martes, 30 de abril de 2013

Contos Dakí. Celso Sanmartín

O pasado venres pechamos o mes adicado a Rosalía cunha sesión dos Contos Dakí moi especial: Celso Sanmartín foi o encargado de deleitarnos unha vez máis coas súas historias, pero esta vez ao redor dalgúns dos poemas máis fermosos dos Cantares Gallegos.

Cada poema ía inspirando unha historia diferente, cada temática da obra de Rosalía enlazaba cun dos contos de Celso. Así, non faltaron as referencias á natureza ou á relixiosidade popular, con exemplos como o do cura de Vilantime, que non cría en Deus, ou  o caso do cura de Arzúa que decidiu bendecir toda a auga que corría polo río ata a ponte.


Historias como sempre cargadas de humor e ironía que nos mantiveron durante unha hora pegados á cadeira e cun sorriso permanente debuxado nas facianas!


Contos Dakí
Próxima sesión: venres 24 de maio ás 19.30h
Conta: Paula Carballeira

viernes, 26 de abril de 2013

Ola ríos, ola fontes

Na tarde de onte, o Servizo de Normalización Lingüística organizou na biblioteca unha orixinal actividade de animación á lectura que tivo como condutor a Miguel Ángel Alonso Diz: Ola ríos, ola fontes!, unha achega á figura de Rosalía de Castro dende a recreación dunha terra, a nosa, chea de poesía e música que pousa no corazón dos nenos imaxes onde a natureza e os animais da nosa terra teñen un lugar importante.


Así, primeiro coñecimos un pouquiño mellor a Rosalía, recordando que este ano se cumpren os 150 anos da publicación dos seus Cantares Gallegos, data que se conmemora tamén o Día das Letras Galegas.

Despois tocounos achegarnos a algúns dos seus poemas máis coñecidos, como o de Marica, e que mellor forma de facelo que acompañándoos da doce música do ukelele. Culminamos como non co Adiós ríos, adiós fontes, ao que lle demos a volta nunha nova versión: Ola ríos, ola fontes.

Para rematar, todos os nenos participantes fixeron un debuxo co que lles foran suxerindo as verbas de Rosalía. Podedes gozar co resultado pinchando no seguinte enlace: Ola ríos, ola fontes.


miércoles, 24 de abril de 2013

Día do Libro. Obradoiro de Hip Hop

Para celebrar o Día Internacional do Libro, e celebrar así mesmo o mes de Rosalía, organizamos na biblioteca un interesantísimo obradoiro de Hip Hop, no que a obra rosaliana serviu de fío condutor. O encargado de levar a cabo esta iniciativa foi Sergio Regos "García", do colectivo Dios Ke Te Crew.

Na primeira parte, García achegou aos participantes ao mundo do Hip Hop: a súa historia, a súa cultura ou a figura dalgunhas personaxes destacadas, como Afrika Bambaataa. Así mesmo, adentrámonos nas diferentes facetas deste universo, como o breakdance, o graffiti, o dj-ing, o rap ou o beatbox. A través de vídeos e páxinas web fomos vendo diferentes exemplos, tamén galegos, de todo o que se ía explicando.

Asentados os coñecementos básicos, tocou hora de poñer todo o aprendido en práctica, así que por grupos, ou de forma individual, os participantes comezaron a elaborar unha letra a partir dunha base musical. Despois de recibir as indicacións de García sobre como encaixar música e letra, onde facer as pausas ou onde entrar, chegou o momento de lanzarnos a interpretar os distintos temas. Sobra dicir que o resultado foi espectacular!

lunes, 22 de abril de 2013

O sabadiño do Roque. De viaxe por Galicia: Padrón

Como ven sucedendo dende que empezou o mes, a sesión de abril do Sabadiño do Roque tamén xirou ao redor de Rosalía de Castro.

Para ir abrindo boca, Andrea e Óscar achegáronnos dúas estupendas historias: primeiro a de Ximena, unha nena que soñaba con ser princesa de conto, ata que comprendeu que o mellor era ser a princesa da casa, a princesa de mamá e papá. Despois tocou recuperar todo un clásico, o da Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza.

Chegou o turno de Roque, que coa chegada da primavera estaba moi poético, e que de novo recibiu na biblioteca a carta do avó Agustín. Como non podía ser doutra forma acababa de visitar Padrón e a casa de Rosalía de Castro, e foinos contando cousas moi interesantes sobre a xenial poeta. Incluso lle regalou a Roque unha fermosísima escolma poética para que fose coñecendo algúns dos seus poemas máis coñecidos!

Roque contaxiouse deseguida de tanta poesía e foi quen de improvisarnos algúns bonitos versos. Despois de tal alarde animou aos participantes a que cada un escribise un poema ou un debuxo co que completar esta poética mañá!

Podedes ver o resultado de tanta creatividade no Álbum da biblioteca

O sabadiño do Roque
Próxima sesión: sábado 11 de maio ás 12.00h
*Aberto prazo de inscrición

viernes, 12 de abril de 2013

A hora dos contos. Abril 2013

Na tarde de onte, Rosalía de Castro volveu a ser a protagonista das nosas actividades, neste caso nunha nova sesión da Hora dos contos de Trini Puentes.

Así, achegámonos a poemas tan coñecidos como o Adios ríos ou Vente rapasa, que axudaron a abrir as portas á poesía escrita en galego. De Rosalía, beberían outros moitos escritores que ao longo dos anos nos teñen deleitado coas súa historias, e así coñecemos á
Ratalinda de Compostela, de B. Graña, os versos de Fran Alonso d' O meu gato é un poeta, poemas de Yolanda Castaño ou a historia de Don Ramón e o susto que levou coa subida da marea. Aprendimos tamén que para ser un bo poeta, non debe faltar nunca un libro na nosa maleta!


Para rematar, como sempre, os participantes interpretaron a súa historia ou poesía favorita en forma de debuxos, que forman xa parte do noso Diario da hora dos contos.


A hora dos contos
Próxima sesión: 9 de maio ás 18.00h
 

jueves, 11 de abril de 2013

Entre arrolos e contiños. Abril 2013

Un mes máis a biblioteca celebrou unha nova sesión de Entre arrolos e contiños, que este mes contou con David e Sandra para amenizarnos a xornada.

Como non podía ser doutra forma, comezamos coa canción de benvida, xa todo un éxito, para pasar despois a contarnos as aventuras e desventuras do xa clásico Coelliño Branco. Aprendimos tamén como son e como viven os animais do Polo, e acompañamos a Once damas atrevidas na súa viaxe por todo o mundo! Todo como sempre coas doces e alegres melodías de David como complemento.

Ademais, como no mes de abril estamos a conmemorar a figura de Rosalía de Castro, puxémoslle música a un dos seus poemas máis coñecidos: Unha vez tiven un cravo... que xunto coa canción de despedida puxeron fin a esta fantástica sesión.






Entre arrolos e contiños
Próxima sesión: sábado 18 de maio ás 12.00h
*Inscrición a partir do 1 de maio

miércoles, 3 de abril de 2013

Día do Libro Infantil e Xuvenil. Rosalía, unha meniña


Onte celebrouse en todo o mundo o Día Internacional do Libro Intantil e Xuvenil e como non podía ser doutra forma, na biblioteca unímonos gustosos a este festexo.

Aproveitando que durante todo o mes de abril imos conmemorar o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía, editado por primeira vez na cidade de Vigo, organizamos xunto co Servizo de Normalización Lingüística a actividade Rosalía, unha meniña. 

 
Así, dous excéntricos personaxes  presentáronnos un espectáculo de poesía, historia, música e ficción poética no que nos achegaron a historia dunha nena chamada Rosalía, nada no rural galego de comezos do século XIX, que soubo sentir, soubo escoitar e soubo cantar nunha lingua de pobres que daquela non se escribía. Desta forma, a través da dramatización e coa interpretación dalgúns poemas de Rosalía musicados, coñecimos un pouco mellor a infancia e mocidade de Rosalía, a súa vida en Santiago de Compostela, os problemas aos que se enfronta, as súas amizades, etc. ata converterse na gran escritora galega que publica, un 17 de maio de 1863 os seus Cantares Gallegos.

O alcalde visita a biblioteca Xosé Neira Vilas dentro do programa "Vigo en galego con Rosalía"

No día de onte o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a concelleira de Benestar, Igualdade e Normalización Lingüística, Isaura Abelairas, visitaron a Biblioteca Xosé Neira Vilas para inaugurar a mostra bibliográfica e a exposición que con motivo do 150 Aniversario de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, se van poder ver na biblioteca ao longo de todo o mes de abril. 

Así, os usuarios da biblioteca terán á súa disposición unha escolma do material bibliográfico máis destacado do noso fondo referido a Rosalía, no que se inclúen tanto libros como outros materiais audiovisuais. Pola súa parte, a exposición amosa unha selección dalgunhas das portadas máis reseñables dos expemplares de Cantares Gallegos que ao longo destes 150 anos se teñen publicado, dende o primeira tirada en Vigo, no ano 1863, ata edicións catalanas, xaponesas, mexicanas, conmemorativas do centenario, etc. cedidas pola Fundación Penzol. Todo acompañado de diferentes obxectos da cultura popular (chapas, camisetas...) que amosan a influencia e importancia de Rosalía nos nosos días.

Por último, o alcalde e a concelleira acenderon o facho que leva percorrendo e alumenando distintos espazos da cidade dentro do programa Vigo en galego con Rosalía, que podedes consultar en detalle no seguinte enlace:




martes, 2 de abril de 2013

Día do Libro Infantil e Xuvenil

Hoxe celébrase en todo o mundo o Día do Libro Infantil e Xuvenil, e na Biblioteca Xosé Neira Vilas unímonos a este festexo coa actividade Rosalía, unha meniña, un espectáculo de poesía, historia, música e ficción poética, idóneo para conmemorar o 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, ao que adicamos o mes de abril na biblioteca.

A actividade está pensada para nenos a partir de 7 anos e comeza ás 18.00h.
Recomendámosvos que non vola perdades!

Deixámosvos ademais a mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil:

   Lemos xuntos, ti e eu. Vemos que as letras forman palabras e as palabras 
   convértense en libros que estreitamos nas nosas mans.

    Oímos murmurios
    e ríos buliciosos nas súas páxinas,
    osos que cantan
    graciosas melodías á lúa.

    Entramos en misteriosos castelos
    e das nosas mans soben ata as nubes
    árbores florecidas. Vemos nenas valentes que voan
    e nenos que atrapan as estrelas.

    Lemos xuntos. Ti e eu, dando voltas e voltas,
    percorrendo o mundo coa alegría nos libros.

Poema de Pat Mora
Tradución: Concha Blanco

lunes, 1 de abril de 2013

Achégate á arquitectura

Durante as vacacións escolares de Semana Santa organizamos na biblioteca o obradoiro Achégate á arquitectura, co que quixemos aproximar aos rapaces participantes a esta disciplina e ao fondo da biblioteca adicado á materia. 

Así, ao longo de dúas sesións, achegámonos ao mundo do urbanismo xunto cos arquitectos María Ríos e Alejandro Fernández, e para iso fomos paso a paso: primeiro explicamos o que era unha cidade, vendo distintos tipos de urbes repartidas polo mundo: antigas, futuristas, luxosas, pobres... 

Cunha maqueta en branco, puxémonos mans á obra para deseñar a nosa cidade ideal, planificando primeiro na pizarra todos os elementos que tiña que ter e onde se situarían: trazamos rúas, sendas verdes, rotondas... e tamén os edificios  e instalacións máis importantes: as escolas, o hospital, o cine, a biblioteca, as tendas, o cárcere, a discoteca, as piscinas, os parques, o aeroporto... non quedou nada por deseñar!

Por grupos, os nosos pequenos arquitectos foron construíndo con materiais de refugallo todos os elementos que estaban sobre o plano, e pouco a pouco a nosa cidade foi tomando forma...



Todas as fotos do proxecto e a evolución das obras están á vosa disposición no Álbum da biblioteca.