miércoles, 30 de enero de 2013

Contos Dakí. Celso Sanmartín

O pasado venres Celso Sanmartín volveu a deleitarnos cos seus Contos Dakí, e dakolá, historias de vida recopiladas por toda Galicia que coma sempre nos fixeron rir a esgalla.



Comezamos con historias de conducir, de mocear, de pistolas, pasamos por Tarantino e outros contos de argumentos truculentos, historias de Nadal, de Cuaresma e Entroido, de curas e cazadores... ata de homes que de tanta boa sorte non teñen ganas de vivir!

Con todas elas pasóusenos o tempo voando, pero todas elas deixaron tamén en nós un pouso, e ao final, iso é o máis importante.

Celso Sanmartín volverá a visitarnos no mes de abril, pero mentres esperamos, recomendámosvos non perdervos a sesión de febreiro dos Contos Dakí.


Contos Dakí

Próxima sesión: venres 15 de febreiro ás 19.30h
Conta: Paula Carballeira

viernes, 25 de enero de 2013

Obradoiro de escritura. Francisco Castro


Esta semana, e grazas ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, o escritor e editor Franciso Castro impartiu na biblioteca un interesante obradoiro de escritura, no que os asistentes se achegaron en dúas intensas xornadas ao mundo da creación literaria, centrado no desenvolvemento da creatividade, a experimentación e o pracer de escribir.

A través dos exercicios plantexados, Francico Castro foi desvelando as claves da ficción literaria, que en definitiva debe responder á pregunta "Que pasaría si...?". Desta forma, cada un dos participantes formulou unha destas cuestións, ás que deron resposta o resto de asistentes ao obradoiro. Tiveron tamén que desenvolver unha escea amorosa acaecida nos lugares máis insospeitados (un autobús, a morgue...) ou dfinir o que é un bico despois de ler distintos exemplos.
 
Unha das tarefas máis interesantes foi a de crear un microrrelato que resultase evocador e que estivese composto de tan só 7 palabras e unha coma, á imaxe do famoso El dinosaurio de Augusto Monterroso: "Cuando despertó, el dinosaurio todavía estaba allí".

Así, ao longo das dúas sesións, o escritor foi desvelando algunhas das cuestións máis importantes ás que todo autor debe enfrontarse á hora de escribir, sinalando o peso das palabras, o uso da imaxinación en contra da realidade, a precisión lingüística ou a importancia da corrección.

Rematamos coas palabras do propio Francisco Castro, que resumen á perfección a filosofía do escritor: "sinto a necesidade de pelexar coas palabras para que expresen o que eu realmente quero".

lunes, 21 de enero de 2013

Entre arrolos e contiños. Xaneiro 2013

O pasado sábado tivemos o pracer de contar con outra sesión de Entre arrolos e contiños da man de Bea e David, un tempo no que pequenos e maiores comparten o pracer de iniciarse no amor pola música e a lectura.

Contos tradicionais como a Galiña Roxa, ou outros máis modernos como o Poliño Pepe foron algúns dos compañeiros desta xornada, na que ademais tivemos a ocasión de descubrir todos os animais que podemos atopar debaixo do mar!

Como xa é costume, non podían faltar as cancións, os arrolos e a música para completar esta mañá adicada aos máis cativiños da biblio!


Entre arrolos e contiños
Próxima sesión: sábado 16 de febreiro ás 12.00h

Inscrición a partir do 1 de febreiro ás 11.00h

domingo, 13 de enero de 2013

Encontros con escritores. Anxo Fariña

O pasado 10 de xaneiro os alumnos  de 3 e 4 anos do CEIP Chans Bembrive que acudiron á Biblioteca dentro dos nosos Programas Escolares puideron gozar da presenza do autor e ilustrador Anxo Fariña, que nos visitou grazas á colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, GALIX.


Despois de que os rapaces coñeceran os segredos da biblioteca, Anxo Fariña convidounos a participar nun divertido xogo de imaxinación no que a través do debuxo os nenos se ían transformando en seres fantásticos: dragóns, lobos, fadas... Todo comezaba cun sinxelo retrato ao que pouco a pouco se lle ían engadindo rabos, as, sombreiros, complementos, ou onomatopeas, fundamentais dentro de todo debuxo! Unha vez comprobado o poder transformador do debuxo, Anxo ensinou aos nenos como debuxar os seus coñecidos pelelliños, e paso a paso cada rapaz foi deseñando o seu propio personaxe.


Podedes ver todas as fotos desta fantástica sesión no Álbum da biblioteca

Os libros de Anxo Fariña na Biblioteca

sábado, 5 de enero de 2013

O sabadiño do Roque. De viaxe por Galicia: Baroña


Un mes máis contamos na biblioteca con Roque, Andrea e Óscar para ofrecernos outra divertida mañá de sábado.

Todos estabamos algo nerviosos porque era víspera de Reis, e como non podía ser doutra forma as historias que nos contou Andrea tiñan moito que ver con iso... primeiro coñecimos ao gato Marcel, que recibiu como agasallo un trapo vello que rematou por ser o mellor regalo posible, e despois non podía faltar nun día tan especial Martiño e o seu famoso tren!

Roque apareceu como sempre despois dos contos, e desta vez ataviado como un auténtico Rei Mago. Despois de recibir a carta do seu avó Agustín, que desta vez andaba por Baroña e o seu fermoso castro, Roque lembrou que todavía non tiña preparada a súa lista de regalos, así que entre todos axudámolo a decidir que era o que quería recibir como agasallo na noite de Reis.

Para rematar, cada un preparou un debuxo para deixar esa noite ás Súas Maxestades, e como sempre despedímonos felicitando a aqueles que estiveran de aniversario no último mes.

Como sempre, as fotos están no Álbum da biblioteca!


A hora dos contos e visita do Paxe Real

En xaneiro Trini Puentes volveu a visitar a biblioteca para unha nova sesión da súa Hora dos Contos, e estando en pleno Nadal non podían faltar os contos propios destas datas.

Comezamos falando dos Reis Magos e os requisitos que todo neno ten que ter para poder recibir un agasallo: portarse ben, ser xeneroso, ser bo amigo... para cada unha destas cualidades tiña Trini unha fermosa historia, e así, a Mosca Chosca, o Homiño de Mazapán, ou Reno Renato  foron algúns dos protagonistas dos contos da tarde. De todos eles deixaron os nenos boa constancia nos debuxos que fixeron para completar o Diario da Hora dos Contos.

E que mellor forma de rematar a tarde que recibindo a visita do Paxe Real, que acompañado do Carteiro Real foi recollendo todas as cartas que os nenos tiñan preparadas para as Súas Maxestades! Agardamos que os Reis cumprisen todos os seus desexos!




Podedes ver todas as fotos desta máxica tarde no Álbum da biblioteca.

viernes, 4 de enero de 2013

Achégate á cerámica con... Emilia Guimeráns


Durante as vacacións de Nadal, os nenos tiveron a oportunidade de experimentar o pracer de traballar a arxila da man de Emilia Guimeráns e o obradoiro Achégate á cerámica.

Ao longo de diferentes sesións foron descubrindo os distintos tipos de arxila que podemos utilizar (a branca, a negra, a vermella) e os produtos que se necesitan para poder darlle cor: así, para conseguir azul temos que aplicar óxido de cobalto, para o amarelo óxido de ferro, etc. E logo cocelo todo a 1000ºC para conseguir as fermosas pezas cerámicas que se moldearon no taller!

Maracas, vasiños, cabezas, azulexos, texturas ou animais foron os deseños ós que día tras día os participantes foron dando forma, e cuxos resultados non podedes perder no Álbum de fotos da biblioteca !!
 

miércoles, 2 de enero de 2013

Preparados, listos, xa! Mostra bibliográfica de deportes




Pasado o Nadal todos nos facemos as mesmas promesas, unha das máis repetidas é aquela de “vou comezar a facer deporte!”. Así que aquí vos presentamos unha escolma dos fondos da biblioteca máis destacados da sección de deporte, para que poidades ir escollendo o que prefirades!. En Preparados, listos, xa!  propoñémovos libros de xogos e deportes para todas as idades para poder comezar o ano en plena forma!



Preparados, listos, xa!
Do 2 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2013
Horario de apertura da biblioteca