miércoles, 27 de marzo de 2013

Programación Abril 2013

Presentámosvos o programa de actividades para o mes de abril, que nesta ocasión vai xirar ao redor da figura de Rosalía de Castro: co gallo de festexar o ano no que se celebra o 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a cidade de Vigo, onde se publicou por primeira vez esta obra, organiza diferentes actividades ás que nos sumamos dende a Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas. Así, Rosalía de Castro e os seus Cantares Gallegos servirán de fío condutor para cada unha das sesións.

Desta forma, por un lado poderedes gozar coas nosas actividades permanentes, como o Sabadiño do Roque, Entre arrolos e contiños ou a Hora dos Contos para os máis pequenos, ou os Contos Dakí para os adultos. Pero ademais, o mes de abril é o mes do libro, con dúas importantísimas citas: o Día do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril), co obradorio Rosalía, unha meniña ou o Día do Libro (23 de abril), no que vos propoñemos un interesante obradoiro de Hip Hop da man do colectivo Dios Ke Te Crew. Non vos perdades tampouco a cita con Ola ríos, ola fontes o 25 de abril.

Ao longo de todo o mes a biblioteca acollerá tamén a exposición e a mostra bibliográfica ROSAL/A V/IGO 150 A/OS, nas que se poderán contemplar diferentes portadas de Cantares Gallegos que ao longo destes 150 anos se teñen publicado, tanto en distintos idiomas como en diferentes lugares do mundo, xunto con diferentes obxectos da cultura popular que reflicten a importancia de Rosalía nos nosos días. Todo acompañado dunha selección bibliográfica e de material audiovisual relacionado con Rosalía de Castro, que estará a disposición das persoas usuarias da biblioteca tanto en consulta en sala como para o servizo de préstamo.

Podedes consultar toda a información da programación de abril pinchando no seguinte enlace: Programa de actividades abril 2013.

Así mesmo, tedes xa á vosa disposición a programación do trimestre pinchado en Programa de actividades abril - xuño 2013 no menú "Programación" que tedes no lado dereito do blog.

lunes, 25 de marzo de 2013

Contos Dakí. Avelino González

O pasado venres Avelino González visitou de novo a biblioteca Neira Vilas dentro do ciclo Contos Dakí, que cada mes nos achega as historias dalgúns dos contadores de máis renome da nosa xeografía.

Nesta ocasión, a contada xirou ao redor do mar, elemento fundamental do país, das súas historias e lendas. Así, as sereas foron protagonistas dos primeiros relatos, a través dos que coñecimos os amores de Denís de Chantada ou Roldán de Roncesvalles con dúas fermosas sereas, e como destas descendemos moitos galegos (non temos máis que probar o sabor do noso embigo para saber se descendemos dun porco ou dunha serea). 

Pero no mar viven tamén outros seres fascinantes, como as baleas, que durante un tempo foron sustento dos bravos mariñeiros do Morrazo. Ou as lumbrighantas e os anghiachos, de cuxa relación aprendimos que un non pode estar sempre pechado na casa, que non hai mellor pan que o que un gaña por si mesmo, e que non hai peor medo que o de ter medo.

Non podían faltar tampouco as historias referidas a Vigo, e desta vez todos poidemos evocar as melodías  do carrillón da Caixa de Aforros, que durante moito tempo marcaron a vida e os tempos da cidade.

Estes e moitos outros contos conseguiron manter ao numeroso público completamente entregado ás palabras de Avelino, coas que volverá a deleitarnos o vindeiro mes de xuño. Mentres, convidámosvos á vindeira sesión dos Contos Dakí en abril.


Contos Dakí
Próxima sesión: venres 26 de abril ás 19.30h
Conta: Celso F. Sanmartín

jueves, 21 de marzo de 2013

Achégate á internet. Procura de emprego

Esta semana a Biblioteca Xosé Neira Vilas organizou unha nova edición dos talleres Achégate á internet. Procura de emprego, unha actividade encadrada dentro das accións de formación de usuarios e unha das máis demandadas. O obxectivo principal dos obradoiros foi o de formar usuarios autónomos na busca e asimilación de información, neste caso centrándonos na procura de emprego a través do uso das TIC, ofrecéndolles ferramentas específicas para a busca de traballo dispoñibles na internet.

Así, os dous talleres xiraron ao redor de dous conceptos básicos, por un lado a Busca activa de emprego a través de portais web especializados, no que os participantes tiveron a oportunidade de aprender algunhas das claves básicas para que os currículos e información que colgamos neste tipo de portais reflictan o mellor posible as nosas capacidades. Achegámonos a algunhas das páxinas máis coñecidas, así como ás ferramentas que nos poden ser de utilidade para que as nosas candidaturas a un posto de traballo sexan o máis efectivas posible.

Na segunda xornada, adicada aos Perfís profesionais nas redes sociais, vimos como sacarlle o máximo partido a este tipo de redes, dende as máis profesionais como LinkedIn, ata as de uso máis común como Facebook ou Twitter, sen esquecer tampouco páxinas persoais ou blogs. Para todas elas o importante é saber filtrar a información que publicamos nas mesmas, de forma que non prexudique as nosas posibilidades de acceder ao mercado laboral.

Se estades interesados en participar neste tipo de cursos de alfabetización dixital, tanto de busca de emprego como de iniciación á internet, permanecede atentos á programación da biblioteca: nos próximos días publicaremos o programa do vindeiro trimestre onde atoparedes información de novas edicións de Achégate á internet.

martes, 19 de marzo de 2013

Entre arrolos e contiños. Marzo 2013

Como todos os meses, marzo contou cunha nova sesión de Entre arrolos e contiños, nos que Bea e David volveron a deleitaronos coas súas historias e cancións.

Comezamos coa nova canción de benvida dos Arrolos e contiños, para continuar despois con personaxes como Frederick, que andaba agochado en mil sitios diferentes, ou o Becho estraño que pasou de ser un ovo a un rato e dun rato a un ovo... e volta a empezar!. Tampouco faltaron clásicos como Os tres porquiños, nen a música do acordeón que acompañou todas estas fantásticas historias.

Xogamos así mesmo a facernos cóxegas, sempre pensando en que o xogo favorece e estimula a relación dos pais cos seus cativos.

Para rematar, como non, a canción de despedida, que non poderemos deixar de cantaruxar ata a vindeira sesión de Entre arrolos e contiños.

Todas as fotos, como sempre, no Álbum da biblioteca

Entre arrolos e contiños
Próxima sesión: sábado 6 de abril ás 12.00

*Inscrición a partir do 1 de abril

sábado, 16 de marzo de 2013

Timoteo, o amigo do labrego

O venres a compañía Tanxarina Títeres presentou na biblioteca o seu espectáculo Timoteo, o amigo do labrego, unha adaptación de Cándido Pazó do conto de Terry Jones, relatado con animacións diversas e traballo actoral, nun divertido e permanente xogo escenográfico cheo de "gags" imaxinativos e situacións cómicas.

Así, tres tolos titiriteiros contáronnos historias que falan de cousas de agora mesmo, pero que manteñen todo o sabor dos contos tradicionais: Timoteo atopa un día un trasno que di ser seu amigo, e que precisa a súa axuda para ser liberado, polo que Timoteo terá que atopar un gran tesouro e lanzalo ao mar. Despois de mil pasar mil aventuras para cumprir co encargo, descubre que o trasno o enganara só para conseguir o tesouro. Finalmente, descobren que o mellor tesouro non é outro que ter un amigo fiel como Timoteo.

Desta forma pasamos unha estupenda tarde de venres, acompañados destes simpáticos personaxes que arrincaron en todos nós sorrisos e gargalladas, que nos invitaron tamén a cantar e acompañar a Timoteo nas súas aventuras, e que en definitiva nos engancharon con esta fermosa historia.

Podedes ver todas as fotos da actuación visitando como sempre o Álbum da Biblioteca.

viernes, 15 de marzo de 2013

A hora dos contos. Marzo 2013


Como todos os segundos xoves do mes, o día 14 Trini Puentes visitou a biblioteca para deleitarnos con outra sesión da súa Hora dos Contos, que este mes xirou ao redor do mundo da comunicación.

Como xurdiu a comunicación na prehistoria, as diferentes formas en que nos comunicamos, como se saúda a xente en diferentes países, etc. foron algunhas das cousas que puidemos aprender nesta xornada, na que por suposto non podían faltar as cancións nin os contos, como o da nena que buscaba a voz máis fermosa para agasallar á súa nai ou a historria da princesa que vivía nun castelo de crital e o príncipe que vivía no castelo de pedra.

Para rematar, entre todos enchimos novas páxinas do noso Diario da Hora dos Contos cos debuxos das historias do día que máis nos gustaran!

Como sempre, todas as imaxes da sesión están á vosa disposcición no Álbum da biblioteca.


A hora dos contos
Próxima sesión: xoves 11 de abril ás 18.00h



Obradoiro de escritura creativa. Francisco Castro

Tras o éxito da pasada edición do Obradoiro de escritura creativa e a gran demanda por parte dos usuarios da biblioteca para que repetísemos a iniciativa, os pasados 12 e 13 de marzo organizamos unha nova edición deste curso dirixido polo escritor e editor Francisco Castro.

Así, de novo os asistentes se achegaron nestas dúas xornadas ao mundo da creación literaria a través dos diferentes exercicios plantexados por Francisco Castro, grazas aos cales foi desvelando as claves da ficción literaria, que afonda no poder evocador da literatura, na idea de que todo se pode aumir como realidade, ao igual que lle sucede a Alicia no País das Marabillas. Definir un bico, unha personaxe, plantexar situacións irreais (que pasaría si...?), escribir un microrrelato, crear unha atmósfera concreta recreando a última carta dun condenado a morte... foron algunhas das actividades propostas para que os participantes fosen experimentando o pracer de escribir.

Desta forma, ao longo das dúas sesións, o escritor foi desvelando algunhas das cuestións máis importantes ás que todo autor debe enfrontarse á hora de escribir, sinalando o peso das palabras, o uso da imaxinación en contra da realidade, a precisión lingüística ou a importancia da corrección.

Rematamos de novo coas palabras do propio Francisco Castro, que resumen á perfección a filosofía do escritor: "sinto a necesidade de pelexar coas palabras para que expresen o que eu realmente quero".

jueves, 14 de marzo de 2013

Vigo en galego con Rosalía

O 17 de maio de 2013, Cantares gallegos de Rosalía de Castro, cumpre 150 anos. Esta obra, que representa o Rexurdimento da nosalingua, foi impresa en Vigo, na imprenta de Xoan Compañel.

Por este motivo, esta cidade quere renderlle homenaxe á muller que, a pesares de nacer nunha época nada propicia para as mulleres nin para as linguas “non oficias”, foi capaz de publicar esta obra determinante para a historia da nosa lingua.

Queremos conmemorar esta data como sobranceiras do renacer da lingua e literatura galegas, ademais de pór en relevancia a figura de Rosalía e a relación coa nosa cidade.

Rosalía en Vigo , Vigo con Rosalía

Na xeografía cultural e histórica de Galicia houbo un suceso que marcou para sempre o inicio dun proxecto de dignidade, dun camiño compartido, dunha esperanza de mellora para o noso pobo que nos foi modelando e nos trouxo ata aquí. Ese feito non foi unha guerra nin unha descoberta: foi un libro, foi a publicación de Cantares gallegos. E ese feito ten un nome e ten un lugar. O nome é Rosalía de Castro, o lugar é Vigo.

Organizada desde os círculos democráticos e progresistas, foi en Vigo e arredor do xornal La Oliva onde se xuntou o núcleo da primeira gran xeración que traballou e o deu todo por Galicia: Xoán Compañel (editor), os irmáns Alejandro e Eduardo Chao (ideólogos e políticos), José Ramón Fernández (mecenas) e Murguía (o líder intelectual). E por riba de todos eles, grazas ó seu talento literario, a poeta que co tempo sería a escritora nacional de Galicia: Rosalía de Castro.

E foi na rúa Real de Vigo, na casa onde se editaba La Oliva e logo El Miño, onde Rosalía viviu varios meses, os fnais de 1859. E nesa casa que era a imprenta de Xoán Compañel, moi perto do sagrado en que a amiga de Martín Codax lle cantaba ás ondas do mar de Vigo, rexurdían as letras galegas e rexurdía Galicia. En 1863 e asinado o 17 de maio vía luz na rúa Real de Vigo Cantares gallegos.

A vida individual e a vida comunal constrúense con grandes e pequenos feitos. Na vida de Rosalía e na historia de Galicia ese pequeno feito resultou decisivo. O pobo galego viuse retratado nas páxinas da autora. Nelas estaba a loita pola dignidade dun pobo, dunha terra, dunha fala. Nese libro proel que fendeu os mares do esquecemento en que xacía Galicia estaban a cultura e maila paisaxe, as festas e os traballos, as alegrías e os sufrimentos, as romarías e a emigración. E as mulleres, as mulleres.

Pero aínda hai máis. Cantares gallegos deixounos unha Galicia en proxecto, en esperanza, en “Alborada”, no que xeración tras xeración seguimos os galegos e as galegas. Un proxecto de dignidade e liberdade. Un proxecto na lingua galega. Na rúa Real, hai 150 anos.

Alumea Vigo!
Alumea Rosalía!
Alumea a túa lingua!


Podedes consultar toda a información sobre as actividades conmemorativas no seguinte enlace:

miércoles, 6 de marzo de 2013

Cándido Pazó. Contos da memoria dun neno labrego

Para celebrar que este mes de marzo a Biblioteca Xosé Neira Vilas cumpre dous anos, visitounos de novo Cándido Pazó, nesta ocasión para presentarnos os seus Contos da memoria dun neno labrego, unha sesión de contos tradicionais contados ao xeito de hoxe e para xente de hoxe, na que narrou historias das que un neno do rural de doce anos escoitaría a carón da lareira, nun velorio, nunha esfollada... Como as que escoitaría Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego, unha das obras claves de Xosé Neira Vilas.

Así, fomos coñecendo personaxes como a tía Miseria, visitada polo mismísimo San Pedro e despois pola Morte, e como conseguiu escapar das súas fauces, de aí que no mundo estea sempre presente a miseria. Tamén nos achegamos ás historias do ladrón Simón Guindán, do pobre Xaquinciño da fame e o seu preito con Lolo o Paxareta, resolto polo bo de Abel das Paces, ou soubemos de como Xan Lacazán atopou o mellor traballo do mundo: ser xenro de rei.


Unha a unha, as historias foron arrincando os sorrisos e gargalladas do público asistente, pero tamén deixaron en nós un pouso, agardando, en palabras do propio Cándido, que esas historias, as das memorias persoais de tantos e tantos nenos como Balbino, caian cando cheguen a vellos na terra fértil da escoita e volvan á memoria colectiva, para que renaza e continúe ese gran tesouro que é a nosa tradición oral.


lunes, 4 de marzo de 2013

O sabadiño do Roque. De viaxe por Galicia: Ribadeo

O pasado sábado, na nosa cita mensual co Sabadiño do Roque, volvemos a poder gozar con todas as historias e xogos que como sempre nos propuxeron Andrea e Óscar.

O conto de máquinas protagonizado polo señor Nimbo serviu para comezar a sesión, á que pronto se uniu Roque, co que grazas á carta do avó Agustín viaxamos ata Lugo, concretamente a Ribadeo e á súa fantástica praia das Catedrais. 

Ademais, Roque aproveitou a ocasión para felicitar a Andrea, e non porque estivera de aniversario, senon porque este mes levou unha grande alegría: a nosa amiga está nominada  aos Premios Max de Teatro na categoría de Mellor Autoría Teatral en Galego pola súa obra Fíos. A cerimonia terá lugar o vindeiro mes de abril, e dende a biblioteca desexámoslle toda a sorte do mundo! Estaremos pendentes das nosas pantallas de televisión para celebrar con ela esta gran festa do teatro! Podedes ver toda a información da nominación no seguinte enlace:

Sabido esto, non podíamos facer outra cousa que xogar a teatro e converternos todos en pequenos actores por uns instantes. Así, cada un dos participantes foi saíndo a escena para interpretar un personaxe: ratiños, tigres, gatos, personaxes de conto... foron algúns dos protagonistas deste divertido xogo.

Para rematar, unhas cantas rondas do xogo do Lobo e como non, felicitacións para todos os que, agora si, estiveran de aniversario ao longo do mes.

Como sempre, todas as fotos da xornada están á vosa disposición no Álbum da Biblioteca 


O sabadiño do Roque
Próxima sesión: sábado 20 de abril ás 12.00

*Inscrición a partir do 15 de marzo