
Para celebrar este aniversario presentámosvos un completo programa, no que poderedes atopar as nosas actividades permanentes, tanto as dirixidas aos máis pequenos, como o Sabadiño do Roque, a Hora dos Contos ou Entre Arrolos e contiños; como as dirixidas ao público adulto, como os Contos Dakí, que este mes conta con Avelino González como mestre de cerimonias.
Pero ademáis, convidámosvos a participar nun novo Obradoiro de escritura, a cargo de Francisco Castro, ou no tan demandado Achégate á internet: Procura de emprego, que ven da man da mostra bibliográfica deste mes: Bibliolabora, onde poderedes atopar un sinfín de recursos relacionados coa busca de emprego, a elaboración de currículos, as melloras no traballo, a xestión dos recursos humanos ou o autoemprego.
Os cativos, neste mes tan especial, contarán tamén cunha divertida obra de monicreques a cargo da compañía Tanxarina, que nos presenta o espectáculo Timoteo, o amigo do labrego.
Non queremos pasar a ocasión de convidarvos a participar na nosa próxima cita: o vindeiro martes 5 ás 19.30h, visítanos de novo, dous anos despois da apertura da biblioteca, Cándido Pazó, cunha magnífica sesión de contacontos para adultos titulada Contos da memoria dun neno labrego.
Agardámosvos!