martes, 26 de noviembre de 2013

Contos Dakí. Paula Carballeira

Paula Carballeira foi a encargada de deleitarnos o pasado venres cunha nova sesión dos Contos Dakí. Desta volta, estando a piques de comezar o inverno, e sendo xa as noites longas e frías (a pesar do cambio climático), os seus contos xiraron ao redor do tema da morte, que non necesariamente teñen que ser contos de medo.
Así, fomos coñecendo historias como as dos islandeses Tormut e Target, e a súa peculiar relación despois da morte, da peixeira Dona María, que unha vez finada non sabe se ten que ir para o ceo ou para o inferno, e tras intentar entrar no ceo e ser atendida por San Pedro, Santo Tomás, San Pablo ou o mesmo Deus, decide que alí non quere quedar. E falando de personaxes bíblicos coñecimos tamén a curiosa forma en que morreu Moisés, pero tamén historias máis mundanas como a do neno que quería morrer, ou o vello que cansado de vivir vai en busca da morte.

Todas elas xeniales e todas elas capaces de arrincar un sorriso, cando non unha gargallada, entre o numeroso público que tivo o pracer de escoitar estes contos nosos dakí e tamén dalí.

Contos Dakí
Próxima sesión: venres 27 de decembro ás 19.30h
Conta: Avelino González


No hay comentarios:

Publicar un comentario