viernes, 30 de agosto de 2013

Achégate á bioloxía mariña


Parece que na praia hai algo máis que parasoles
 Este primeiro día do obradoiro que fixemos na biblioteca falamos da praia a través da historia de Gaxela, unha gaivota que vive na beira do mar. 
Despois comenzamos a elaborar o noso estupendo móbil de peixes.
           





Que lle facemos á praia?

O segundo día rematamos o noso móbil de peixes e falamos dos animais que viven na praia e vimos un documental sobre a súa vida no fondo do mar. 




  
Despois con mostras reais vimos os distintos tipos de animais que hai nos diferentes lugares do mundo, con especial atención aos que nos atopamos en Galicia.
 
   A reciclaxe e os tesouros do mar

Nesta xornada do obradoiro vimos un documental sobre como separar os residuos e un curto de animación sobre un neno que se converte en reciclador. Logo, nós
puxémolo en práctica e estivemos a separar residuos, o que resultou moi divertido.
  Despois internámonos no marabilloso mundo do coleccionismo de cunchas, coa identificación e a elaboración de fichas para comenzar a nosa colección. Dende que empezou o obradoiro estiveramos a recollelas na praia e agora chegou o momento da súa clasificación.
 
Todos somos coleccionistas

 Na última xornada seguimos cos nosos tesouros do mar clasificando as cunchas que trouxemos e deixando as caixiñas como as dun auténtico coleccionista pero !!ollo¡¡ nunca colleremos exemplares vivos.
Ao final fixemos un marcapáxinas e unhas máscaras de temas mariños.
 
A partir de agora é cando realmente nos convertiremos en auténticos coleccionistas de cunchas.

miércoles, 7 de agosto de 2013

Terrazas Literarias: Francisco Castro e Domingo Villar

Esta semana estreamos as nosas Terrazas Literarias, unha nova proposta que dende a biblioteca ofrecemos este verán para gozar do solpor, e ao tempo que tomamos un refresco poder escoitar e falar de literatura, do oficio de escritor e das nosas experiencias dunha maneira distendida e divertida.


Francisco Castro visitou de novo a biblioteca para inaugurar estas terrazas. O autor de Chamade Simbad ou Spam falou das súas experiencias, de pequenas anécdotas que lle mostraron como continuar algunha das súas novelas, das horas e do traballo que teñen os seus escritos e do seu afán de corrixir e corrixir. Explicounos como para el "escribir dende a verdade", "ese furado no peito" é o realmente importante a hora de escribir.

A idea da arte para emocionar foi o que sobrevolou durante toda a conversa desta fermosa tarde, a necesidade de amosar a arte dende a escola, xa sexa dende a literatura, as artes plásticas ou a música. Como non a música!... o gran amor deste autor que sempre quixo ser músico tamén estivo moi presente nesta conversa.

O día seguinte e coa mirada fita no ceo, por si chovía, tivemos a sorte de contar coa presenza de Domingo Villar, que interrompeu as súas vacacións para estar con nos.
Foron moitas as persoas que amosaron a súa emoción ao recordar a lectura das súas obras e o seu percorrido pola cidade na que nos atopamos.
Máis dunha risa tamén se amosou ao falar de Leo Caldas e Rafael Estévez e como estes dous personaxes das novelas Ollos de auga e A praia dos afogados son un claro exemplo do carácter dos galegos e como nos ven a xente de fóra.
Explicounos o seu modo de traballo, como crea as historias, como aparecen os seus personaxes e como non quere entregar ningunha obra ata que considera que está ben rematada... A pesar da petición da xente que estamos desexando unha nova entrega.

Dous vigueses dunha mesma xeración que viven do oficio da escritura e que teñen diferentes visións do feito literario, pero que comparten a teima de levar consigo a todas partes unha libretiña para anotar, esa idea, esa frase, un personaxe... para mergullalos na súa próxima novela e que podamos gozar léndoas e emocionándonos con elas.

Estes dous viguese fixéronnos pasar unhas tardes moi divertidas e descubrir algún que outro segredo literario E QUE ESPERAMOS REPETIR O PRÓXIMO VERÁN.