martes, 26 de noviembre de 2013

Entre arrolos e contiños. Novembro 2013




Unha vez máis, Bea Campos e David González fixeron as delicias de grandes e pequenos nuha nova xornada Entre arrolos e contiños.


Tras a canción de benvida, poidemos gozar con historias como a do Señor Croque e a súa excursión ou coas pillerías do Gato lambón, aprender como son e como viven os animais da selva, ou aproximarnos á música a través das fermosas melodías do saxofón e da melódica de David.

Por suposto non faltaron cancións tradicionais como a Saia da Carolina, o Tirorirorero ou Carmiña Carmela.

Para rematar, despedímonos ata a vindeira sesión, con moitas ganas de que chegue!!

Entre arrolos e contiños
Próxima sesión: sábado 21 de decembro de 2013 ás 12.00h
*Inscrición: a partir do 2 de decembro ás 10.30h.

Contos Dakí. Paula Carballeira

Paula Carballeira foi a encargada de deleitarnos o pasado venres cunha nova sesión dos Contos Dakí. Desta volta, estando a piques de comezar o inverno, e sendo xa as noites longas e frías (a pesar do cambio climático), os seus contos xiraron ao redor do tema da morte, que non necesariamente teñen que ser contos de medo.
Así, fomos coñecendo historias como as dos islandeses Tormut e Target, e a súa peculiar relación despois da morte, da peixeira Dona María, que unha vez finada non sabe se ten que ir para o ceo ou para o inferno, e tras intentar entrar no ceo e ser atendida por San Pedro, Santo Tomás, San Pablo ou o mesmo Deus, decide que alí non quere quedar. E falando de personaxes bíblicos coñecimos tamén a curiosa forma en que morreu Moisés, pero tamén historias máis mundanas como a do neno que quería morrer, ou o vello que cansado de vivir vai en busca da morte.

Todas elas xeniales e todas elas capaces de arrincar un sorriso, cando non unha gargallada, entre o numeroso público que tivo o pracer de escoitar estes contos nosos dakí e tamén dalí.

Contos Dakí
Próxima sesión: venres 27 de decembro ás 19.30h
Conta: Avelino González


lunes, 18 de noviembre de 2013

A hora dos contos. Novembro 2013

O pasado xoves gozamos unha vez máis cunha nova sesión da Hora dos Contos, na que Trini Puentes nos presentou tres fermosas historias que xiraron ao redor das persoas maiores. 

En primeiro lugar, soubemos das peripecias dunha avoa que, de camiño á voda da súa neta, atopa cun lobo, un oso e un león, todos eles con moita fame e ganas de darse un bo banquete... Será grazas á súa astucia e habilidade que conseguirá, coa axuda dunha cabaza, liberarse de tan terribles feras.

A continuación, coñecimos a fermosa historia de amor de Manuel e Manuela, que a pesar de ser moi maiores e estar xa moi engurrados, deciden aproveitar a vida ao máximo.

E por último, un conto no que dous velliños teñen o desexo de ser pais, así que proban de todo: un fillo de pau, de trapo, de pataca, de pan... ata que dan coa solución: o gatiño bebé bighotes.

De todos estes relatos aprendimos o divertidos que poden ser os nosos maiores, aos que hai que mirar sempre cos ollos do corazón.

Para rematar, trasformámonos todos en marchosos avós e avoas grazas a unhas fantásticas máscaras... Podedes comprobalo no Álbum da biblioteca!


A hora dos contos
Próxima sesión: xoves 12 de decembro ás 18.00h

viernes, 8 de noviembre de 2013

O bo se breve... Mostra bibliográfica



Relato, conto, microrrelato, microconto, minificción,  miniconto, conto minúsculo, conto en miniatura, contículo, relato breve... Son moitas as formas nas que nos podemos referir a ese xénero literario cuxa maior característica é a brevidade do seu contido. E é que xa o di o refrán, o bo se breve... Pero ademáis, en palabras de Julio Cortázar, o relato é capaz de escoller  unha imaxe, un acontecemento significativo, que actúa no lector como unha especie de apertura, de fermento cara a algo que vai máis alá. Recorta  un fragmento da realidade, con límites, pero de tal maneira que este recorte actúa como unha explosión que abre de par en par unha realidade moito máis ampla.

Fascinados como estamos por este xénero en absoluto menor, durante o mes de novembro a biblioteca ofrece unha mostra bibliográfica na que contaremos con grandes autores como o xa mencionado Cortázar, Poe, Quiroga, Roal Dalh ou Manuel Rivas, que teñen amosado as súas grandes dotes literarias nesta arte do relato breve.


O bo se breve...
Do 4 ao 30 de novembro
Horario de apertura da biblioteca

martes, 5 de noviembre de 2013

Visitas escolares


Un ano máis a biblioteca Xosé Neira Vila pon en marcha o seu programa de visitas escolares. 
Este ano a biblioteca Neira Vilas, co seu programa de actividades “Descubrindo as ciencias”, únese o proxecto das bibliotecas escolares LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR. Con este proxecto queremos amosar aos escolares os servizos que ofrece a biblioteca, o funcionamento da mesma e por en valor o material relacionado coa ciencia ( os textos divulgativos, os textos literarios e o material audiovisual). 


Nestas visitas o público pode decubrir a biblioteca e o seu funcionamento. Ademais dunha visita guiada pola instalacións realízanse diferentes sesións de contacontos, xogos e obradoiros poñendo interese nos inventos e nos inventores. 
 Aquí podedes ver o noso ROSCO CIENTÍFICO, onde o alumnado ten que atopar os inventos e inventores que agóchanse no abecedario. 

Esta activiade está aberta a todos os centros de ensino da zona de influencia da biblioteca.

Para reservar unha visita á biblioteca podedes facelo a través do teléfono 
986 26 77 59  ou do enderezo electrónico  bpneiravilas@vigo.org

O Sabadiño do Roque. Novembro 2013


 
Unha vez máis acompañáronnos este sábado os nosos amigos Andrea, Óscar e o noso queridísimo Roque. Igual que noutras ocasións comezamos esta sesión de contacontos coa nosa canción de Bo día onde fomos presentándonos un a un.

Andrea logo contounos varios contos de medo, pero como o público da biblioteca e un público valentenon tivemos medo de nada e demostramos todos a nosa valentía e a nosa forza para superar os nosos medos. Logo apareceu Roque disfrazado, o moi pícaro quería asustarnos...pero non o conseguiu!

Explicounos que viña disfrazado para dar medo porque se celebrara o Samaín. Tamén explicounos a orixe desta festa e as tradicións que se realizan nesta festa como disfrazarse, decorar cabazas... Unha vez máis houbo carta do avó Agustín que enviou a Roque con varias adiviñas para que o público axudase a Roque a descifralas.

Nesta ocasión xunto con Andrea e Óscar xogamos o xogo da Ronda do Lobo e
finalizamos con varias cancións populares que nos aprenderon os nosos amigos e rematamos coa canción de despedida.


O sabadiño do Roque
Próxima sesión: sábado 14 de decembro ás 12.00h
*Inscrición a partir do 15 de novembro

LEMBRAMOS QUE ESTA ACTIVIDADE TEN PREVIA INSCRICIÓN POR SEGURIDADE PARA O PÚBLICO E A BOA REALIZACIÓN DA PROPIA ACTIVIDADE.

Os interesados en participar neste obradoiro poden formalizar a súa inscrición para cada unha das sesións a partir das 10.30 h do 15 de cada mes de forma presencial na biblioteca, mandando un correo electrónico a bpneiravilas@vigo.org indicando os seus datos (nome e apelidos, idade, enderezo, teléfono e correo electrónico) ou ben a través do teléfono 986 267 759. O obradoiro é gratuíto e as prazas cóbrense por orde de inscrición.