martes, 29 de octubre de 2013

Entre Arrolos e Contiños: outubro 2013

O sábado día 26 de outubro visitounos de novo Bea e David cunha nova sesión de Arrrolos e Contiños. 
Nesta actividade foméntanse diferentes aspectos fundamentais do desenvovemento dos bebés: creatividade, relacións entre iguais, coñecemento do propio corpo verbal e artística, a imaxinación, a participación e a cooperación. Un dos obxectivos fundamentais é  espertar a curiosidade e o interese polo mundo dos libros e crear hábitos de lectura entre as familias.
Nesta sesión, Bea e David contaron "O pito da abeleira", "A granxa" e "Lúa". Tamén ensinaron a "tirar da cisterna" e coma sempre remataron coas cancións de Arrolos e Carmiña Carmela.

Contos Dakí: Outubro 2013 con Celso Sanmartín

Dentro da nosa actividade de contacontos para adultos "Contos Dakí" o vernes día 25 de outubro, estivo connosco Celso Sanmartín. Comezamos unha nova tempada!!!. Iniciou a sesión cun repertorio composto por contos e historias da tradición oral galega. Contos de verdade ou contos de mentira?? Fíxonos crear a dúbida entre as persoas que estivemos na actividade. Deseguido tamén contou historias de reis e de curas e tamén por suposto, contos de mortos, sobre todo por que se aproxima a data do Samaín. Celso crea unha actividade chea de paixón, sentido e amor: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación e sobre todo para non perder o verdadeiro tesouro que temos de historias e contos.

Club de lectura 2013-2014

O Club de Lectura xa está de novo reunido na biblioteca de outubro a xuño, o 1º e o 3º xoves do mes.Comezamos unha nova tempada e xa podemos volver a compartir ideas, pensamentos e reflexións.Este ano volve a nosa coordinadora do club, Marila Ruiz, autora de "Dentro da illa". Comentaránse obras de distintos xéneros literarios dentro dun ambiente de familiaridade, procurando compaxinar o lado formativo co lúdico.

Encontro con escritores... Fran Bueno e David Rubín

O vernes día 11 de outubro ás 19:30 visitáronnos na biblioteca dous dos creadores galegos de banda máis destacados do panorama profesional de banda deseñada, Fran Bueno e David Rubín. Os dous creadores foron premiados con Premio Castelao de Banda Deseñada neste ano 2013. A actividade foi moi participativa xa que na charla fixeron un repaso das características dos superheroes, dos cambios que sufriron ao longo do tempo, e tamén como se fan os guións. Ao remate da actividade adicáronnos os seus libros, agasallándonos cunha mostra da súa arte.

viernes, 11 de octubre de 2013

A hora dos contos: Outubro 2013

Trini  Puentes visitounos este xoves cargadiña de sorpresas moi especiais para todos nós.


A sesión de contos xirou en torno a un sombreiro, pero non a un sombreiro calquera se non ao sombreiro creado por Manuel Rivas “O Sombreiro Chichiriteiro”. Trini contounos este fermosos conto de Rivas no que un neno chamado Simón recolle un sombreiro dun xigantón que viaxaba montado nunha avestruz e o que acontécenlle mil aventuras.

Máis tarde Simón contounos o conto do Mago Goma; un conto en verso que narra a historia deste peculiar mago que so quere facer feliz aos nenos. Logo unha cabra que paseaba por alí cantounos unha fermosa canción onde daba paso a outro moitos animais.
O sombreiro e Simón seguiron viaxando e cantáronnos a canción “Un vello”. Regresaron a festa do avó onde converteuse nun narrador de historias e contou moitos contos a rapazada da biblioteca, como o conto dos ladróns enganados polos animais.

O rematar os conto o público fixo uns preciosos sombreiros chiciriteiros que levaron para a casa.

                                                                                                                                  
 A hora dos contos
Próxima sesión: xoves, 14 de novembro ás 18.00h

Mostra de Superheroes


Este mes adicamos a nosa mostra aos Superheroes, tan necesarios nas nosas vidas.

Con esta mostra bibliográfica e audiovisual a biblioteca quere homenaxear os grandes heroes da banda deseñada: a Superman, Linterna Verde, Batman, Hulk Os Catro Fantásticos, X-Men, tamén a outros superheroes con no tan boa prensa coma Hellboy , Wahchmen ou o noso Superlópez.

Estes personaxe herdeiros dos heroes clásicos, cunha mistura de poderes extraordinarios e situacións de conflito, xa sexan persoais ou familiares, convertéronse nun gran produto nos anos 30 nos cómics estadounidenses. Pero ata a actualidade estes heroes sufriron diferentes cambios que responden tamén a un cambio na sociedade. Todos estes cambio podémolos ver nesta mostra que estarádispoñible na biblioteca ata o día 2 de novembro para conxulta en sala ou para levar en préstamo.

Para complementar esta actividade terán lugar o día 11 de outubro unha Mesa de Superheroes. Nela acompañaranos David Rubín e Fran Bueno, dous autores e debuxantes de banda deseñada que achegarannos o feito de creación destes personaxes.


Superheroes
Do 7 de outubroao 2 de novembro de 2013
Horario de apertura da biblioteca

Sabadiño do Roque: Outubro 2013

Este sábado 5 de setembro tivemos a sorte de que acompañounos o noso amigo Roque xunto a Andrea e Óscar nunha xornada onde gozamos escoitando contos e xogando.

Como es habitual os nosos amigos Andrea E Óscar déronnos a "Benvida" coa súa fermosa canción onde cada un de nos fomos presentándonos. Este sábado había moitas caras novas, así que aprendemos novos nomes e coñecemos a moita xente.

Andrea contounos varios contos, pero o que máis nos gustou foi o de Miau, onde escoitamos a moitos animais diferentes.

Logo visitounos o noso amigo Roque, que aínda non se desprendeu da súa chupeta! E mira que a rapazada da biblioteca insiste para que a deixe porque xa e moi maior para seguir con ela. Roque estaba moi desgustado por que un neno do cole colleulle sen permiso unha das súas pinturas e Roque, queríalle pega ao neno. Xa lle contamos todos que non se pode pegar, e que tiña que solucionalo pola vía diplomática, é dicir, tiña que falar co seu compañeiro e pedirlle que lle devolvese a cor. Que non pasa nada que pode collelas, porque Roque se as deixa pero que ten que avisar.

Pero aparte deste incidente Roque está feliz de ir o cole, porque alí pinta, xoga, fai ximnasia e atopouse coas súas vellas amizades e fixo tamén novas.

Nesta ocasión Roque tamén tivo carta do seu avó Agustín onde propoñía varias adiviñas... e como a rapazada da biblioteca e moi lista as adiviñou todas. E a xente do público animouse e saíron a contar as súas adiviñas e ata algún animouse con unha poesía.

Máis tarde debuxamos todos seguindo uns puntos definidos e onde aparecían diferentes animais como un coello ou un canguro.


Para rematar cantamos a canción dos parabéns á xente que estivo este mes de aniversario e o Roque despediuse ata a próximo mes.

O sabadiño do Roque
Próxima sesión: sábado 2 de novembro ás 12.00h
*Inscrición a partir do 15 de outubro

LEMBRAMOS QUE ESTA ACTIVIDADE TEN PREVIA INSCRICIÓN POR SEGURIDADE PARA O PÚBLICO E A BOA REALIZACIÓN DA PROPIA ACTIVIDADE.

Os interesados en participar neste obradoiro poden formalizar a súa inscrición para cada unha das sesións a partir das 10.30 h do 15 de cada mes de forma presencial na biblioteca, mandando un correo electrónico a bpneiravilas@vigo.org indicando os seus datos (nome e apelidos, idade, enderezo, teléfono e correo electrónico) ou ben a través do teléfono 986 267 759. O obradoiro é gratuíto e as prazas cóbrense por orde de inscrición.