viernes, 31 de mayo de 2013

Obradoiro de comunicación oral


O mércores 22 e o luns 27 o Servizo de Normalización Lingüística organizou un obradoiro impartido pola actriz e presentadora Uxía Blanco no que expuxo algunhas das claves para comunicarse en público e facelo con éxito: vencer o medo escénico, saber modular a voz, ordenar as mensaxes...

Importante tamén é a nosa linguaxe non verbal, o que expresamos co corpo ou tamén cos nosos silencios ou pausas, ás veces tan importantes como as propias palabras.

A través de experiencias, xogos e sinxelos exercicios os asisntentes achegáronse a esta interesante temática, que pode resultar ademais de grande utilidade, especialmente na vida profesional.


martes, 28 de mayo de 2013

Contos Dakí: Paula Carballeira



Este venres a sesión de Contos Dakí ofrecéunola Paula Carballeira. Grazas aos contos  de Paula viaxamos dende a biblioteca a diferentes lugares do mundo. Viaxamos aos lúgubres páramos ingleses, ao palacio dunha princesa chinesa en busca de príncipe azul pasando e fixemos o Camiño de Santiago para que un burro namorado atopase o seu gran amor.


Esta sesión chea de contos de amor tamén estivo salpimentada polas historias de medo e de terror que tan ben narra Paula Carballeira. Contos de pantasmas, sombras, mortos e golpes na parede que nos puxo os pelos de punta ao tempo que tiña os toques necesarios de humor para non saír correndo de medo e escachar coa risa.
Paula despediuse desta temporada de Contos Dakí dando as gracias ao público que nos acompañou e á biblioteca por realizar estas sesións de contos para adultos.


Contos Dakí
Próxima sesión: venres 28 de xuño ás 19.30h
Conta: Avelino González

 

Día das Letras Galegas

A compañía de teatro Fulano Mengano e Citano acompañáronos este xoves 16 de maio. Na véspera da celebración do Día das Letras Galegas esta compañía quixo facer un homenaxe o que fora o seu compañeiro de profesión Roberto Vidal Bolaño. 


Entre pequenos sketchs, fragmentos da súas obras e dramatizacións máis ou menos inventadas da súa vida ofrecéronnos unha fermosa e orixinal obra da que foi a vida do noso homenaxeado. 



Unha vez máis esta compañía fíxonos rir e emocionarnos coa vida e a obra dun dos homes que traballou en difundir a nosa cultura e a nosa lingua.

lunes, 20 de mayo de 2013

Entre arrolos e contiños. Maio 2013

Tras a súa longa viaxe Bea Campos e David González regresaron este sábado cos seus contos e cancións.
Comezaron agasallándonos cun precioso ramo de flores e a canción do Alecrín, a flor do toxo. Mais tarde, coma sempre, cantaron a canción de benvida de Arrolos, que xa todos coñecemos.
Bea contounos a súa versión do conto clásico dos tres osiños acompañada da música do acordeón e a feroz voz de David. Logo contáronnos a magnífica e colorista historia dos animais.                          
Nesta ocasión repasamos o conto  da Lúa, que xa todos coñecíamos e que entre todos cantamos case case a perfección.
E rematamos como sempre coa nosa canción de despedida de arrolos e con outro agasallo de Bea e de David... a canción de A saia de Carolina. Xa que moitos nenos aínda non a coñecen e hai que practicar para as festas de verán.
Esta actividade fíxose en colaboración co programa da Xunta de Galicia Ler conta moito.


miércoles, 15 de mayo de 2013

Obradoiro de escrita creativa: Francisco Castro

Despois do éxito de pasadas edicións do Obradoiro de escritura creativa os pasados 13 e 14 de maio  organizause unha nova edición deste curso dirixido polo escritor e editor Francisco Castro, esta vez da man do Servizo de Normalización Lingüística.

Así, de novo os asistentes se achegaron nestas dúas xornadas ao mundo da creación literaria a través dos diferentes exercicios plantexados por Francisco Castro, grazas aos cales foi desvelando as claves da ficción literaria, que afonda no poder evocador da literatura, e cos que os participantes fosen experimentando o pracer de escribir.

Desta forma, ao longo das dúas sesións, o escritor foi desvelando algunhas das cuestións máis importantes ás que todo autor debe enfrontarse á hora de escribir, sinalando o peso das palabras, o uso da imaxinación en contra da realidade, a precisión lingüística ou a importancia da corrección.

Rematamos, como sempre, coas acertadas  palabras do propio Francisco Castro, que resumen á perfección a filosofía do escritor: "sinto a necesidade de pelexar coas palabras para que expresen o que eu realmente quero".

martes, 14 de mayo de 2013

Novo horario da biblioteca


A biblioteca Xosé Neira Vilas amplía o seu horario de apertura.




Dende o mércores 15 de maio de 2013, a biblioteca Xosé Neira Vilas amplía o seu horario de apertura, abrindo polas mañás a partir das 10.30h.


Desta forma, o horario pasa a ser o que segue:

Mañás: de martes a sábado de 10:30 a 14:00h
Tardes: de luns a venres de 17:00 a 20:30h


Do 15 de xuño ao 15 de setembro
Apertura de tarde ás 18:00h

domingo, 12 de mayo de 2013

O sabadiño do Roque. De viaxe por Galicia: O Courel

O sábado Roque, Andrea e Óscar acudiron á súa cita mensual coa biblioteca nunha nova sesión do Sabadiño do Roque.

Comezamos con historias de princesas, como a princesa que bocexaba todo o día, ata que un mozo a ensinou a xogar, e como xa non se aburría xa nunca máis volveu a bocexar. E tamén seguimos a pista do anel da princesa do Courel, envolto por un pano que roubou unha pega, que pillou un gato, que mordeu un can...

Rematados os contos, Roque presentouse un pouco resfriado, así que tivemos que darlle todos os coidados que lle recomendara o médico. Cando xa se sentía un pouco mellor, e aproveitando o mes no que estamos, entre todos cantamos os maios para subirlle o ánimo. Despois Roque recibiu a carta do avó Agustín, que curiosamente este mes estivera de excursión polo Courel!

Para rematar a xornada, xogamos unhas rondas ao "Pasa Perico, pasa Montero", e ao xa clásico "Lobo", e felicitamos o aniversario a todos os que cumpliran anos dende a última sesión!

Como sempre, todas as fotos están á vosa disposición no Álbum da biblioteca.

O sabadiño do Roque
Próxima sesión: sábado 8 de xuño ás 12.00h
*Inscrición a partir do 15 de maio

viernes, 10 de mayo de 2013

A hora dos contos. Maio 2013

Un mes máis Trini Puentes visitou a biblioteca para amenizar a tarde do segundo xoves de maio coa súa Hora dos Contos.

Nesta ocasión os contos xiraron ao redor de personaxes  que dentro do seu grupo ou especie son diferentes aos demais. Algúns aceptan sen máis a súa peculiaridade, e outros mesmo lle sacan partido

. Así, achegámonos á historia dos corcovados Xan e Perillán, da galiña Antonieta que poñía ovos fritidos ou a historia de Pulguiña, a nena que lle foi concedida a unha parella que o que máis desexaba no mundo era ter unha filla.

Desta forma decatámonos que ser diferentes non é nin bo nin malo, simplemente é unha opción máis que hai que saber aceptar!

Para rematar, como sempre, enchemos o noso Diario da Hora dos Contos cos debuxos das historias que máis nos gustaron.

A hora dos contos
Próxima sesión: xoves 13 de xuño ás 18.00h

lunes, 6 de mayo de 2013

Letras Galegas. Roberto Vidal Bolaño

A Biblioteca Xosé Neira Vilas celebra o mes das Letras Galegas cunha exposición e unha mostra bibliográfica ao redor de Roberto Vidal  Bolaño.

 
Para conmemorar o Día das Letras Galegas, adicado esta ano a Roberto Vidal Bolaño, a biblioteca Xosé Neira Vilas oraganiza  unha exposición e unha mostra bibliográfica, que permitirán achegarnos a este piar do teatro galego contemporáneo. Ademais, esta celebración cumpre o seu 50 aniversario, así que tamén serán protagonistas na biblioteca figuras destacadas das nosas letras e homenaxeadas en anos anteriores.

Así, a mostra bibliográfica recollerá unha selección das publicacións máis destacadas de Vidal Bolaño, así como estudos críticos e achegamentos á súa obra en diferentes formatos. Por outro lado, os usuarios poderán tamén curiosear entre as obras máis destacadas de personaxes homenaxeadas en anos anteriores.

Por outro lado, a exposición recolle carteis conmemorativos dos 50 anos de historia do Día das Letras Galegas.


Do 6 de maio ao 1 de xuño de 2013
Horario de apertura da biblioteca

jueves, 2 de mayo de 2013

Programación maio 2013

Xa está á vosa disposición a programación do mes de maio na biblioteca, que como non podía ser doutra forma xirará ao redor da figura de Roberto Vidal Bolaño, homenxeado este ano no Día das Letras Galegas. Ademais, esta celebración cumpre o seu 50 aniversario, así que tamén serán protagonistas na biblioteca figuras destacadas das nosas letras e homenaxeadas en anos anteriores. Desta forma, unha exposición e unha mostra bibliográfica permitirán achegarnos a este piar do teatro galego contemporáneo. O día 16, véspera das Letras, a compañía Fulano Mengano e Citano achegarannos a súa particular visión de Vidal Bolaño.

Pero tampouco faltarán as nosas actividades permanentes, tanto para os cativos (o Sabadiño do Roque, a hora dos contos, Entre arrolos e contiños) como para os adultos (Contos Dakí). Dentro as actividades de formación de usuarios celebraremos tamén unha nova edición de Achégate á internet - Procura de emprego, e organizaranse outras actividades culturais como un Obradoiro de escritura creativa a cargo do escritor Francisco Castro e un de Comunicación oral da man da actriz Uxía Blanco.

Podedes ver a información completa da programación  no seguinte enlace: 
Programa de actividades maio 2013, consultando a "Axenda de actividades" ou o menú de "Programación" no blog da biblioteca.