se xogan a vida para poder traer peixe ás nosas mesas para o Nadal.


Contos Dakí
Próxima sesión: venres 31 de xaneiro ás 19.30h
Conta: Celso Sanmartín

Obradoiro de Nadal

Continuando coas actividades de Nadal para o público infantil fixemos na biblioteca un obradoiro para decorar a nosa árbore.

Antes de comezar o obradoiro visionamos a fermosísima curta "The Snowman", baseada no álbum de Raymond Briggs. Nela cóntase a historia dun neno que realiza un moneco de neve e ao chegar as doce da noite o moneco toma vida. Entre os dous nace unha fermosa amistade; o neno móstralle ao moneco de neve a súa casa e xogan cunha moto adentrándose no bosque onde se atopan con diferentes animais, de regreso á casa  o moneco de neve quere amosarlle ao neno o seu mundo así que saen voando ao tempo que se escoita a magnifica canción "Walking in the Air". Chegan á casa do moneco de neve que é nin máis nin menos a casa de Papá Noel. Cando chega o día o neno desperta na súa cama pero aínda conserva o agasallo que lle fixo Papá Noel, unha bufanda de monecos de neve.

A continuación fixemos uns homiños de mazapán para decorar a árbore, pero estes homiños eran moi especiais e non se poden comer porque son de decoración. 







E como sorpresa final veu o Carteiro Real que atendeu todas as peticións para as nosas maxestades os Reis Magos.

Contos de Nadal



Como cada Nadal a biblioteca Neira Vilas organiza diferentes actividades para que o público infantil goce da biblioteca nas súas vacacións. Nesta ocasión Bea e David acompañáronos unha vez máis, esta vez deixaron os seus Arrolos na maleta-xoaniña e fixeron unha sesión de contos para un público moito máis maior... de tres anos para diante.


Acompañamos a Bea e David "neste fantástico día" a cazar un oso. Sen ningún medo pasamos por un campo, un río, unha lameira, un bosque e unha tormenta ata chegar á cova do oso... Que medo! Nunca máis imos cazar un oso tan grande e fabuloso... se non nos acompañan, claro, Bea e máis David.
Logo Bea contounos o conto "De cando a Martiño lle entraron ganas de facer pis na noite de Reis" e gozamos todos co Chucuchu do tren de Martiño.

Para rematar a contada nada mellor que a historia do "Homiño de Mazapán" del aprendemos que das avoas e dos avós non podes rir, porque se non da raposa non podes fuxir.

Despois continuamos cun obradoiro moi especial no que fixemos unhas preciosas estrelas de Nadal que quedaron moi fermosas, claro está coa imprescindible purpurina que mellora todo.





jueves, 26 de diciembre de 2013

Rodari Rodari. Contos do Tranvía

O pasado 23 de decembro, nas vísperas das festas de Nadal, tivemos o pracer de contar na biblioteca co espectáculo Rodari Rodari. Contos do Tranvía, grazas ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Partindo do Tranvía de Marín como fío condutor, coñecimos aos distintos personaxes que traballaron ou viaxaron no mentado tranvía, como Moncho, Ramón o carboeiro (ou o chucurruchú), o revisor ou Guillermo o médico. Da man de todos eles fómonos adentrando en fantásticas e divertidas historias, tanto da tradición oral como do mestre do conto Gianni Rodari, e así soubemos do burro que non sabía que era un burro ou da estraña enfermidade da maturrangaina... Todo acompañado por suposto por pegadizas melodías e cancións populares.

Para rematar, despedímonos de Inacio montando no seu tranvía, que agardamos non tarde en voltar pola biblioteca!

Podedes gozar coas imaxes da sesión pinchando no Álbum da biblioteca.

lunes, 23 de diciembre de 2013

Entre arrolos e contiños. Decembro 2013

O sábado 21, para estrear as vacacións de Nadal, celebramos na biblioteca nova sesión de Entre arrolos e contiños, na que os máis cativos puideron gozar das fantásticas historias e cancións de Bea Campos e David González.

Así, seguimos as pegadas de distintos animais do zoo que nos ían saúdando ó noso paso... e paseando tamén atopamos un Becho estraño... qué será??

Despois, e estando tan próximas as festas, tocoulle o turno ao Homiño de Mazapán, que escapando dos avós acabou no bandullo dunha astuta raposa. Pero este mazapán foi só o aperitivo, xa que despois acompañamos a Bea e David ao mercado a comprar café, champú, azafrán, lentellas e regaliz... pero unha formiguiña rabuda non deixaba de picarnos a pesar do que nós rebulíamos... Todo acompañado como sempre polas fermosas melodías do acordeón de David.

Podedes ver as fotos da xornada, como de costume, no álbum da biblioteca.


Entre arrolos e contiños
Próxima sesión: 18 de xaneiro de 2014
Inscrición a partir do día 2 de xaneiro ás 10.30h


viernes, 20 de diciembre de 2013

Felices Festas!


Dende a Biblioteca Xosé Neira Vilas
 desexámoslles 2014 boas lecturas!

miércoles, 18 de diciembre de 2013

Encontros con escritores


Ao longo do mes de decembro, e grazas á colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix, tivemos o pracer de celebrar na biblioteca tres encontros con algúns dos escritores máis importantes  no eido da literatura infantil do panorama actual. Estes encontros organizáronse dentro dos Programas para escolares da biblioteca, e contaron coa participación do alumnado dos centros de ensino que tiñan concertada as súas visitas á biblioteca.


Así, os alumnos do CEIP Pombal puideron gozar da visita de An Alfaya, que nos contou interesantísimas anécdotas do seu oficio de escritora, que a leva a escribir todo tipo de historias que aniñan na súa cabeza, dende contos a poemas, pasando polo teatro, etc. A inspiración para crear cada unha delas é do máis dispar, incluído o seu pequeno de 4 anos que foi o primeiro en falarlle dunha árbore que acabaría por dar título ao libro O aroma do liquidámbar.



Tamén pasou pola biblioteca Pere Tobaruela, que foi quen de crear unha pequena historia cos alumnos do Colexio Labor a partir das 7 preguntas de Gianni Rodari para crear un conto: Quen era? Onde estaba? Que facía? Que dixo? A quen llo dixo? Que lle contestaron? Como rematou todo?. Escollendo as respostas a cada unha destas preguntas os participantes convertéronse por un momento en escritores de novela negra e crearon unha truculenta historia de intriga e misterio, con cemiterios e zombies incluídos!



O último en visitarnos foi Marcos Calveiro, que confesou ao alumnado do CEIP Lope de Vega que para el escribir era un verdadeiro acto de amor, que ademais lle permite ser todo aquilo que quixo ser de neno. E é que a inspiración de moitas das súas obras remíteo de feito á súa infancia, chea de pelis do oeste, cancións, debuxos animados, tebeos... e moitos moitos libros! Porque para ser un bo escritor, é condición indispensable ser tamén un grande devorador de libros...





A todos eles queremos agradecer a súa presencia na biblioteca; de todos eles aprendimos un pouquiño máis o significado de ser escritor.



Tedes todas as fotos dos encontros no Álbum da biblioteca. Así mesmo, podedes consultar os libros que de cada un temos na biblioteca nos seguintes enlaces:
 





lunes, 16 de diciembre de 2013

O sabadiño do Roque. Decembro 2013

O sábado 14 de decembro, Roque, Andrea e Óscar voltaron despois de moitas semanas á biblioteca para compartir un mes máis unha fantástica xornada de contos e xogos.



Para non perder o costume, presentámonos todos ao ritmo da canción de benvida, que nos valeu tamén para ir rompendo o xeo, xa que acto seguido Andrea precisou de varios voluntarios para poñer en escea a historia do desfile animal encabezado por un pequeno parruliño, que fuxindo do ritmo militar do vello parrulo Xilberto, creou unha nova forma de marchar camiño da charca onde todos os animais tomaban o baño...

Rematada a función apareceu o Roque, tremendamente abrigado porque acababa de chegar de Cabeza de Manzaneda. Despois de despoxarse de bufanda, gorro e gafas, leu con grande emoción a carta do avó Agustín, que unha vez máis retou a todos os participantes a resolver as sásu adiviñas.

E para poñer a guinda a esta xornada xa prenavideña, xogamos un par de rondas ao Lobo e cantamos a canción dos dedos... Sen esquecernos de felicitar a todos aqueles que estiveron de aniversario dende a última visita do Roque!


Tedes todas as fotos da xornada, como sempre, no  Álbum da biblioteca.


O sabadiño do Roque
Próxima sesión: sábado 4 de xaneiro ás 12.00h
*Aberto o prazo de inscrición

sábado, 14 de diciembre de 2013

A hora dos contos. Decembro 2013

O pasado xoves, como cada mes, poidemos gozar cunha nova sesión da Hora dos Contos. Desta volta, estando xa nestas datas, Trini  contounos varias historias relacionadas co frío e o inverno. Clásicos como o da Formiga e a Cigarra, con concerto a capella incluído, Riciños de ouro e os tres osiños ou a historia dos nenos que nun frío día de inverno constrúen un bonito boneco de neve, que pouco a pouco se vai derretendo...

Para rematar, e ir quentando motores, realizamos unha bonita postal de Nadal inspirada no personaxe deste último conto. Podedes comprobar os fantásticos resultados no Álbum da biblioteca

A hora dos contos
Próxima sesión: xoves 16 de xaneiro ás 18.00h

lunes, 9 de diciembre de 2013

Club de lectura

O pasado xoves 5 de decembro, as participantes no Club de lectura da biblioteca tiveron o pracer de contar coa presenza da escritora An Alfaya, autora de Areaquente, para poder compartir e debatir con ela as súas visións sobre a obra. Da mesma forma, tiveron a oportunidade de escoitar de primeira man as reflexións da propia autora sobre a novela. Foi un verdadeiro pracer a súa visita, e dende aquí amosámoslle o noso máis sincero agradecemento.

O club de lectura celébrase dúas veces ao mes (1º e 3º xoves) e reune a un grupo de persoas afeccionadas á lectura para comentar e valorar un libro proporcionado pola propia biblioteca coa axuda da coordinadora Marila Ruíz. O club está concibido para todas aquelas persoas con inquedanzas culturais, ganas de ler e de intercambiar ideas e opinións con outras persoa lectoras.

*Pechada a inscrición

jueves, 5 de diciembre de 2013

Do incunable ao ebook. Mostra bibliográfica

Para festexar que o vindeiro 17 de decembro se celebra o Día da Edición, dende a BPM Neira Vilas ofrecemos unha mostra bibliográfica ao redor deste sector, tan relacionado co mundo das bibliotecas e vital para a vida do libro, tanto en papel como en formato dixital. 

Así, amosarase unha selección de libros sobre o mundo editorial, as tipografías, a historia do libro, o deseño, a lecutra dixital...
Todos eles atoparédelos nunha zona destacada da biblioteca, e estarán a disposición das persoas usuarias tanto en consulta en sala así como para o servizo de préstamo.

Do incunable ao ebook. Mostra bibliográfica
Do 2 ao 30 de decembro de 2013
Horario de apertura da biblioteca