miércoles, 18 de diciembre de 2013

Encontros con escritores


Ao longo do mes de decembro, e grazas á colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix, tivemos o pracer de celebrar na biblioteca tres encontros con algúns dos escritores máis importantes  no eido da literatura infantil do panorama actual. Estes encontros organizáronse dentro dos Programas para escolares da biblioteca, e contaron coa participación do alumnado dos centros de ensino que tiñan concertada as súas visitas á biblioteca.


Así, os alumnos do CEIP Pombal puideron gozar da visita de An Alfaya, que nos contou interesantísimas anécdotas do seu oficio de escritora, que a leva a escribir todo tipo de historias que aniñan na súa cabeza, dende contos a poemas, pasando polo teatro, etc. A inspiración para crear cada unha delas é do máis dispar, incluído o seu pequeno de 4 anos que foi o primeiro en falarlle dunha árbore que acabaría por dar título ao libro O aroma do liquidámbar.



Tamén pasou pola biblioteca Pere Tobaruela, que foi quen de crear unha pequena historia cos alumnos do Colexio Labor a partir das 7 preguntas de Gianni Rodari para crear un conto: Quen era? Onde estaba? Que facía? Que dixo? A quen llo dixo? Que lle contestaron? Como rematou todo?. Escollendo as respostas a cada unha destas preguntas os participantes convertéronse por un momento en escritores de novela negra e crearon unha truculenta historia de intriga e misterio, con cemiterios e zombies incluídos!



O último en visitarnos foi Marcos Calveiro, que confesou ao alumnado do CEIP Lope de Vega que para el escribir era un verdadeiro acto de amor, que ademais lle permite ser todo aquilo que quixo ser de neno. E é que a inspiración de moitas das súas obras remíteo de feito á súa infancia, chea de pelis do oeste, cancións, debuxos animados, tebeos... e moitos moitos libros! Porque para ser un bo escritor, é condición indispensable ser tamén un grande devorador de libros...





A todos eles queremos agradecer a súa presencia na biblioteca; de todos eles aprendimos un pouquiño máis o significado de ser escritor.



Tedes todas as fotos dos encontros no Álbum da biblioteca. Así mesmo, podedes consultar os libros que de cada un temos na biblioteca nos seguintes enlaces:
 





No hay comentarios:

Publicar un comentario